En medio da palabra-síntoma confinamento, ditada polo suceso que determina os nosos tempos, a Mostra de Cinema Periférico (S8) anunciaba novas datas. O Festival celebrarase do 27 de setembro ao 3 de outubro, catro meses despois do que é tradicional. Despois de dez edicións, resulta un núcleo indiscutido da vangarda audiovisual en Galicia, unha oportunidade cinematográfica tan sincrética e única como apreciada mundo adiante. Lonxe do sistema-espectáculo, con referentes venerables como os certames de Ann Arbor ou Oberhausen, quizais este festival, connotado coa liberdade que dá non ter sección competitiva algunha e posuír unha identidade propia, coa didáctica –un espazo de divulgación vía streaming ou en liña a modo de instrumento fixo– como compoñente fundamental, sexa unha das manifestacións culturais máis preparada para afrontar a nova situación social, inquietante para o conxunto do ámbito cultural. Agardamos a aproximación aos seus espazos, onde gozamos na última década dos Kubelka, Jacobs, Caldini, Jodie Mack ou a performatividade de Le Grice, e onde tamén se situou un punto de encontro –Sinais– para afondar nas audacias e complicidades da iconoclastia visual galega, cunha ampla listaxe de oficiantes (en activo), que van de Alberte Pagán, Margarita Ledo e María Ruido a Helena Girón e Samuel Delgado, Peque Varela, Lara Bacelo, Lois Patiño, Lucía Vilela e Marcos Flórez, David Castro, Miguel Mariño, Xacio Baño, Carla Andrade, Ramiro Ledo e Pablo Cayuela, Juan Lesta e Belén Montero, Clara Sobrino, Otto Roca, Marcos Nine, Xiana do Teixeiro, Jaione Camborda, Ángel Santos, Alexandre Cancelo, Lara e Noa Castro, Claudia Brenlla, Eloy Domínguez, Diana Toucedo, Tono Mejuto, Oliver Laxe, Xisela Franco ou Xurxo Chirro.
Na nova situación a transversalidade, a interacción con outros ámbitos, a relación coa materialidade e o espazo público deben xogar un rol privilexiado. A creación contemporánea enfróntase de xeito esquizoide ao seu futuro inmediato, ameazada a nosa presenza física nos centros de efervescencia cultural, nos lugares de expansión dos procesos elaborados; sometido a indecisión o paradigma do cambio pola virtualidade, reforzada ad aeternum polas propias dinámicas de recepción audiovisual no estado de alarma; e, paradoxalmente, sobredimensionados, a través de discursos de lexitimación narcisista, os conceptos de arte e cultura. En medio da incerteza xeral, late un pensamento: a vangarda non depende –non na mesma escala– de cifras, condicións, patrocinios, prebendas e tendencias. A priori, o impulso creador libre, tan afeito á supervivencia e á excelencia como ás veces á práctica de elite máis despectiva, dispón do talento e da capacidade para ofrecer reinvención e orixinalidade na benvida aos novos tempos.
A (perenne) precariedade, a dependencia, a febleza das políticas culturais, a inexistencia dun financiamento privado responsable das artes e o prexuízo estendido cara a cultura como un traballo menor, dificulta avances nas opcións futuras, bloquea normativas xenerosas, sabota exercicios de comprensión que empaticen co existente. Neste contexto, que nos agarda? Pode a precariedade reservar forzas e lanzar a heterodoxia? Lévanos ao consumo en liña, a novas canles de produción, a redes paralelas, a laboratorios interdisciplinarios, a estruturas cooperativas? Seremos quen –e de que maneira– de regresar á interacción directa? Será esta unha proba de lume para o talento, un darwinismo artístico en forma de epidemia? Son moitas as incógnitas que debemos resolver con urxencia, pero un aspecto é diáfano: a esixencia da consideración da cultura como un servizo esencial, social. A renuncia agora ao porvir si nos deixaría no estado de cancelados.
Os momentos marcados en Galicia como puntos de inflexión, suma de pioneirismo, renovación, pulo xeracional e avance estético, estenden influencia: a videocreación dos 80 incide nas formas da mellor televisión e marca o devir do circuíto das artes visuais. O Novo Cinema Galego despega grazas á necesidade dunha linguaxe que desborde as convencións, transitando da autoxestión e a ruptura á normalización na difusión das propostas. E son moitos os proxectos referenciais nacidos nos últimos anos no espectro experimental: o laboratorio de innovación do Chanfaina Lab; o Proxecto Socheo; a experiencia de Cris Lores e o Liceo Mutante; cineastas como Alberto Gracia, Vicente Vázquez e Usue Arrieta, Sol Musa ou Adrián Canoura e filmes colectivos como Cinema e muller (2017), coordinado por Xisela Franco e Beli Martínez.
Logo do seu pase no Festival de Berlín, antes ou despois, proxectarase unha peza fílmica que non deixará indiferente, Lúa vermella de Lois Patiño. Conserva a capacidade poética do autor mentres nos introduce nun conto onde o mito, a suxestión, a sutileza e o terror emerxen en torno á forza da comunidade. Metáfora apreciable en medio da pandemia. Ogallá, na súa conclusión, o poder de invención da colectividade estrague a depredación zombi.