Os mitos só son mitos

Hai profesores aos que un lles ten un respecto inmenso, por iso, pese á distancia ideolóxica, que é moita, vexo con mágoa esta deriva que o afasta, desde hai tanto tempo, daquel home que mesmo confrontou ao seu propio partido para impulsar a primeira lei de normalización lingüística e os medios públicos de comunicación galegos. Como é un home dunha cultura inconmensurábel sabe ben que os mitos só son mitos e que o de Babel, como as películas de John Ford, estará ben contado, mais tamén o é. Mesturar ciencia política e esoterismo católico para poder argallar unha especie de conto fantástico co que transitar do mito de Babel a unha estraña e absurda defensa dos imperialismos e das súas limpezas lingüísticas aniquiladoras da riqueza cultural popular, como se os idiomas foran o lastre que impide avanzar aos pobos, non é digno dunha mente brillante. Pode ser que eu non entenda o realismo máxico? Pode.

Fáiseme imposíbel, se non é por un fin político moi mal argumentado, entender que alguén de tan vasta cultura esqueza os múltiples exemplos de estados europeos avanzados con máis dunha lingua: Bélxica, que ten tres: francés, neerlandés e alemán; Suiza, que ten catro: alemán, francés, italiano e romanche; Finlandia, onde son oficiais o sueco e o finés ou Noruega, que ten unha lingua e dúas normativas. Así poderiamos continuar até aburrir, en realidade son moitos os estados con máis dun idioma. Mesmo, de facto, nos Estados Unidos de America úsase máis de unha.

Medir o valor das linguas no número de falantes, como se un estivera mercando xoubas ao peso, non ten sentido máis alá da teima de cuantificar o intanxíbel e inmaterial para construír a falacia neoliberal da utilidade. Utilidade para quen e para que? Preguntaría eu. Valores importantes, penso, son o social e o cultural, e por cima de todo, o emocional, a súa capacidade para nos comunicar, para explicar o mundo propio e para construír as nosas relacións e propias existencias. E xa é abondo.

É certo que a globalización traga cada día moitas particularidades culturais, incluídas linguas. Iso é, precisamente, unha das máis terríbeis características dese fenómeno que tan ben cabalga o neoliberalismo para, como os catro xinetes do apocalipse, arrasalo todo en nome da produtividade, o crecemento e os beneficios empresariais. Engolen persoas, pobos, culturas e diversidade e cagan dólares que, aquí está a maxia, van sempre aos petos dos mesmos. Non obstante, un dos efectos secundarios desa globalización é que desde que todos podemos ver películas en chinés, coreano, letón, éuscaro ou suahili subtituladas ás nosas linguas confirmouse algo que é obvio: o idioma no que se filman é importante, porque as historias boas son mellores cando se contan nas linguas que se senten, saboréase máis a diversidade, a riqueza cultural e os matices do pobo que as crea. Aínda que non entendamos a súa lingua as emocións superan o signo. Aí está, como testemuña, a historia dunha vella de Forcarei sendo un éxito mundial e reinventando o noso cinema.

Precisamente, a presión do castellano, e non ao revés, é o que ameaza a nosa lingua, do mesmo xeito que a forza do portugués é a que semella ser a táboa que a pode salvar, se somos quen, algunha vez, de ires a unha integración, non só lingüística, co país do que nunca debemos ter saído. Cada día ten máis actualidade aquel vello lema da movida viguesa que cantaba Reixa: menos mal que nos queda Portugal.

Manter vivo o tesouro que é a nosa fala debémosllo aos fillos e fillas e tamén aos nosos pais, nais, avós e avoas que falaban galego mesmo cando non se podía. E se o problema de falar nas nosas linguas é de cartos podemos aforrar en reis e princesas, cazabombardeiros, subvencións a terratenentes, federacións de fútbol, gardas civís ou chiringuitos coma aquel do español dirixido por un mal actor, peor político e terríbel escritor.

Non alcanzo a comprender por que esta carpetovetonia que nos tocou é tan fráxil que todo é unha ameaza e todo é tan ofensivo. Falar nas nosas linguas molesta, casar con quen queres molesta, definirse como queres molesta, votar a quen queres molesta e sentirse o que cadaquén quere molesta. Desculpen, pero sáeme agora o comunicólogo: só hai que normalizar a diversidade e facer vontade de entenderse, talvez descobren vostedes que os idiomas serven para nos comunicar e non ao revés. É doado.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail