A Comisión de Memoria da Coruña esixe a apertura ao público de todas as estancias do pazo de Meirás

A Coruña.- A Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica (CRMH) da Coruña reclamou este martes a intervención da Xunta de Galicia para que obrigue o Estado a abrir ao público todas as estancias do pazo de Meirás, ao considerar que o actual réxime de visitas incumpre a Lei de Patrimonio Cultural de Galicia.

A entidade sostén que, malia que o inmoble é xa un ben público «a todos os efectos», o acceso ao seu interior presenta máis restricións ca cando a familia Franco era a súa propietaria formal.

Un dos salóns do pazo de Meirás / Foto: Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña

Nun comunicado, a comisión cualifica de «intolerable» que dependencias que podían visitarse durante a etapa na que os herdeiros do ditador organizaban as visitas permanezan agora pechadas por decisión da Administración Xeral do Estado.

Titularidade pública

A organización lembra que o Tribunal Supremo consolidou este ano a titularidade pública do inmoble tras desestimar o recurso da familia Franco sobre os bens que permanecían no pazo, unha resolución que, ao seu xuízo, reforza a obriga de garantir un acceso normalizado ao conxunto do edificio.

A CRMH presentou unha denuncia ante a Consellería de Cultura polo que considera un «incumprimento sistemático e constante» do réxime de visitas previsto na normativa galega de patrimonio.

As torres do pazo, durante unha visita, nunha imaxe de arquivo / J. O.

A asociación reprocha ademais a «inacción» da Xunta no exercicio das súas competencias de tutela patrimonial e esíxelle que faga cumprir a lei ao Estado, propietario do pazo desde a sentenza que en 2020 devolveu Meirás ao patrimonio público tras acreditarse que a adquisición por parte da familia Franco se produciu mediante un proceso de espolio e coaccións durante a ditadura.

Denuncias e expedientes

A entidade subliña o paradoxo de que as visitas ao interior do edificio foran posibles cando os Franco estaban obrigados a abrir o inmoble pola súa condición de ben protexido, aínda que ese cumprimento foi obxecto de numerosas denuncias e mesmo de expedientes administrativos.

«Sorprende que sexa agora o Estado quen incumpre de forma reiterada esta norma», afirma a comisión, que sostén que Meirás debería ofrecer un acceso «normal e amplo», acompañado dunha programación estable para o desfrute da cidadanía.

Unha das estancias do pazo de Meirás / Foto: Comisión pola Recuperación da Memoria HIstórica da Coruña

Ademais da apertura inmediata de todas as estancias, a CRMH reclama a reactivación das comisións de traballo previstas no protocolo asinado en 2021 entre as administracións implicadas para definir o futuro do pazo.

Segundo denuncia, eses órganos non volveron ser convocados desde entón, o que paralizou o debate sobre os usos do inmoble e a súa conversión nun auténtico espazo de memoria democrática, unha reivindicación que a asociación mantén desde que o Estado recuperou a propiedade do recinto.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail