Se non o miro, non me ve

Despois das inundacións causadas pola DINA en Valencia, cuxa xestión está sendo debatida en todos os foros públicos, algo similar ocorreu en Gales, no Reino Unido, hai dous días. A tormenta Bert apareceu da nada, a ollos das autoridades locais, e a pouca eficiencia das alarmas de temporal está recibindo críticas dos medios e das propias autoridades galesas. Gustaríame poder dicir que estou sorprendida, pero non é así.

O ano pasado, cando vivía en Barcelona, non vin nin un día de chuvia e, en cambio, este ano tamén sufriron chuvias torrenciais. Unha seca tan longa seguida dun diluvio deste calibre non é normal, e  o feito de que máis de un goberno fora sorprendido sen ter unha maneira adecuada de reaccionar e organizarse resulta máis aterrador que indignante.

Ningunha das cousas que están pasando son normais, esperadas ou naturais. Os veráns son cada vez máis quentes e os invernos menos fríos. Hai uns poucos anos, unha nova especie mestiza nacida da mestura de osos polares cos osos pardos foi descuberta por primeira vez na natureza. O cambio climático é unha das posibles causas máis debatidas polos biólogos. A temperatura global leva subindo desde finais da Revolución Industrial, pero as proxeccións indican que esta suba se está acelerando. Calcúlase que desde o 1880 subiu un grao. Se seguimos no camiño polo que imos, para o ano 2100 espérase que xa subira catro.

Mentres tanto, e malia os avisos cada vez máis urxentes da vasta maioría da comunidade científica, as organizacións internacionais e un número deprimente de gobernos parecen tomar a mesma actitude respecto do cambio climático ca os cativos respecto dos monstros que se esconden nos seus armarios: agachar a cabeza detrás das sabas e acollerse á filosofía de «se non o miro, non me ve», mentres esperan a que alguén veña salvalos. O problema é que o monstro se achega cada vez máis rápido, e aquí non vai vir ninguén.

Se ben é certo que moitos gobernos e algunhas institucións internacionais si que están comezando a tomar acción –e os seus esforzos non deben ser tomados a pouco–, non me queda outra que ser a portadora de malas novas e dicirvos que non é suficiente.

Non vale coas medidas que estamos tomando agora, non abonda con multar empresas multimillonarias cando cometen crimes contra o medio ambiente. O único que logramos así é poñerlle un prezo á vida. Para os ricos, unha multa é o mesmo ca unha etiqueta co prezo no supermercado, algo que teñen que pagar poder obter o que queren. Para ser realmente efectiva, a sanción ten que custar máis que buscar unha alternativa climaticamente responsable. Non chega con meter a cabeza na area e esperar a que veña alguén para salvarnos, porque, de novo, non vai vir ninguén.

Os psicólogos sociais refírense a este fenómeno como o «efecto espectador»: en presenza dunha traxedia, e en compañía doutras persoas, tendemos á inactividade, a asumir que alguén vai ocuparse da situación, que algún misterioso heroe vai aparecer e intervir, mentres nós soamente temos que presencialo. E, porén, se algo aprendemos da DINA de Valencia é que a xente, unha vez se decata de que tal heroe non existe e se organiza, é capaz de facer o que as autoridades non deron feito: axudar.

No espírito desa indomable humanidade, e fronte á victoria dun presidente nos Estados Unidos que non cre no cambio climático, veño a dicir isto: agora é o momento de tomar acción. Aínda estamos a tempo de frear o avance do cambio climático e de crear a posibilidade de revertelo algún día. Aínda podemos investir no futuro, na nosa descendencia, e deixarlles unha Terra máis limpa ca a que herdamos dos nosos pais. É o momento de reconciliarse co planeta, antes de que o planeta decida que non quere reconciliarse con nós.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail