Que queda do código ético?

O 15M de 2011 un berro destituínte irrumpeu nas prazas –«non nos representan!». Ía acompañado dunha solicitude para o futuro –«democracia real xa!». Logo de décadas de aceptación do réxime e políticas neoliberais, os efectos das segundas comezaban a notarse sobre o primeiro. Unha xeración que non votara no 78 esixía seguir avanzando cara á democracia sempre inacabada.  Ao cabo, non é un estado de cousas, senón o resultado continxente entre os procesos de democratización e desdemocratización.

No curto prazo, o PP gañou as eleccións e mesmo obtivo maioría absoluta pola debacle socialista. Pírrica vitoria que Rajoy prorrogou catro anos e algunha semana máis. Nas eleccións europeas o bipartidismo iniciou o seu derrubamento, aínda non superado na actualidade. Non foi a aparición de Podemos, C’s e outras forzas de novo cuño as que puxeron fin ao bipartidismo. Foi o 15M.

A perda de voto, en efecto, comezou antes mesmo da existencia de novas forzas, pero estas atopábanse fortemente implicadas no 15M, por activa, á maneira de Podemos, Comúns, Mareas e outras, ou por pasiva, ao xeito de Ciudadanos. Quen participara no 15M sabía ben das súas reivindicacións, polo que non tardaron en verse reflectidas: salario rebaixado, primarias abertas, límite de lexislaturas… O certo é que as novas forzas compartiron, cando viñan do 15M, a elaboración dalgún código ético.

Non era unha novidade. Historicamente a esquerda xa tiña, mesmo se non en igual grao, unha serie de medidas. Porén, o que se deu en chamar agora «código ético» mudou nun vector de revolución democrática. Se unimos isto ao feito, tamén inédito na esquerda, dun discurso que exprese unha vontade gañadora, podemos imaxinar axiña o pulo que se acadou. Para finais de 2014, Podemos encabezaba as enquisas electorais ao Congreso.

A formula non fallou, pero, lonxe de chegar a se implementar, comezou a ter importantes rebaixas. As primarias deixaron de ser dereitas e formuláronse todo tipo de obstáculos, cando non manipulacións obscenas sobradamente denunciadas. Cada vez quedaba menos das primeiras eleccións de Podemos, convocadas só nuns días e que reuniran milleiros de persoas cunha votación online. Nesta degradación houbo un momento crítico: a retirada dun sistema de garantías independente que xestionaba Agora Voting.

Iglesias decidiu pola súa conta, como tantas veces, deixar de contratar o servizo e encargoulle ao seu secretario de organización, Juanma Del Olmo, o «control» do proceso. De pouco ou nada serviu en adiante a invocación do espírito democrático fundacional. Unha cousa era reivindicar as presas do schmittianismo político nos primeiros momentos (tamén criticadas por Izquierda Anticapitalista) e outra moi diferente era deturpar unha votación. E se o primeiro podía ser obxecto de debate, o segundo caía fora do previsíbel e levantaba sospeitas de corrupción.

Sexa como for, o caso é que os códigos éticos, que debían ser só un comezo, convertéronse nun máximo acadado no momento constituínte. Non se afondou en cousas que deberían ser esenciais. Así, por exemplo, o principal factor de diferencia de clase neste país –a vivenda– nunca foi obxecto de debate. Os tres salarios mínimos de soldo base que percibían os cargos públicos de Podemos, e que contaban cun complemento de medio salario máis por fillo, non implicaban a propiedade da vivenda (imaxinen a diferencia!). Anunciábase xa Galapagar como parte do spanish dream que denunciara o 15M. Paradoxos previsíbeis: quen chegou ao Congreso ao berro do «Sí se puede!» da PAH esqueceu aplicarse o conto.

O último episodio desta historia rubricárono os Comúns. Trátase doutra medida estrela: a limitación de dous mandatos, tres no caso da candidatura de Ada Colau (no caso de non gañar á primeira). A medida non é sorprendente nin novidosa. Pénsese que na actualidade Trump está comprometido, ao seu pesar, polo mandato constitucional de non estar máis de dúas lexislaturas no cargo. É unha medida tan antiga como a democracia norteamericana… E isto por non falar da Atenas clásica.

Pois ben, logo de oito anos no cargo, algúns concelleiros optaron por devir deputados, outros seguiron no concello. Son moitos, de feito, os cargos electos da mal chamada «nova política» que repiten. Hai dous anos que xa caducou o duplo mandato e aí seguen quen xa sabemos, na procura dun novo mandato nas vindeiras eleccións. Curiosamente (ou non tanto), sen establecer o vencello entre a sua perpetuación nas listas e a perda constante de votos. Ai, a teoría!

Hai un vello tópico, falaz coma poucos, e froito dun sentimento de superioridade dos dirixentes de esquerda, que di: ti fai, que o pobo é idiota e traga con todo. É o resultado das autocracias estalinistas (ou da súa praxe por forzas occidentais). Comúns votou ampliar a doce anos os mandatos cunha porcentaxe de voto a favor importante, mais cunha caída da participación xeral respecto aos comezos que lles debería facer pensar en por que xa perderon as eleccións do 23X e por que seguen a perder en todas as enquisas.

Conclusión: non hai refundación nin pulo democratizador, mais a rúa vai xa pola IV Onda de Mobilizacións. O divorcio entre as rúas (e a nova xeración) e os cadros aferrados ao cargo pon en evidencia un feito decisivo: a sociedade é moito máis madura e moito máis democrática do que pensan. E, porén, no canto de afondar naquel impulso constituínte, sumáronse ao xiro xeral de todo o sistema de partidos á ultradereita. Éche o que hai.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail