Quen é Mamed Casanova?

Detrás do mito popular sempre se atopa, sen necesidade de busca intensiva, unha existencia humana, mundana coma a de todos. Detrás dun mito sempre hai un ser que nace, que medra e que morre. Mamed Casanova naceu en Grañas do Sor, unha parroquia pertencente ao municipio coruñés de Mañón alá polo ano 1882, medrou coma o bandoleiro Toribio e morreu case sen nome, coma unha pantasma do pasado cara o ano 1946, aínda que non se dispón de datos fiables sobre cando e onde abandonou este mundo.

Mamed Casanova, o bandoleiro Toribio, nunha imaxe de xuventude.

A Galiza de finais do s. XIX conta xa cunha longa tradición en canto a bandoleirismo se refire. Mamed Casanova nace nunha Galiza que se enfronta a unha grave crise económica onde a estrutura produtiva, baseada na gandería e na agricultura de minifundio e a pequena industria artesanal e doméstica, non resiste ante a presión demográfica da modernización e do «progreso». Dous camiños se presentan ante esta situación para os galegos (as galegas non terán, as máis das ocasións, opción de escoller ningunha): a emigración ou o delito. O bandoleiro Toribio encaixa máis co coñecido coma bandoleirismo de subsistencia que coa figura do bandoleiro xusticeiro, que rouba aos ricos para darlle aos pobres, como foi común noutros puntos da Península –o coñecido Tempranillo en Andalucía, por exemplo–.

O mural do bandoleiro, realizado nas Pontes este setembro, é obra de NOVENOEL.

Con todo, Mamed Casanova convértese en bandoleiro nun momento xa tardío, onde o bandoleirismo mesmo se recorda coma unha práctica romántica. Con apenas 15 anos, ingresou no cárcere de Ortigueira por roubos menores e días despois de ser absolto por ter roubado augardente nunha taberna, decide saltar a tapia do camposanto da localidade e roubarlle o traxe a un indiano adiñeirado, coma moitos dos que viñan de volta, que acababa de falecer. Quizáis neste episodio estea a clave para entender onde se enraízan as orixes da transformación de Mamed Casanova no mito popular, no bandoleiro Toribio. Ter roubado o traxe, posiblemente coa intención tamén de facerse coas xoias e os demais bens cos que fora enterrado o defunto, non foi suficiente para aquel mozo rebelde. Así, infrinxindo os códigos legais e sociais decidiu aparecer nas festas do pobo, outros din que na misa, co traxe roubado. Os familiares do indiano recoñecen o traxe que Mamed exhibe fachendoso e, desta vez, ingresa en prisión por condena maior durante seis meses. O feito de acudir cheo de fachenda co traxe roubado é en si mesmo, un acto de rebeldía, unha intención clara de retar e de facerse ver. Sobre este episodio escribiría Ramón María del Valle Inclán no xornal El Liberal en 1903:

Eu confeso que admiro a estes bandoleiros que desdeñan a lei, que desdeñan o perigo e que desdeñan a morte. Teñen para min unha estraña fascinación moral. Aos quince anos, Mamed Casanova realizou a súa primeira fazaña, que, entre tantas, é sen dúbida a máis fermosa. Desenterrou o cadáver dun indiano, vestiu a mortalla e, ataviado desa sorte, foi á casa mortuoria para darlle o pésame á parentela de fillos e noras… Non é verdade que, esta aventura lúgubre e burlesca, ten a estraña beleza dunha fantasía urdida polo príncipe Hamlet?

Se é certo iso de que nas mans está escrito o noso destino e o noso porvir, na man de Mamed Casanova a noite do 23 de novembro do ano 1900 de seguro aparecería coma un punto de onde parten dúas liñas ben sinaladas: o paso de mozo rebelde a delincuente condenado. As vivendas dos curas e sacerdotes habituaban ser o obxectivo da maior parte de bandas de ladróns e rateiros pola fama, non infundada, de posuír cartos en efectivo e ser os principais tenentes de bens patrimoniais.

Xunto con outros catro homes entre os que se atopaba, sen sabelo, o seu propio pai, Lorenzo Balseiro, asalta a casa reitoral da súa parroquia natal, Grañas do Sor. Na fuxida deciden matar a criada do sacerdote, Manuela Domínguez, para non deixar ningunha testemuña; o sobriño pequeno da muller ficou agochado e que declararía que Mamed Casanova fora o autor do disparo. Até que o meniño falou, Mamed seguiu con normalidade repartindo o botín, pensando que ninguén os identificara. Ante o perigo, foxe ao monte durante un tempo e tras un enfrontamento nun roubo a un veciño, é capturado e mandado preso ao cárcere de Ortigueira. A súa fuxida do cárcere tras deixar inconscientes a dous gardas, e os meses que pasou fuxindo da garda civil foron o alimento mediático de moitos dos xornais da época, que elevaron a Toribio a mito popular. Durante estes tres meses o bandoleiro deambulou polos montes da provincia axudándose das persoas que, por coñecemento ou temor, o acollían; foi acumulando esmolas de curas e párrocos rurais, converténdose nunha especie de home do saco para algúns e de heroe popular para outros.

O Musolino Galego era un dos alcumes de Mamed Casanova, pola súa capacidade para escapar de prisión, semellante á de Giuseppe Musolino, coñecido como o Brigante Musolino.

Durante este tempo foise construíndo todo un imaxinario arredor da figura de Toribio; moitos afirmaban que Mamed fixera un pacto co Demo e que «unha pega carrachenta» o acompañaba sempre a xeito de amuleto, advertíndoo do perigo e dos seus perseguidores. Dise das pegas que son moi intelixentes, que rouban e agochan nos seus niños e que cando Xesús agonizaba na Cruz , foi a única das aves que non acudiu a consolalo… Non había mellor compañeira para esta figura de bandoleiro romántico feito en papel de xornal, que unha pega carrachenta; abateu a tiros de escopeta a un garda civil que berraba «Date Toribio!» e escapou inciando, coma se dun xogo infantil se tratase, unha historia de busca e captura. Finalmente, o párroco Antonio Prieto de Vilalba ofrécelle unha cea a Toribio, sabedor de que o bandoleiro quería pedirlle unha das súas esmolas, coa condición de estaren ambos desarmados. Toribio é enganado e a sobriña do párroco dá o aviso á Garda Civil. Remata así a aventura de fuxido.

Os xuízos contra Mamed Casanova comezan o 15 de novembro de 1903 e serán contido polémico en moitos dos xornais da época. De entre os moitos dos cargos dos que o acusan, o maior e causa da súa pena de morte será o asasinato de Manuela Domínguez, aínda que nunca se aclarou se fora el quen disparara. Houbo cantidade opinións enfrontadas sobre se Toribio era un delincuente ou un cabeza de turco dos caciques por terse rebelado contra unha sociedade de ricos nunha Galiza empobrecida. Emilia Pardo Bazán escribiu no xornal Ilustración Artística en 1902:

Mentres por unha parte lamentamos a insuficiencia da policía, por outra colocámonos, con derroche de romanticismo, ao lado do delincuente, e atopámolo simpático, interesante e digno de compasión.

María Casanova conseguiu o indulto do seu fillo nunha visita do rei Afonso XIII á cidade da Coruña, axeonllándose ante o por aquel entón xefe de Estado. Mamed Casanova mudou a pena de morte pola reclusión perpetua. Deambulou durante máis de vinte anos por diferentes cárceres (A Coruña, Ceuta, Valencia…) e, proclamada xa a II República, regresou á súa parroquia natal, «a un tempo que xa non era seu». Soubo representalo moi ben o xornalista Manuel López Poy na novela gráfica O fillo da furia.

Cóntase que se viu a Mamed Casanova pedindo esmolas polas rúas, que traballou nas obras do ferrocarril nun tempo no que o espazo galego se transformaba, nun tempo que non vivira. O rexistro en canto aos seus derradeiros anos de vida é moi escaso. Fronte á gran cantidade de mencións nos xornais de principios de século a aquel mozo insumiso, agora quedan as historias dos veciños e veciñas que aínda recordan a aquel bandoleiro brután que nunca conseguiu fuxir ás Américas.

A palabra icona ou ícona ven do grego eikon (imaxe). Na era da imaxe, do visual, deambulamos entre significantes e significados, símbolos e iconas de forma constante e ininterrompida; a imaxe é unha forma intrínseca de comunicación humana. A imaxe constrúese, elabórase, evoluciona, perdura ou esmorece coma as persoas que as crean e as destrúen.

Mamed Casanova, o bandoleiro Toribio, móstrase imitando a aquelas iconas de Santos, nas que ningún elemento aparece de xeito azaroso, nas que sempre hai un coidado extremo na intención de transmitir, de construír a personaxe. Unha representación relixiosa, sempre posúe unha simboloxía exclusiva que encarnan os atributos, os instrumentos que acompañan a figura.

Toribio preséntasenos con perspectiva de retablo, elevado con respecto á nosa postura, mirándonos dende arriba, ataviado co traxe roubado ao defunto indiano e co sombreiro simulando unha aureola, destacando a luz divina da personaxe. Temos deste xeito representado o seu primeiro milagre, aquela fermosa fazaña que namorou a Valle-Inclán e que o elevou coma rebelde, que o impulsou coma mito popular. En contraste, a súa profesión e condición social quedan representadas polo seu rostro, que non se corresponde co dun indiano adiñeirado, senón co dun fuxido ao monte, con xesto insumiso e derrotado, coa man en posición de pedir e dirixida cara a Capela do Carme, como din que se lle ten visto nos seus derradeiros anos e, tamén, como fixo tantas outras veces nos meses nos que estivo fuxido pedindo aos párrocos e curas rurais. A súa condición a pesares de vestir as galas impolutas, segue a ser aquela da maior parte de galegos e galegas de finais do s. XIX e comezos do XX: a de pobre; a súa profesión a de ladrón, a de rateiro e bandoleiro, que agocha baixo a chaqueta e da outra man, unha arma de fogo. Podemos interpretar que da súa condición deriva a súa profesión, que por riba do delito está a pobreza, que por riba da man que dispara está a man que pide.

Como patronato deste canonizado Toribio, amósase unha «pega carrachenta», aquela que quedou no imaxinario popular coma o amuleto do bandoleiro, que o avisaba cando a Garda Civil andaba preto e que disque Toribio exhibía con fachenda. A pega represéntase aquí cega e acompaña a Toribio en todo momento, guiándoo por un camiño que non leva a ningures, un camiño que non leva ás Américas coma el espera, senón polo camiño da noite.

Aparecen tamén representados os seus tormentos e martirios. Á súa dereita vemos, na paisaxe de fondo, a casa reitoral da súa parroquia, Grañas de Sor, a casa que asaltou naquela noite de novembro de 1900 cando asasinou a Manuela Domínguez, crime polo que sería xulgado e condenado a morte. A arma que agocha simboliza tamén o tormento daquel disparo que marcou o seu paso de vulgar rateiro a delincuente temido, do que nunca se chegou a esclarecer a súa autoría; doutra banda, na marxe esquerda do muro, aparece unha ventá con reixas, unha ventá que podería ser calquera das moitas prisións polas que pasou. Todo o fondo está en tonos azuis, dándonos a entender que Toribio vive na noite, que facendo referencia ás iconas bizantinas resalta a intervención dunha divindade, o baile entre a luz, a aureola, e a noite, o camiño cego (a pega). Do mesmo xeito, a man que suxeita a arma está pintada nunha escala de vermellos: a cor da sangue, a cor do terreal, do humano.

Finalmente, temos aqueles atributos netamente simbólicos: o triángulo centrando a parte superior, o círculo (a lúa) na marxe dereita e o cadrado (a ventá do cárcere) na marxe esquerda. As tres formas primarias e fundamentais: o infinito (círculo), a lei natural da que xorden todas as formas (triángulo) e a primeira forma que dá lugar a un dobre triángulo (cadrado). Estras tres formas recalcan o valor primario da imaxe, a súa importancia esencial na comunicación, o recordatorio de que unha simple forma simboliza todo, a base, o infinito; o simbolismo exclusivo e ao mesmo tempo universal co que dotamos as nosas iconas, os nosos significantes e significados. O mural invita á reflexión sobre as mesmas, sobre a imaxe, sobre o noso tempo e tamén sobre o de Toribio; pretende ser en si mesmo unha alegoría da creación da personaxe, unha metáfora continuada da iconografía.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail