Máis armamento, máis inseguridade

«Non hai máis que caos baixo o ceo; a situación é excelente». Aínda que semella unha frase propia do humor corrosivo do Movemento Pánico, quen o dixo moi en serio foi Mao Zedong para describir as circunstancias que favorecían a súa estratexia en tempo de guerra. Nesa clave cínica, «a situación é excelente!» ben podería ser hoxe o título do balanzo de contas no negocio do armamento mundial. As grandes potencias, cun efecto de arrastre na maioría dos países, están empeñadas nunha nova carreira no incremento do gasto militar que nos devolve aos parámetros máis da «guerra fría». Como causas principais preséntanse a guerra de Ucraína, desatada pola invasión rusa, e a crecente tensión en Asia Oriental, onde os chisqueiros andan a prender a mecha que leva a Taiwán. Dende logo que son motivos que fan abanear o mundo, a comezar por esa guerra que recrúa nos eidos de Europa. Pero é tamén moi inquietante, e que nos sitúa nun horizonte doente, que a única resposta práctica sexa o multiplicar no mundo a maquinaria bélica, nunha dinámica fatalista na que ese incremento absoluto vai envolto en discursos onde palabras e conceptos como «paz» ou «diálogo» ou «cooperación» ou «relación multilateral» semellan, como diría algún gurú, «excentricidades». Termos considerados naif máis presentes nas oracións do Vaticano que na diplomacia real, a que debería procurar solucións en tempo de crise. Un tempo onde organismos que respondían a unha certa esperanza para deixar as grandes guerras no faiado dos pesadelos humanos, como a ONU e a UNESCO ou a FAO, semellan frotar na corrente como aquela figura de Rimbaud no poema do Barco ebrio: o «morto pensativo». Hai documentos imprescindíbeis para analizar o que está a pasar hoxe no mundo. Sen dúbida un deles é o informe anual do gasto militar mundial que elabora co máximo rigor o Stockholm International Peace Research Institute, coñecido polas iniciais SIPRI. No máis recente, o do 23 de abril de 2023, vaise debullando a escalada na chamada «carga militar» (o gasto en «defensa» como porcentaxe do Producto Interior Bruto). Cómpre asegurar ben os lentes antes de mergullarse neste informe que debería ocupar os informativos, as primeiras páxinas dos xornais e as conversas da xente de común. No 2022 o gasto aumentou de media no mundo un 3,7 % do PIB e contabilizou a cifra récord de 2,24 billóns de dólares. O maior gasto foi o de Estados Unidos, que destinou 877.000 millóns de dólares nese período anual, tres veces máis que China, o segunda potencia que máis «investiu», seguida de Rusia e India. España figura entre os vinte países do mundo con maior «carga militar». O incremento acadou o 7,3% do PIB, nun orzamento que supera os 20.000 millóns de dólares. Malia a altísima inflación, países como Reino Unido ou Xapón volveron a un nivel de gasto «imperial». Son cifras astronómicas, abraiantes. Que está a pasar? A gran desculpa é a «inseguridade». Mais alguén pode pensar que o mundo vai ser máis seguro destinando máis e máis recursos públicos a medios de guerra onde moitas veces o «defensivo» é un eufemismo do «ofensivo». Faise en nome da «seguridade», pero a realidade é que, como subliña Nan Tían, investigador senior do Sipri, «vivimos nun mundo máis inseguro». Mentres tanto, se desatende, ou non se afronta con dilixencia e afouteza, a grande inseguridade que azouta o planeta. A emerxencia climática e as inseguridades alimentarias e sanitarias. Walter Benjamin para referirse ao perigo de guerra química escribiu en Calle de dirección única: «Hai que cortar a mecha que arde antes de que a chispa alcance a dinamita». Ese sería o mellor gasto: unhas boas tesoiras para cortar a mecha.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail