Orgullo, anque foda

Este artigo tamén está dispoñible en: Castelán

A muller que estremece cando cruza a mirada cunha compañeira de curro. O futbolista que non se atreve a desnudar o seu desexo entre os compañeiros. A nena que naceu con pito, pero que vai camiño de converterse nunha estupenda muller. O estudante que sofre o baleiro dos seus compas debido á súa fala refinada. O cura que se cita cos seus amantes lonxe da súa parroquia. O chaval que morre de desexo por cun colega do instituto, pero que petardea coas compañeiras para agochar a súa verdade.

 

O pai de familia que casou unha tipa simpática e agarimosa coa que tivo tres fillos, pero que tontea a través do Grindr con outros maduros interesantes, sen ánimo de que nada mude na súa vida. O hipster liberado que adora o cruising de praia. O mariñeiro que ao chegar de Malvinas visita a sauna case cada día. A militar que casou publicamente con outra militar demostrando que a forza nace de cada un. O xubileta que visita o cruising de autoestrada no solpor. A marica tráxica que todo o que lle pasa o relaciona coa súa condición de gay.

 

O empregado de banca que se axoenlla de noite diante de calquera púbere para felar coma se non houbese mañá. O veciño da casa dos teus pais que treme ao cruzarse contigo porque o teu paquete pono a cen, pero segue co seu aceno impersonal e machirulo. Aquela moza que despois de 30 anos segue namorada de ti porque ningunha outra muller lle fixo sentirse máis libre e plena que cando te coñeceu naquela festa familiar. A marica-Circuit, poderosa, estimulada e bailonga. O chaval que xa pasou os trinta e xa fartou do sexo de usar e tirar. Mónica, que antes de operarse chamabase Raúl e un día anunciou no seu traballo que trala súa incorporación xa non sería un home, senón unha muller.

 

Revisade unha a unha esas vidas. Imaxinade como construíron as súas biografías, cuestionando costumes, esquivando comentarios, inventando escusas, provocando situacións, desculpando cuchicheos, defendendo relatos, reprimindo opinións, constatando desprezos, celebrando vitorias.

 

O revisor de Renfe que ten amigos e amantes en todas as estacións término das liñas da península, e que converteu esa peregrinación no seu estilo de vida. A mestra que inspirou os teus soños infantís e que che axudou a ser a lesbiana feliz que hoxe es. O velliño que pasou toda a vida defendéndose dos díxome-dixo, cheo de vergoña porque gostaba de foder no medio do millo con mozos da volta. As que toda a vida pasearon xuntas. Aquel que embebedaba nas festas para soportar os arrebatos chonis do momento, coas mozas reclamando. O gay dopado que non sae dos saraos de Sitges, Torremolinos, Maspalomas ou Madrid. E o que casou con muller por inercia, porque seguía inspirándose no seu curmán para consumar.

 

Ese outro ancián que de noviño palicaba coas costureiras que deprendían a bordar, aló polos anos 50. E os que iniciaron unha vida en común tras divorciárense das súas respectivas mulleres, despois de seren os catro amigos inseparabeis. A que é quen de pegarse con quen sexa que ouse meterse coa súa nena. O chaval que quere seguir sendo home pero lle mola vestirse coa roupa das súas amigas. Quen viaxa a Berlín cada ano para gozar da súa experiencia scat cinco estrelas. O ministro que antes era xuíz e manda na Policía. O xinecólogo da súa filla. A cincuentona matrimoniada con varón que sempre reprimiu o seu amor de xuventude, unha compañeira de instituto a quen perdeu a pista.

 

Os maricóns maiores que no seu tempo tiñan que mesturarse nos prostíbulos para sentírense libres da abafante dictadura. A monxa que sabe ben que facer cando lle pica, loubado sexa Deus por traerme de tan lonxe esa morenaza intelixente que me fai levitar antes da bendición eucarística. O médico que fai co seu marido unha vida ordinaria, común, normalizada, asumida polo sistema de valores e, sobre todo, polo capitalismo desprexuizado. O empregado da construción que vive co seu home de sempre, camareiro e axúdanse e quérense, son fieis no sentido máis tradicional da palabra e adoran mutuamente as súas canas, barrigas e calvicies. A que lle vende o pan, coa mirada tan doce.

 

Revisade unha a unha esas vidas. Imaxinade como construíron as súas biografías, cuestionando costumes, esquivando comentarios, inventando escusas, provocando situacións, desculpando cuchicheos, defendendo relatos, reprimindo opinións, constatando desprezos, celebrando vitorias.

 

De todas elas, de todos eles, é o Orgullo. Dos militantes, das marimartillo, dos concienciados, dos festeiros, dos denegridos, dos fashion, dos discretos, dos afemiados, das machirulas, das camioneiras, das elegantes, dos bakalas, dos osos, dos pasivos, dos activos, dos versáteis, dos namoradeiros, das intimísimas, dos pichabravas, das disimuladas, dos enclaustrados, das nenazas, dos muscledbear, das modernas, das reviradas, das bravas ou dos fachendosos. En definitiva, dos que se atreven a darlle á vida o lles pide o corpo, aínda que foda. E dos que non.

Este artigo tamén está dispoñible en: Castelán

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail