A sentenza que condenou a CRTVG por persecución política xa é firme

O medio público non recorre o fallo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia que a condenou por sancionar ilegalmente ao xornalista Carlos Jiménez, que se significou na denuncia da manipulación informativa nos medios públicos

A Coruña.- A sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) que condenou o pasado mes de maio á Corporación Radio e Televisión de Galicia (CRTVG) por persecución ideolóxica contra un xornalista da Radio Galega adquiriu firmeza despois de que a CRTVG decidise non recorrela en casación no Tribunal Supremo.

O fallo considera probado que a dirección, que encabeza Alfonso Sánchez Izquierdo desde que Alberto Núñez Feijóo o nomeou para ese cargo no 2009, vulnerou os dereitos fundamentais do traballador ao expedientalo e sancionalo ilegalmente pola súa vinculación co movemento Defende a Galega, que desde hai catro anos denuncia a manipulación informativa na televisión e a radio pública autonómicas.

Os feitos remóntanse a novembro de 2018, cando a dirección da CRTVG abriu expediente ao xornalista Carlos Jiménez alegando que incumpría as normas de compatibilidade da empresa. Esta alegaba que traballaba para produtoras privadas, cando o que facía en realidade era presentar desde hacía sete anos e varios meses, respectivamente, senllos programas que a CRTVG encargara a empresas externas. Ademais, o xornalista obtivera no seu día o pertinente recoñecemento de compatibilidade da propia empresa para poder realizar esas tarefas.

En marzo de 2019, a dirección resolveu con todo que Jiménez incorrera nunha falta grave e sancionouno con nove días de suspensión de emprego e soldo. O xornalista recorreu á xustiza ordinaria, e a finais de 2021 o Xulgado do Social número 1 de Santiago lle deu a razón.

Segundo a xuíz, a sanción era ilegal porque a única intención que a motivou foi a intención de represalialo pola súa participación nos venres negros. Trátase das xornadas de protesta que desde xuño de 2018 organiza Defende a Galega e que levan a cabo os traballadores da CRTVG para denunciar a persecución ideolóxica que padecen, o incumprimento da lei de medios públicos de Galicia, así como a censura, a manipulación e a parcialidade dos servizos informativos dos medios públicos en favor do Partido Popular e dos gobernos de Alberto Núñez Feijóo e, desde maio pasado, de Alfonso Rueda.

Protesta dos “venres negros”, nunha imaxe de arquivo

O fallo advirte de que a compañía vulnerou o dereito á libre expresión de Jiménez, e tamén o seu dereito á tutela xudicial, xa que entre os motivos da represalia tamén figura que decidise recorrer aos tribunais para defender os seus dereitos laborais. O xornalista chegou a acumular ata dezasete sentencias xudiciais ao seu favor.

O pasado 26 de maio, o TSXG desestimou o recurso que a CRTVG había presentando contra o fallo de primeira instancia, que validou na súa integridade, e considerou probado que o motivo da apertura do expediente e da posterior sanción a Jiménez foi a súa participación nos venres negros.

A sentenza do TSXG só podía ser recorrida no Tribunal Supremo en casación, é dicir se existise algún fallo en contrario doutro tribunal superior nun caso idéntico e se requirise ao Supremo para casar doutrina. Pero a CRTVG non presentou é recurso, co que o fallo xa é firme e obriga á empresa para abonar os salarios que debe a Jiménez pola suspensión de soldo e outros 6.251 euros máis intereses «en concepto de indemnización por danos e prexuízos por vulneración de dereitos fundamentais».

Luzes-Público dirixiuse á CRTVG para coñecer os motivos polos que a dirección decidiu non recorrer a sentenza, se pensa ofrecer desculpas ao xornalista e se prevé algunha medida disciplinaria contra os responsables de vulnerar os dereitos constitucionais do traballador.

A compañía non ofreceu resposta a esas preguntas e remitíuse á comparecencia de Sánchez Izquierdo o pasado día 23 na Comisión de Control da CRTVG do Parlamento de Galicia.

Ese día, o BNG e o PSOE esixíronlle responsabilidades polas máis de 400 sentenzas condenatorias que recibiu durante o seu mandato por vulneración de dereitos, despedimentos ilegais, contratacións irregulares, servizos mínimos abusivos para rebentar folgas e diversas reclamacións de cantidades adebedadas aos traballadores. Só no último ano, o TSXG fallou en dezaoito ocasións contra a CRTVG por eses motivos.

 

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail