Cláudia Morán, Marta Otero e Marta Veiga, premio Sesé Mateo de xornalismo ético por unha reportaxe en Luzes sobre violencia machista

A Coruña.-O Concello de Redondela outorgou o seu quinto premio Sesé Mateo de xornalismo ético no tratamento da violencia machista ás xornalistas galegas Cláudia Morán, Marta Otero e Marta Veiga, pola súa reportaxe Todas as veces que foron un non. A peza, que analiza a cultura da violación e o impacto físico, psíquico, moral e social das agresións machistas sobre as súas vítimas, foi publicada no número 136 da revista Luzes, e en Público na súa versión en castelán.

Así o comunicou este venres o Concello de Redondela, que creou o premio, dotado con 1.500 euros, xunto á familia de María José Mateo García, Sesé, natural da localidade de Chapela, na citada vila, activista social que foi asasinada pola súa exparella o 20 de febreiro de 2017 nun crime machista.

«Foi Cláudia quen tirou de nós e quen defendeu no comité de redacción de Luzes a pertinencia de facer un número específico sobre a cultura da violación», explica Marta Veiga. «Foron semanas de conversacións longas por Whatsapp nas que tivemos a complicidade de Antía Yáñez e de Silvia López López e a confianza de Xosé Manuel Pereiro». «No resultado final son determinantes as fotografías de Marina Fernández e o traballo gráfico de María Luaces, e quero darlles as grazas a todas as mulleres que nos abriron os seus recordos dolorosos e incómodos», concluíu.

«Este premio vai por Sesé, por todas as que foron asasinadas e por todas as que sofren violencia física, sexual, vicaria ou psicolóxica, que son moitas», sinalou onte a Cláudia Morán. «Desde o xornalismo temos case todo por facer pola igualdade, e iso inclúe o noso papel fundamental como profesionais da prensa na loita contra a violencia machista. Por uns medios comprometidos, pero de verdade, coa perspectiva de xénero, que debería ser algo tan básico como o rigor informativo», engadiu.

Para Marta Otero, «é importante que un premio como o Sesé Mateo exista nun momento no que a ameaza do negacionismo destas violencias é máis intensa que nunca, co risco de que se desfagan certos consensos transversais alcanzados nos últimos anos». «O xornalismo non pode ser indolente e todo o que sexa estimular a conversación sobre o tema é necesario», defende.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail