Golpes Bajos

Este artigo tamén está dispoñible en: Castelán

Iván Ferreiro acábanos de facer aos adoradores de Golpes Bajos un tremendo agasallo co seu novo traballo, Cena recalentada, unha fantástica revisión dos grandes temas do que para moitos é o mellor grupo de todas as movidas dos 80.

De paso as nosas fillas e fillos, millennials e post-millennials van descubrir o singular universo que crearon o añorado Germán Coppini e os seus mozos naquela cidade de garitos en Lepanto baixo o Scalextric, Winston de batea, paro, drogas e moitas guitarras que era o Vigo de Manuel Soto e Leri. O extraordinario é que Golpes Bajos apenas duraron 3 anos, pero deixáronnos varios himnos para aquela xeración.

Cena recalentada vén así a poñerlle banda sonora a ese revival que comezou co secuestro do libro e o éxito da serie Fariña. A «Galicia Caníbal», transgresora, moderna e rompedora que tanto botamos de menos e que convivía co terrible esnaquizo que a droga provocou nas rías.

As letras de Golpes Bajos teñen preto de 40 anos e, con todo, parecen escritas esta mañá. «Malos tiempos para la lírica»; «No mires a los ojos de la gente, me dan miedo, siempre mienten»; «Festa dos maniquíes»; «A Santa Compaña», «Colecciono moscas» e tantas outras. As analoxías coa actualidade déixovolas a vós, pero van como anel ao dedo para tantos másteres, doutorados, teses e corruptelas varias.

Nunca tempos pasados foron mellores, pero estaremos de acordo en que xa non hai grupos como aqueles ou polo menos non nos decatamos. Será moi difícil volver ter a pleno rendemento á vez a xente con tanto talento como os músicos, letristas e poetas de Golpes Bajos, Sinistro Total, Os Resentidos ou Aerolíneas Federales.

Este artigo tamén está dispoñible en: Castelán

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail