Nestes tempos en que o discurso hexemónico clama contra a supresión das fronteiras, nós temos unha que nos separa non soamente da nosa historia, senón do noso futuro. O reino suevo, a Gallaecia, as terras de Galicia-Douro ou o Eixo Atlántico son hoxe non o pasado, senón o porvir. Son unha realidade non soamente de espírito, esa mercadoría que non cotiza nos mercados de valores, mais tamén no económico, na potencialidade de desenvolvemento autónomo. ¶ Galicia e o norte de Portugal somos, por separado, zonas que adiantamos postos na clasificación da pobreza europea pola incorporación de territorios aínda máis pobres, mais xuntos seríamos a terceira referencia en poboación e en economía de toda a península. «Nós somos tanto como vós e xuntos somos máis ca vós», dixéronlle a un rei de Castela. E se iso non acontece non é só, nin sobre todo, pola supervivencia das fronteiras políticas, senón pola falta de autogoberno real dos dous territorios, polo centralismo de Madrid e Lisboa. As decisións que atinxen á que é a terceira maior entidade de poboación da Iberia toda adóptanse a 500 km de distancia, nas respectivas capitais. ¶ A memoria valente axuda a ver mellor, porque o seu pasado mira cara diante. Así, Teófilo Braga, o primeiro presidente da República portuguesa era tamén un galeguista: «Portugal foi um retalho da Galiza». ¶ Os mellores maxíns de alén e aquén Miño loitaron para que as visións afectivas fosen tamén efectivas. Mesmo o Unamuno iberista sentenciou: «Non hai fronteira máis absurda!». ¶ Saudade de futuro, o que iso é? ¶ Superar a «máis absurda fronteira» en todos os eidos, a comezar pola anacrónica ollada do vello estatismo, ancorado no centralismo enferruxado. Saudade de futuro é a dun espazo común de economía colaborativa, de enerxía e transporte alternativos, de compromiso verde contra o cambio climático, de cultura democrática e comunidades lingüísticas. O que máis ten que unirnos é a historia por facer: encher a saudade de porvir. E que este novo espazo, a Portugaliza, sexa unha referencia de navegar valente na Europa varada. ¶ Unha nova saudade para un mellor porvir.