O PP ofrece ao embaixador en funcións de Israel dúas recepcións na Xunta e o Parlamento de Galicia

A Coruña.- O Partido Popular usou este martes dúas das institucións da súa man en Galicia para ofrecer senllas recepcións oficiais ao encargado de negocios e embaixador en funcións de Israel en España, Dan Poraz, quen realizou unha visita a Santiago para facer propaganda en beneficio do Goberno de Benjamin Netanyahu e para negar o exterminio de palestinos que está a executar en Gaza.

Poraz foi recibido por partida dobre: no Parlamento de Galicia, onde se reuniu coa vicepresidenta da Cámara e presidenta do PP de Lugo, Elena Candia, e na Xunta, onde mantivo un encontro co director xeral de Relacións Exteriores, Xesús Gamallo, adscrito á Consellería de Presidencia, Xuventude e Deporte que dirixe Diego Calvo, segundo de Alfonso Rueda no Executivo autonómico.

Ningún deses encontros figuraba na axenda oficial da Xunta nin do Parlamento, que trataron de simular un perfil baixo e non enviaron comunicados de prensa nin imaxes deses actos, como adoita ser habitual. Tampouco informaron os grupos con representación na asemblea.

O Bloque Nacionalista Galego anunciou pouco despois que presentará unha queixa formal á Presidencia do Parlamento de Galicia, que ostenta Miguel Santalices, tamén do PP, e esixirá tamén explicacións a Rueda.

«Indigno e inhumano»

«É absolutamente indigno e inhumano que no medio do xenocidio que está a cometer o Estado de Israel contra o pobo palestino, coas imaxes que recibimos cada día da limpeza étnica que se está cometendo na franxa de Gaza, o Partido Popular poña as institucións do pobo galego, o Goberno e o Parlamento de Galicia, ao servizo dos intereses do Estado sionista e terrorista de Israel», asegurou.

Poraz, quen durante un almorzo en Santiago cualificou este martes de «moi radicais» as declaracións de ministros españois alertando do xenocidio, exerce de embaixador en España desde que en maio de 2024 Israel chamase a consultas á titular no cargo, Rodica Radian-Gordon, por mor do recoñecemento do Estado palestino polo Goberno español.

«É absolutamente indigno e inhumano que no medio do xenocidio que está a cometer Israel contra o pobo palestino (…) o PP poña as institucións do pobo galego (…) ao servizo dos intereses dun Estado terrorista»

Hai dous días, Poraz ameazou veladamente a España nunha entrevista nun diario dixital con «responder con revelacións de Pegasus [o programa informático espía que foi usado para hackear os teléfonos móbiles de varios líderes mundiais, entre eles o de Pedro Sánchez]» á solicitude de España á UE para sancionar a Israel polo xenocidio en Palestina.

O director xeral de Relacións Exteriores da Xunta, Xesús Gamallo, nunha imaxe de arquivo / Foto: Xunta

Luzes-Público preguntou á Consellería de Diego Calvo e á Presidencia do Parlamento de Galicia se son conscientes de que ao recibir a Poraz podían transmitir a imaxe de que ofrecen apoio institucional ao Goberno de Netanyahu e aos crimes contra a humanidade que está a cometer en Gaza, pero á hora na que se terminou de escribir este artigo ningún respondera.

Tampouco explicaron por que non se anunciaron previamente as recepcións ofrecidas ao embaixador en funcións israelí, nin por que non se informou delas nin se tomaron ou enviaron imaxes das mesmas aos medios.

Luzes-Público tamén se dirixiu ao equipo de comunicación de Elena Candia no PP lucense e ao propio Xesús Gamallo, para saber, á súa vez, se entendían que as súas entrevistas con Poraz poderían interpretarse como formas de apoio persoal ou de partido a Israel. Gamallo remitiuse a unha nota de prensa que a Xunta tiña previsto enviar ao peche deste artigo, pero Candia non contestara.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail