Pena dos bicos

Os petróglifos da contorna da Torre de Hércules comezaron a ser vistos con outros ollos a partir do mes de maio de 1895, data na que o esquecido poeta, dramaturgo e xornalista Francisco María de la Iglesia González (1827-1897), nado en Santiago de Compostela e finado na Coruña, publica a súa Reseña de las inscripciones fenicias o rúnicas del litoral de La Coruña, descubertas, consonte asevera o título, por el mesmo, grande afeccionado ós tesouros mouros.

Marco Antonio Rivas, un dos arqueólogos do Concello da Coruña que recentemente acharon un «novo petróglifo» na zona de Punta Herminia, afirma que case que todos aqueles petróglifos que de la Iglesia consignou meticulosamente no seu extraordinario mapa «desapareceron» (a saber por que motivos e por mor de que mans), e que entre eles non figuraba o que se acaba de descubrir. Un que consiste «nunhas cazoletas con tres cruces», cuberto en parte por «unha capa vexetal» baixo a cal é moi probable que existan outras inscricións semellantes que, polo de agora, é mellor non airear.

Seis décadas despois daquela investigación pioneira, impagable, na entrada correspondente a «altar» do seu Diccionario Enciclopédico Gallego-Castellano (1958-1961), Eladio Rodríguez González, o célebre lexicógrafo, escribiu:

«A pena dos bicos [chamada así porque nela pinaban as parellas que crían no poder fecundador dos penedos], [é un] peñascal con gravados rupestres que ha sido descubierto en la segunda mitad del siglo XX. Hállase en las inmediaciones de La Torre de Hércules, en La Coruña, en el sitio que llaman Montealto, cerca de un polvorín que existe en la cumbre. Tiene unos seis metros, y en el centro, que es plano, se ven esculpidas unas figuras representando danzas ceremoniosas, en la que toman parte muchas mujeres y un solo hombre que está a caballo. Estas figuras de muy sencillos trazos han sido estudiadas por varios arqueólogos gallegos y de fuera de Galicia, quienes las juzgan de muchísimo interés, porque indican que el monumento se erigió en memoria de un jefe de tribu y da a conocer además las representaciones primitivas sobre la domesticación del caballo en Europa [logro recoñecido como propio dos kurgáns, os invasores da «Vella Europa», pola arqueóloga e antropóloga Marija Gimbutas]. Conócese también esta piedra como pena dos bicos».

Máis adiante, na entrada correspondente a «pena» (onde cita unha chea delas espalladas por todo o país) don Eladio teimou nesa descuberta, aínda que situándoa noutro lugar próximo ó cumio do Monte Alto:

«A pena dos bicos es una roca a flor de tierra que se halla en el punto llamado Punta Herminia, a la derecha de la carretera que conduce a la Torre de Hércules, y que tiene un gran interés por las insculturas que en ella se ven, representando danzas ceremoniosas, en las que intervienen trece mujeres y un solo hombre, a juzgar por las figuras estilizadas de sus grabados. Llámase también altar dos bicos».

Esa obra marabillosa, aínda sen datar, foi descuberta en realidade por Jesús González del Río no 1913, cando este era director do Arquivo do Reino de Galicia; e a interpretación que dela fai don Eladio é a que Juan Cabré Aguiló, un dos arqueólogos pioneiros da arte rupestre en España, deu dous anos despois, en 1915.

Daquela –podemos preguntarnos– por que un estudoso coma Rodríguez, académico fundacional da RAG, afirmou que a Pena dos Bicos apareceu «na segunda metade do século XX»? Probablemente porque foi entón, na época na que el estaba a artellar o seu Diccionario, cando grazas a alguén (non sabemos quen) con moi bo xuízo, a pena foi «rescatada» do seu emprazamento orixinal, a zona do antigo Polvorín do Orzán (que saltou polos aires en 1942), e trasladada ó Castelo de San Antón, futuro Museo Arqueolóxico da cidade (inaugurado en 1968), para evitar que o avance da explotación da canteira situada no litoral da Enseada do Orzán acabase por estragala de todo. E supoño que o «redescubrimento» da rocha sacra causaría un certo rebumbio na sociedade do momento.

Xa no Museo, a Pena dos Bicos foi malamente rebautizada como Petróglifo do Polvorín; de aí que, malia as miñas pescudas, me levase anos abondos atopala. Tanto ten. Moito antes de coñecer, por fin, estes datos que acabo de expoñer e mesmo de saber que fora daquel altar e dos seus bicos intensos, a descrición que del fixo don Eladio no seu Diccionario a min fíxome soñar. E un bo día –gran día!– suscitoume un poema. Este que agora guindo aquí, titulado denantes «Monte Alto (O petróglifo invisible)» e dedicado sempre

a Manuel Rivas

que (a)prendeu no seu ventre

As mulleres danzaban

Encadeadas

En rolda

 

Un século

Dous séculos

Século tras século

 

Un home a cabalo

Rinchaba

Entre elas

 

Denantes de elixir

A mellor para prender

A palla do seu leito

 

E así un século

Dous séculos

Século tras século

 

Mulleres

A quecer a amecer

Cun home nun cabalo

 

Ata que unha daquelas

Égoas incendiarias

Abriu os ollos ás outras

 

A rolda das irmás

Pechouse sobre si mesma

Anoándose no eixo

 

As trece danzantes

Decapitaron o home

Montaron o cabalo e

 

Así naceu esta cidade

Así se ergueu iste faro

Así medrou iste monte

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail