Non debería pasar

Un ano máis, e xa é un clásico, a campaña da Xunta do 25N está cargada de polémica. A unha crítica xeralizada por parte do movemento feminista, Podemos, PSOE, BNG e persoas con pegada en redes sociais, o presidente Alfonso Rueda resposta, un clásico tamén, cuestionando os motivos que esas organizacións e persoas teñen para criticalo: queren patrimonializar a defensa das mulleres que é cousa de toda a poboación.

Os escenarios que debuxa a campaña son espazos públicos, están relacionados coas condutas masculinas que se condenan socialmente na lei do «si é si» –a outra polémica do momento– e non son os escenarios clásicos da violencia de xénero como o fogar, a intimidade, a relación de parella… Porén, os varóns non aparecen nas imaxes ou o texto. Só vemos os espazos, a elas, e as actitudes delas. Rueda non ve o problema que ten a campaña. Estamos advertindo as mulleres, di o presidente, para que eviten eses lugares e esas actitudes arriscadas: non é iso facer prevención? Non é iso protexer ás mulleres?

Son dúas visións diferentes do problema social das agresións sexuais. A lei do «si é si» pon o acento e procura a condena social da acción masculina de agresión, pola vía penal buscando un efecto disuasorio, pola vía educativa e a comunicación social, con campañas que mostran outras actitudes masculinas alternativas, non agresivas, non depredadoras. Porque para compartir de maneira segura os espazos públicos que son de todas e todos, as actitudes dos varón teñen que cambiar. A masculinidade non é o dominio, nin a violencia nin a agresión. A campaña da Xunta propón pola contra que a forma de evitar as agresións é autoexcluírmonos as mulleres deses espazos (a rúa de noite, a discoteca…) e evitarmos esas «actitudes» (correr soa en mallas, deixar a copa descoidada…).

O que aporta o discurso feminista ao enfoque do problema social das agresións sexuais, e Rueda parece non entender (ou aceptar), é que as mulleres somos persoas adultas con dereito pleno a ocupar o espazo público de forma segura e a mostrar o noso corpo conforme aos nosos desexos. Que se a seguridade depende de que nos recluamos ou tapemos non é democracia. E que as administracións deben velar pola protección deses nosos dereitos de cidadanía e non advertir en forma case ameazante e paternalista: se vas a estes sitios ou fas estas cousas… ti verás o que fas, non debería pasar, pero pasa. Éche o que hai. Logo non digas que non estabas avisada.

A disputa polo voto feminista vaise recruar nos vindeiros meses. Será crucial para definir maiorías nos procesos electorais de 2023. E tamén estamos a ver dúas formas de tratar esa masa importante de votantes sensibles ao discurso feminista. Para a esquerda o obxectivo será mobilizar. Converter o amplo consenso arredor das demandas feminista en votos. Primeiro colocando na axenda política os temas feministas de ampliación e garantía dos dereitos das mulleres. Entre outras: dereitos sexuais e reprodutivos, combate á violencia de xénero, ocupación do espazo público, igualdade salarial, reparto equitativo dos coidados… E presentándose logo como a única opción que fará posibles, con medidas máis ou menos eficaces, máis ou menos controvertidas ou consensuadas, esas demandas. O que historicamente ten sido absolutamente certo.

A dereita non pode competir nese relato, non ten a máis mínima credibilidade como axente de igualdade de xénero. Non hai na súa historia nada con que construílo. Xa non falo do negacionismo de VOX que os deixa fora da competición. Incluso cando Rueda di que a esquerda quere patrimonializar a «defensa» das mulleres poderiamos contestar que o fai con motivos, porque todos os avances do postfranquismo en España foron liderados pola esquerda e, na maioría dos casos, dende a súa fundación en 1989, o PP non fixo outra cousa que poñer obstáculos políticos e xurídicos a eses avances. Se non queren que a esquerda patrimonialice, que fagan propostas. Que lideren. Mais se as súas propostas son aconsellar as mulleres que sexan recatadas, non saian de noite e non provoquen, se cadra moito voto feminista non van atraer.

Así que, polo visto nos últimos tempos, tamén moi na liña «polarizadora» da dereita española, parece que o obxectivo está a ser desmobilizar pola vía de descualificar as medidas pro-dereitos e as persoas responsables de poñelas en marcha. Xa que logo, independentemente de que os datos o confirmen ou non, as medidas que se toman serán inútiles para os obxectivos feministas, serán contraproducentes e deixarán ás mulleres indefensas. E isto sucederá porque as persoas que lideran estas medidas son incompetentes, non merecen o cargo que ostentan, e actúan de forma sectaria sen contar coa opinión dos verdadeiros expertos. Este é o fío argumental do ataque a ministra Montero, nos últimos días, sobre os problemas na posta en marcha dos cambios no código penal.

Como este ataque por terra, mar, e aire veremos outros non próximos meses. Por duro que sexa para as persoas que o van padecer, é fundamental que non acaden o obxectivo de dividir e desmobilizar. Dende a diversidade dos feminismos e as esquerdas, e malia diferencias importantes, creo que somos conscientes do que supoñería o trunfo electoral do populismo de dereitas. Non é o momento de xogar a ríos revoltos. Que quede negro sobre branco, que se vexa no diario de sesións, que non esquezamos o clasismo, a grosería, o sexismo, as mentiras…

Porque non debería pasar… pero pasa.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail