Na primeira parte do episodio dobre desta semana, as Womansplainers discutimos as tradicións e os nomes do Samaín e dos Días de Santos e Defuntos, de como chegaron a nós estas tradicións e como vemos a súa evolución na sociedade galega e a chegada das influencias anglosaxonas a estas festas. Este é un día para falarmos do divino e do humano, da nosa relación coa morte e coas mortes. Falamos de cabazos, de aparecidos e doutras cousas sinistras.
Tamén discutimos forte sobre as bruxas, sobre a súa reivindicación como figuras reais por parte das feministas máis inclinadas ao misticismo e o contraste desta idea coa imaxe da bruxa como construción histórica da sociedade precapitalista nos escritos de Silvia Federici.
Por último, achegámonos á nosa propia relixiosidade -á herdada e a novas formas de espiritualidade e superstición como o horóscopo, que están a gañar forza e popularidade entre as xeracións de mulleres máis novas.