E-Mc2

Hai unha técnica de representación gráfica que consiste nunha imaxe que reproduce a mesma imaxe en pequeno, e así ata un infinito teórico. Lin que se chama efecto Droste, porque quen a usou por vez primeira foi unha marca holandesa de cacao dese nome, en 1904. Moi tarde me parece, pero máis tarde aínda chegou á política Isabel Díaz Ayuso e xa atinou –ela ou quen a aconsella– a dar a mellor definición do Madrid que se foi forxando na Tardo Transición: Madrid é España dentro de España. Ou sexa: M=E2.

Observarán que engadíndolle o C de Capital, despexando o valor principal, E, e retorcendo a álxebra un chisco, poderíamos chegar a E=Mc2. Moi parecida á ecuación e=mc2 que Einstein formulou un ano despois da aparición da lata de cacao Droste e 115 antes de que Ayuso formulase a súa. A de Einstein significa que a materia non é máis ca outra forma de enerxía e que mesmo un obxecto normal e corrente, pousado tranquilamente en calquera sitio, ten unha enorme cantidade de enerxía intrínseca. Nada menos que a súa masa multiplicada polo cadrado da velocidade da luz (c, de celeritas). O e pode entenderse como a enerxía liberada cando se transforma unha certa cantidade de m, ou como a enerxía absorbida para crear unha certa cantidade de m.

Para crear unha certa cantidade de Madrid, a comunidade que antes era unha discreta provincia que estaba ao redor da capital, houbo que absorber moita España. O peor.

Pese ao que poida parecer, e a estar formuladas en campos moi distintos, as propostas da señora de peiteado e mirada de femme fatal dos anos 30 que preside Madrid D. F. e a do prestixioso guedellas que se definía como humanista, pacifista e anticapitalista, teñen un transfundo similar. Igual que a enerxía e se libera cando se transforma unha masa m, cando o M de Madrid se transforma, libérase por todas partes unha cantidade enorme de E de España. Énchese todo de bandeiras, tertulianos desatados, titulares tremebundos e toda unha serie de sinais no ceo que parece que dun momento a outro se lle vai declarar a guerra non xa a Cataluña, senón aos EUA ou a quen se poña por diante.

E ao revés, para crear unha certa cantidade de Madrid, a comunidade que antes era unha discreta provincia que estaba ao redor da capital, houbo que absorber moita España. O peor. Como cando se necesita esfolar o cu –con perdón– para enxertar a pel noutra parte máis visible ou xuntar moito refugallo orgánico para elaborar compost. Houbo que reivindicar todo un pasado –e boa parte dun presente– de desprezo á intelixencia, botar abaixo unha morea de coñecemento académico e científico acumulado aos poucos, para entronizar como gobernante, guía da estratexia do principal partido da oposición e marcadora da axenda dos principais medios do Estado a unha política –estou sendo xeneroso– mediocre. A un novo exemplo (Trump, Boris Johnson e moitos máis) de que a idiocia, a mentira e a corrupción non só non aflixen, senón que premian.

*A ilustración é de Javi Prieto.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail