Enfermos en padiola durante cinco horas nos corredores: novo colapso nas urxencias do hospital público de Santiago

A Coruña.- Os usuarios do hospital clínico de Santiago denunciaron un novo colapso nas urxencias do centro que tería a decenas de pacientes esperando durante horas nos corredores, encamados en padiolas ou sentados en cadeiras de rodas, nunha situación que vulneraría non só o seu dereito á asistencia médica senón tamén a súa dignidade e o seu dereito á intimidade. A Xunta, con todo, nega que tal colapso ocorrera.

Segundo a Asociación de Pacientes e Usuarios do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS), durante a tarde do pasado mércores chegou a ver máis dunha trintena de enfermos, con ingreso xa asignado en planta pola súa distinta gravidade, que tiveron que permanecer nos corredores de acceso e xunto aos ascensores, «coas padiolas amontoadas, sen garantir a mínima intimidade e sen espazo físico para os acompañantes».

«Temos constancia de pacientes que permaneceron nos corredores máis de cinco horas esperando o traslado ás zonas de atención, e de que ao longo do día [déronse momentos nos que] xa non había padiolas dispoñibles», afirma a asociación nun comunicado, no que lembra que, segundo información do propio Sergas, a ocupación de camas médicas ese día foi do 86%, con máis de 200 dispoñibles, que non se usaron por falta de persoal para atendelas. Segundo a asociación de pacientes, o mércores atendéronse 480 enfermos nas urxencias do CHUS, «un nivel de demanda similar aos existentes nestas épocas do ano».

Un só condutor de ambulancia

Os pacientes atribúen a situación a que durante toda a xornada o Sergas só tivo dispoñible un condutor para as dúas únicas ambulancias asignadas ao complexo hospitalario, «o que produciu unha demora nos traslados de alta de pacientes que, por prescrición médica, tiñan que ser levados aos seus domicilios». «Resulta inadmisible que algo tan relevante para o funcionamento adecuado das urxencias como o traslado de pacientes en ambulancia, sexa tan manifestamente insuficiente», engaden.

As mesmas fontes acusan á xerencia do hospital de empregar as urxencias como un «almacén de pacientes» onde estes sofren «custos intolerables, en termos de dano moral e físico». «As zonas de paso non son zonas de atención nin de espera, e por tanto, un paciente unha vez cualificado mediante a triaxe debe ser situado nun lugar adecuado onde se respecten os seus dereitos fundamentais, en condicións dignas de espera e coa debida vixilancia».

Luzes-Público dirixiuse ao Sergas para preguntar polas causas do colapso e para saber se comparte o argumento dos pacientes sobre a vulneración dos seus dereitos á intimidade e á asistencia médica. A pesar da evidencia que pode observarse nun vídeo dese día que se pode ver facendo clic nesta ligazón, a Xunta respondeu que «as urxencias do hospital clínico de Santiago de Compostela non sufriron ningún colapso».

Plan de continxencia

«A área sanitaria conta cun plan de continxencia de inverno acordado con todos os servizos directamente implicados, no que se definen os reforzos e incremento de recursos humanos, materiais e espaciais necesarios para manter unha atención de calidade mesmo cando se producen picos de demanada de atención. E todos estes recursos están a disposición dos enfermos e empréganse en función das necesidades», di o Sergas.

A xerencia engade que os seus «avanzados sistemas de información» permiten «a monitorización constante da situación asistencial, o que permite adoptar as medidas organizativas e de reforzo necesarias. Os enfermos clasificados con prioridade 1 son atendidos de maneira inmediata, tal e como indica o sistema de triaxe Manchester, no que se prioriza a asistencia en función da gravidade, internacionalmente recoñecido polas sociedades científicas e sistemas de saúde».

O Sergas advirte que «se está notando a chegada das afeccións respiratorias» e aconsella á cidadanía «que acuda aos seus centros de saúde a vacinarse» contra a gripe. Esta fin de semana, os hospitais da rede reforzan a dispoñibilidade de vacinación para facilitar que os grupos indicados poidan acudir a inmunizarse, sábado e domingo en horario de mañá e tarde.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail