A Coruña.- Os médicos internistas do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS), que dirixe Eloína Núñez Masid, curmá de Alberto Núñez Feijóo, veñen de reclamar á Xunta que dote ao servizo dos medios materiais e humanos mínimos para poder atender correctamente e con garantías a demanda de asistencia da área sanitaria.
Os facultativos denuncian que a «precariedade e os «malos tratos laborais» que padecen desde hai anos provocaron a fuga de profesionais á medicina privada e a situación «límite» que agora viven, cun enorme déficit de persoal que multiplica a súa carga de traballo e compromete a calidade asistencial.
O verán pasado, e pola a inacción da xerencia, ameazaron con convocar unha folga similar á que desenvolvían entón os seus compañeiros do servizo de Otorrinolaringoloxía, e que durou ata principios deste mes.
O pasado xuño, 280 internistas da sanidade pública de Galicia, o 90% dos vinculados á Xunta incluídos os xefes de Medicina Interna dos nove hospitais máis importantes da rede do Servizo Galego de Saúde (Sergas), enviaron unha carta ao presidente do Goberno galego, Alfonso Rueda; ao conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, e á xerencia do Sergas reclamando solucións urxentes para paliar a falta de recursos.
Denunciaban que a demanda asistencial case triplicaba a asumible en condicións normais polo persoal dispoñible, e que cada médico víase obrigado a atender unha media de ata 18 pacientes ao día, cando a recomendada pola Sociedade Española de Medicina Interna é de 8.
No caso dos da área sanitaria Santiago, que conta con cinco hospitais e 34 internistas para atender a unha poboación de máis de 440.000 persoas, alertaban de que as súas medias triplicaban esa recomendación e que tiñan as porcentaxes de médicos por cada 100.000 habitantes máis baixas da sanidade galega e non permiten garantir «unha atención médica digna».
Os especialistas de Compostela piden á Xunta 15 facultativos máis, é dicir un ampliación de persoal do 40%, que abra 195 camas -moitas delas foron pechadas polos recortes executados polos Gobernos de Feijóo- e dote ao servizo de recursos tan básicos como ecógrafos e dispositivos para medir a tensión arterial, e de instalacións como despachos e salas de reunións.
Así figura no Plan Funcional que os médicos elaboraron e enviaron ao Sergas, tras acordar coa Xunta a necesidade urxente de cubrir todos eses déficits. «Só a dotación de prazas en forma de interinidades (contrato estable) poderá atraer á masa crecente de compañeiros que fuxiu da precariedade e malos tratos laboral recibido nos últimos anos nos hospitais públicos do Sergas cara a opcións como a medicina privada, outras comunidades autónomas e mesmo outros países da Unión Europea», advirten os médicos de Santiago nun comunicado. «Non é que non haxa internistas, se non que están a fuxir».
Eloína Núñez Masid, nacida en Ourense e ex concelleira do PP nesa cidade, é médico e o Sergas ascendeuna á xerencia da área sanitaria de Santiago ás poucas semanas de que o seu primo tomase posesión como presidente da Xunta en 2009. Anos despois, volveu ascendela á xerencia da área sanitaria de Santiago. Antes de deixar a Presidencia da Xunta e do PP galego para liderar o partido a nivel estatal, nomeouna vogal da executiva autonómica, onde Alfonso Rueda a mantivo.
Luzs-Público dirixiuse ao Sergas para tratar de obter a versión de Núñez Masid, pero ao peche deste artigo non obtivera resposta.