A burka de Millán-Astray

Este artigo tamén está dispoñible en: Castelán

A burka é un instrumento perigoso e versátil. Tanto lle serve a un talibán como a un fascista. Cada un coa súa axenda e a burka na diana duns e outros, que a usan para controlar e prohibir. A burka é convertible. É como esa capa que tiña Harry Potter: serve para facer invisible a quen lla poña ou impoñan. Serve para ocultar ollos morados, hematomas, dentes rotos, golpes, abusos, lategazos, puñadas, torturas, patadas, violacións, cicatrices… etc. Serve para silenciar e esconder se quen a leva é unha muller de oitenta anos ou unha nena de doce.

Burka en Hyde Park. Xuño de 2010. Foto Mario Sánchez Prada CC BY-SA 2.0

A burka serve para ocultar inconveniencias menstruais, que parecen molestar máis a algúns homes que ás mulleres que teñen que sufrilas e sangralas. Serve para ocultar a primeira menstruación que, segundo os energúmenos feminicidas talibán, as «mulleres/nenas» deben ter en casa do marido. A burka serve tamén para ocultar a idade das vítimas de pedofilia porque, para os valentes guerreiros relixiosos, mentres teñas vaxina os anos non importan.

A burka serve aos extremistas para controlar, oprimir, abusar e usar a nenas e mulleres. A burka serve ao fascismo. Xa sexa o extremismo radical relixioso ou o fascismo clásico, tanto dos xabatos de VOX coma do meapilas Millán-Astray. A dereita fascista de medio mundo usa a burka como escusa para cargar contra a emigración e os dereitos humanos de calquera musulmán, calquera marroquí, calquera que teña a pel escura e fale con acento africano, sirio ou afgán.

Muller con burka e Kabul. Foto AlfredoGMx. Wikipedia

Curiosamente cando se debate prohibir a burka en Europa, elévase a simpatía polos partidos fascistas e álzase o membro teso da dereita radical antislámica. Ou o que en España é o brazo/nome de rúa que lle faltaba a Millán-Astray e que tan ben llo repuxeron os fascistoides madrileños. A burka como a pantasma do lexionario mutilado, o infame xeneral fascista que segue insultando e levantando polémicas, oprime minorías.

E tamén serve como sudario para enterrar ás que xa non poden aguantar máis. A burka serve para envolver o cadáver da escrava. É unha mortalla, un cadaleito, tanto se quen a usa está viva ou está morta. Hoxe en día, ata o bufón Almeida entendeu o valioso usufruto do sinsentido, do paradoxo, o disparate que ladraba aquel despreciable coruñés: Viva a morte! Pois era iso, imbécil: Viva a burka.

Este artigo tamén está dispoñible en: Castelán

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail