Vidas adolescentes en seis polgadas

Os grandes progresos tecnolóxicos nas áreas da comunicación sempre viñeron acompañados de temor. Temeron que a imprenta acabara co poder das ordes relixiosas; a aparición do cine preocupou polos problemas que podería ocasionar na poboación infantil; sobre os posibles efectos nocivos da televisión enchéronse páxinas de revistas científicas… Pero nada é comparable á inquedanza que está provocando a xeneralización das novas tecnoloxías e a velocidade dos cambios ligados a ela. Preocupa, sobre todo, a hiperconexión á que están sometidos nenos e adolescentes. Preocupa porque, segundo os últimos datos, pasan demasiadas horas en fronte de distintas pantallas.

«Homo digitalis»?

Son os chamados «nativos dixitais». Eses que desde o berce son capaces de manexar calquera dispositivo tecnolóxico. Eses que non saben camiñar, pero son xa capaces de pasar a pantalla do móbil de súa nai. María Couso, pedagoga experta en neuroeducación e autora do libro Cerebro y pantallas (Destino, 2024), afirma que, efectivamente, os nenos son habilidosos para premer, teclear, manexar unha pantalla táctil, pero non saben escribir un correo electrónico ordenado, crear un documento de Word cunha presentación axeitada ou navegar por Internet cun sentido crítico. A esa realidade enfróntanse a diario quen imparten clase en Secundaria. «É frecuente que estes nativos dixitais escriban o texto da mensaxe no asunto do correo electrónico ou que non saiban introducir unha táboa ou gráfico nun documento de Word», explica Luisa Antúnez, profesora de lingua castelá nun instituto de Pontevedra. A tecnoloxía non mudou o cerebro dos nenos, polo menos por agora. «O cerebro dun bebé do século XXI non difire en absoluto do do noso tataravó, non é distinto en morfoloxía nin en funcionalidade, pero vou máis alá: o cerebro dun bebé humano non variou nos últimos 50.000 anos», afirma María Couso. A cuestión é: por que se adaptan tan rapidamente ás pantallas ata o punto de converterse, en moitos casos, nun anexo do seu corpo?

A culpa é da dopamina

O noso cerebro ten un sistema coñecido como «circuíto de recompensa cerebral» que nos move a repetir aqueles comportamentos que nos fan sentir ben. Cando experimentamos algo gratificante, libérase un neurotransmisor chamado dopamina. Aparece cando practicamos sexo, se facemos exercicio, ao recibir un eloxio… Recentemente comprobouse que se activa de igual forma cando recibimos un like nas redes sociais ou a notificación dunha mensaxe. E aquí xorde o problema. Ao noso cerebro gústalle recibir gratificacións e, se se suceden rapidamente, moito mellor, polo que tentará conseguir esas descargas con frecuencia. As pantallas son perfectas para iso. Nelas cúmprense os requisitos de velocidade e repetición de estímulos. Se os nenos se afán desde moi pequenos a xogar co móbil ou a tablet, é moi posible que a vida real lles resulte lenta e menos estimulante. Para María Couso, unha das causas do uso excesivo do móbil na adolescencia podería estar relacionado con ese costume estendido de empregar as pantallas como chupete. Ese pedaciño de calma asegurada.

«Son nativos dixitais, pero logo non saben introducir unha táboa nun documento de Word» (Luisa Antúnez)

O prestixioso neurocientífico Stanilas Dehaene lembra que o máis importante nos primeiros 18 meses da criatura é a relación social e a comunicación; é dicir, que os seus pais lle falen, que interactúen con el. O perigoso para el, di, é o uso excesivo do móbil por parte de pais e nais. Así o recordou recentemente Eugenia Caretti, psiquiatra e presidenta da Asociación Madrileña de Salud Mental. Ao seu parecer, «deberiamos preguntarnos se a causa deste exceso no consumo de pantallas e desta fuxida cara ao mundo dixital por parte da mocidade non é efecto exclusivo de ingredientes adictivos, senón tamén o desexo de escapar dun mundo offline que lle resulta adverso. Se queremos que saquen as súas cabezas das pantallas, deberiamos construírlles un espazo público amable e acolledor».

O mito da multitarefa

Facer varias cousas á vez é unha das aspiracións dunha sociedade atravesada pola necesidade de producir. Xa non é extravagante ver a televisión co móbil e a tablet activas. Isto que denominamos multitarefa non é unha definición exacta, segundo a neurociencia. Só podemos levar a cabo varias tarefas se se trata de accións sinxelas ou xa moi automatizadas, pero case sempre suporá unha perda de atención sobre cada unha delas e de forma xeral. Un estudo publicado no 2017 na revista Pediatrics, unha das máis prestixiosas deste campo, confirmou que os adolescentes dedicaban como máximo seis minutos de atención a unha tarefa. No 2024 este tempo xa minguara a dous minutos e medio. Os xestores de aplicacións coñecen ben este dato e saben que os vídeos ou contidos non deben exceder esta duración. Así se conforma un círculo vicioso: contidos máis cortos e rápidos que non requiran moito tempo de concentración.

Porén, o problema xorde tamén nas aulas. «Sempre existiu o alumno que se despistaba papando moscas», sostén a docente, «pero agora observamos que o alumnado máis avantaxado necesita que cambiemos de actividade cada pouco tempo. As explicacións nunca sobrepasan os quince minutos porque sabemos que a partir dese tempo perden atención». A velocidade pasa factura desde idades moi temperás. «Necesitamos crear un clima no que a velocidade non sexa un requisito da aprendizaxe, porque cando corremos estresamos o cerebro, e o estrés é o maior inimigo da aprendizaxe», afirma María Couso.

A obrigada competencia dixital nas aulas

Desde o ano 2000, a dixitalización das escolas en España é unha carreira imparable, pero a percepción dos pais e nais españois sobre o uso das novas tecnoloxías na educación mudou significativamente nos últimos anos. Mentres que hai unha década ninguén dubidaba da necesidade e das vantaxes de integrar estas ferramentas na educación obrigatoria, os datos máis recentes indican unha diminución no apoio a estas prácticas. Segundo un estudo de Ipsos, a porcentaxe da cidadanía que considera que a tecnoloxía ten un impacto positivo na educación caeu dun 43% no 2023 ao 28% da actualidade. Un 63% apoia a prohibición dos móbiles na aula e o 73% considera que os menores de 14 anos non deberían ter acceso ás redes sociais.

«A velocidade non pode ser un requisito da aprendizaxe na aula, porque estresamos o cerebro» (María Couso)

Do mesmo xeito, distintos organismos internacionais como a UNESCO ou o informe PISA alertaron sobre os perigos de usar o teléfono móbil nos centros educativos e a conveniencia de prohibilos. De aí que en Francia, Italia, Portugal, Suecia e Reino Unidos xa tomaran medidas para regular o seu uso. Aquí, Castilla-La Mancha foi a primeira comunidade autónoma que vetou en 2014 o uso do móbil nos centros educativos, unha iniciativa á que se sumaron despois Galicia e Madrid, pero no resto predomina a autonomía de colexios e institutos, que adoitan permitilo na clase con fins didácticos, mentres que o vetan ou limitan nas zonas de recreo.

As docentes que consultamos confirman que gran parte dos conflitos entre o alumnado teñen orixe nas mensaxes dos inevitables grupos de WhatsApp da clase e, por iso, as pelexas e insultos agrándanse e prolónganse no tempo.

Lectura, papel ou pantalla?

Mentres que os dispositivos móbiles (portátiles ou tablets) van gañando terreo nas aulas en España –en Galicia o alumnado da ESO dispón dun portátil durante o curso; no conxunto do Estado, o 66% dos centros tiñan equipos dispoñibles no curso 2022-2023, sete puntos máis ca no ano anterior–, o goberno de Suecia decidiu fomentar o uso dos libros de texto nas aulas. Por que unha decisión tan sorprendente na era dixital e nun país referente en estratexias educativas? Os resultados do estudo PIRLS (Estudo Internacional para o Progreso da Comprensión Lectora) demostraron unha diminución considerable da capacidade lectora e de comprensión en alumnado con idades comprendidas entre os 10 e os 14 anos.

Con todo, a evidencia científica non é clara ao respecto. Un estudo recente publicado na revista Cell analizou o efecto que teñen os novos sistemas dixitais na comprensión lectora. Os resultados confirman o que moitas sospeitabamos: comprendemos peor se lemos en soporte dixital, especialmente se se trata de textos expositivos. Ademais, coa lectura dixital perdemos as chamadas ancoraxes, a visión espacial que nos fai lembrar onde se situaba determinada información dentro dunha páxina ou na totalidade do libro. No libro electrónico todos os textos son iguais.

Pegados a un móbil

A contorna dixital invadiu o ocio da adolescencia. Segundo o informe Impacto da tecnoloxía na adolescencia elaborado por UNICEF España, en colaboración coa Universidade de Santiago de Compostela, un esmagador 96,3% utiliza o móbil, a tablet ou o ordenador varias horas no seu tempo libre. Deles, un 31% faino máis de 5 horas ao día, cifra que ascende a case o 50% durante as fins de semana. O 94,8% dos adolescentes dispón do seu primeiro smartphone con conexión a Internet, dispositivo ao que acceden aos 10 anos por termo medio.

Carla e Sofía teñen 16 anos, estudan 1º de Bacharelato e recoñecen sen pudor que poden pasar horas deslizando o dedo por TikTok. «Como os vídeos duran pouco e son de calquera tema, enganchan». Pese á confesión, non se consideran adictas ás redes. Admiten, iso si, certa dispersión nas aulas ao usaren o libro de texto dixital (Edixgal) e din que sempre fan algunha escapada a páxinas web moi afastadas do
que están estudando. «Se te aburres, míralo un momento». O móbil é unha ventá aberta a un mundo infinito de estímulos e, de novo, activa o centro de recompensa do cerebro con ese disparo de dopamina cada vez que recibimos unha notificación, un novo Whatsapp ou un like. Este circuíto de recompensa é incontrolable na adolescencia.

«Máis daniño ca os móbiles é que as persoas adultas teñan a obriga de traballar de sol a sol mentres os fillos quedan sós» (Eugenia Caretti)

A percepción (ou evidencia) de que a mocidade só amosa interese polo móbil levou a Elizabeth García Permanyer a crear en Barcelona o primeiro chat de «adolescencia libre de móbiles». O seu obxectivo era remover conciencias para que as familias atrasasen ata os 16 anos a compra do primeiro smartphone aos seus fillos e fillas. Este movemento estendeuse por toda España e viralizouse, precisamente, a través dos móbiles. Máis de 30.000 pais e nais uníronse a esta iniciativa que se comunica a través de redes sociais e chats.

Bruno e Mateo, de 17 e 12 anos respectivamente, tamén contan con cadanseu móbil no que dedican unhas dúas horas diarias a ver vídeos en Youtube ou TikTok e usar redes sociais como Instagram. A diferenza é que Mateo accede ás redes no móbil da nai, que controla tamén os seguidores. Tanto un coma o outro destinan unha hora ao día a videoxogos, pero prefiren xogar ao fútbol cos amigos que quedarse unha tarde diante dun campo en liña.

O que é común a Sofía, Carla, Bruno e Mateo é que recoñecen que non poderían estar máis dunha semana sen móbil porque non saberían como quedar coas súas amizades.

Medo a desconectar…

De feito, xa existe un trastorno relacionado co uso do móbil: a nomofobia, un temor obsesivo a non ter preto o móbil, a quedar desconectados. Aínda non está incluído no DSM 5 (a clasificación internacional de enfermidades mentais), pero son moitos os expertos que piden que se introduza na seguinte edición. Segundo un estudo recente da universidade de La Rioja, a prevalencia de nomofobia na adolescencia aproxímase ao 50%.

Algunhas voces expertas relacionan o abuso das redes sociais co descontento co propio corpo ou síndromes coma o FOMO. Así mesmo, vinculan o exceso de xogos online coa depresión, falta de atención ou irritabilidade

Cómpre preguntármonos se a prohibición é o único camiño. Para Eugenia Caretti, «os demonizados móbiles son só a punta dun enorme iceberg. Estas prohibicións non son só cándidas, senón absurdas e contraproducentes. Que é o que si que podemos achegarlle á mocidade? Quizais deberiamos empezar por facernos cargo do incomensurable e complexo desta nova realidade humana e dedicar o tempo necesario a comprender e escoitar as nosas fillas e fillos. Máis daniño ca os móbiles en si é que as persoas adultas da casa teñan a obriga de traballar de sol a sol mentres os fillos quedan sós moitas tardes».

… e outros problemas de saúde mental

Desde 2010 aumentaron os problemas de ansiedade, depresión e intentos de suicidio na adolescencia. Cadra con que a partir desas datas aumenta tamén o tempo que están conectados dixitalmente, especialmente ás redes sociais. Pódese establecer unha relación causa-efecto? Para Caretti, «o acceso á realidade dixital mediante o simple arrastre dun dedo permítelles trasladarse dun mundo a outro, do virtual ao material, o que converte a experiencia adolescente nunha maraña de ambas realidades. As súas relacións virtuais teñen o mesmo status de realidade que as presenciais. Son capaces de forxar verdadeiras amizades e incluso relacións amorosas que nunca chegan a desvirtualizarse».

Esa translación e mestura de realidades evidénciase na maneira de concibir as redes. «Temos dúas contas de Instagram: unha aberta e outra privada, só para os amigos», explican Sofía e Carla. «Ese perfil privado dámosllo só a quen queremos; é como o noso diario persoal. Se coñecemos algún rapaz e non nos dá o seu Instagram, iso significa que non quere nada contigo».

Con todo, hai voces máis alarmistas sobre o uso abusivo da contorna dixital e, de feito, xa agrupan estes trastornos baixo o termo «adiccións sen substancia». Segundo o Observatorio Nacional de Tecnoloxía e Sociedade, o 33% da mocidade entre 12 e 16 está en risco elevado de facer un uso compulsivo de servizos dixitais.

A síndrome máis frecuente é a denominada «FOMO», abreviatura en inglés de fear of missing out ou «medo a perder algo», que consiste na angustia por ausentarse de Internet ou das redes e perder algunha experiencia, a última novidade, iso que se está comentando nese mundo virtual.

Tamén son moitos os expertos que relacionan co uso excesivo das redes sociais o crecente descontento co corpo, como se reflicte no Informe sobre Adiccións Comportamentais de 2021. O chamado trastorno dismórfico corporal (TDC) caracterízase por unha preocupación excesiva polos defectos no seu aspecto físico. Co auxe das redes sociais e da cirurxía plástica, esta enfermidade volveuse cada vez máis frecuente, principalmente porque estes pacientes pasan demasiado tempo observándose en fronte da pantalla, comparándose coas demais e asumindo uns estándares de beleza que non son realistas. Esta foi unha das razóns polas que, en 2023, máis de 40 estados de EEUU demandaron a Meta, a compañía tecnolóxica que inclúe as redes sociais de Facebook e Instagram, por «permitir empeorar a saúde mental das e dos adolescentes e só centrarse no negocio». Velaí tamén o caso de Australia, que acaba de aprobar unha lei pioneira para prohibir o acceso dos menores de 16 ás redes sociais.

O aumento de problemas de saúde mental na mocidade é unha realidade. Ante tal evidencia, Ana Freire, enxeñeira informática natural de Rábade e investigadora na Universitat Pompeu Fabra, liderou STOP, unha aplicación de intelixencia artificial para buscar modelos asociados a diversas enfermidades mentais e condutas suicidas. Logo de catro anos de funcionamento, os resultados son sorprendentes. «A primeira campaña incrementou nun 60% a cifra de chamadas ao teléfono de prevención do suicidio, e na última multiplicáronse por 10 as mensaxes no chat de axuda. Ademais, durante os tres meses que durou a última campaña, producíronse 25 activacións de servizos de emerxencia e dous rescates», explica Freire.

«Os demonizados móbiles son só a punta do iceberg. As prohibicións non son só cándidas, senón absurdas e contraproducentes.Deberiamos empezar por facernos cargo do complexo desta nova realidade humana e dedicar o tempo necesario a comprender e escoitar as nosas fillas e fillos» (Eugenia Caretti)

Sabemos que moitos adolescentes expresan o que senten sen ser xulgados grazas ao anonimato das redes. «Probablemente non o estamos facendo ben como sociedade, ao non saber escoitar sen xulgar ou sen comprender unha persoa desesperada», mantén. A pesar de que este proxecto se mete no labirinto dixital para axudar, «en xeral, vexo que as redes non son lugares seguros para a mocidade. Hai moito contido agresivo, información falsa, discurso de odio… Por non falar de que son un exemplo de tecnoloxía persuasiva para que pasemos o maior tempo nelas, e así xerar adicción», conclúe.

Xogos en liña perigosa

Xoaquín ten 15 anos, é fillo único de pais separados e cursa 3º da ESO. O que máis o motiva é xogar en liña cos seus amigos. Faino todas as tardes: «Como só e, antes de facer os deberes, xogo un pouco. Logo, cando chega miña nai do traballo, fago as tarefas da clase e intento rematar rápido para volver conectarme». A titora de Xoaquín pediu cita coa nai do rapaz porque adoitaba adormecer nas primeiras horas de clase. A nai xa sospeitaba que pola noite Xoaquín quedaba mirando o móbil un anaco, pero non sabía que moitas veces o facía «ata as catro da madrugada».

Desde 2009, a OMS considera como trastorno a adicción aos videoxogos e ao xogo en liña. Porén, aínda existe gran debate arredor do dano que poden provocar os videoxogos na adolescencia. Un estudo publicado en 2021 na revista JAMA afirma que pasar máis tempo con videoxogos ten que ver con maiores niveles de depresión, irritabilidade, falta de atención e hiperactividade. Existen máis estudos nesta liña, pero para Caretti non son moi fiables «porque a maioría buscan un resultado concreto, á parte de que en saúde mental é moi difícil obxectivar os síntomas». «Hai certo abuso en falar de adicción ás pantallas. Hai usos desmesurados, pero a maioría non son adiccións. Que nenos e adolescentes non dispoñan de tempo libre para explorar o mundo, moverse, xogar ou relacionarse debe preocuparnos, claro, temos que ver cal é a orixe».

Exista ou non unha causalidade entre o abuso das pantallas e os problemas de saúde mental na adolescencia, ninguén ve posible prescindir delas, mais cómpre controlar o seu contido e educar a poboación no seu uso. «O progreso tecnolóxico permítese só cando os produtos poden aplicarse dalgún modo a diminuír a liberdade humana», escribiu Orwell en 1984. Esperemos que esas palabras non sexan proféticas.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail