A doble lingua de Feijóo: cando o líder do PP si pedía usar o galego na UE

A Coruña.– O Alberto Núñez Feijóo que hoxe deosta a posibilidade de que as linguas cooficiais do Estado o sexan tamén nas institucións da Unión Europea é o mesmo que hai 15 anos pedía usar o galego ante eses mesmos organismos cando era presidente da Xunta. Ou non. Porque o idioma dos seus pais, no que, segundo o Instituto Galego de Estatística, aprenderon a falar máis 877.000 persoas do seu país e que empregan a diario preto de 1,2 millóns dos seus paisanos, xa gozaba de recoñecemento legal na UE.

O réxime lingüístico da Unión parece complicado, pero resumilo en catro liñas non é, en realidade, moi difícil: hai 24 linguas de traballo nas que se deben publicar todas as normas comunitarias e nas que a cidadanía, os seus representantes políticos e os seus Estados e funcionarios teñen dereito a dirixirse a e recibir resposta das institucións comunitarias. De entre esas 24, tres –inglés, francés e alemán– gozan dun status oficioso pero consolidado de idiomas máis habituais.

Ademais, cada Estado membro pode instar acordos e asinar con cada institución os convenios bilaterais que considere convenientes para promover e permitir o uso doutras linguas minoritarias ou minorizadas no seu territorio, sempre que non se vulneren os principios básicos citados e, case sempre, asumindo os custos de tradución e/o interpretación que se deriven.

Foi o que fixo España hai 20 anos, cando o Consello de Ministros da UE aprobou o uso do galego, o catalán e o eúscaro nas intervencións orais nas súas sesións e nas doutras institucións; así como nas comunicacións da cidadanía con elas e, tamén, para que se publicasen neses idiomas os actos administrativos e legais adoptados polo Europarlamento e o Consello mediante o procedemento de codecisión.

Convenios con Zapatero

Tras a aprobación dese documento o 13 de xuño de 2005, o Goberno de José Luis Rodríguez Zapatero asinou convenios para desenvolvelo co Consello da Unión Europea, a Comisión Europea, o Tribunal de Xustiza da UE, o Defensor do Pobo Europeo, o Comité das Rexións e o Comité Económico e Social Europeo.

Explicar os detalles de todos podería aburrir ao lector, pero abonde para que este se faga unha idea do asunto unha breve cita do acordo co Consello da UE, a institución que representa a cada Estado e que os coordina a todos, subscrito en 2006: «Os representantes de España poderán, se ha lugar, utilizar nunha sesión do Consello una das linguas distintas do castelán recoñecidas como linguas oficiais na Constitución española». As únicas condicións son que España avise con antelación e que existan medios humanos e técnicos dispoñibles.

«Os representantes de España poderán, se ha lugar, utilizar nunha sesión do Consello una das linguas distintas do castelán recoñecidas como linguas oficiais na Constitución española» (Acordo entre España e o Consello da UE asinado en 2005)

A primeira vez que Feijóo viaxou como presidente da Xunta a Bruxelas foi en outubro de 2009, poucos meses despois de gañar a súa primeira maioría absoluta en Galicia e pouco antes de que España asinara, o 16 de novembro dese ano, o correspondente convenio lingüístico co Comité das Rexións. Desde entón, o líder do PP interveu varias veces nese organismo usando o galego e con intérprete. Aínda quedan xornalistas e tradutores que o lembran.

Tamén está a hemoreteca, claro, que rememora a reunión que mantivo co daquela presidente da Comisón Europea, José Manuel Durão Barroso. «Feijóo propone un ‘aterraxe suave’ para no perder los fondos da UE«, titularon en castelán os medios, para subliñar co termo en galego que el expresara nesa lingua o contido dunha reunión que, segundo confirmaron entón fontes do gabinete de Barroso, fora celebrado en galego e en portugués.

O galego na Eurocámara, hai un cuarto de século

No Parlamento Europeo xa se escoitou o galego moito antes. Primeiro, hai máis dun cuarto de século, en boca do eurodeputado do BNG Camilo Nogueira, que se apoiaba na cabina de interpretación do portugués; e logo, en 2006, oficialmente e con intérprete específico, na do antecesor de Feijóo na Xunta, o socialista Emilio Pérez Touriño. A fonoteca e a hemeroteca tamén gardan cortes de Feijóo dirixíndose en galego á prensa e á cidadanía desde a sede da Eurocámara en varias das súas visitas como máximo representante de Galicia.

Ademais, desde aquel momento, os conselleiros dos seus gobernos usaron ese idioma nalgunhas das súas intervencións nas reunións ministeriais, especialmente cando se trataban temas que lles afectaban e se lle tocaba a Galicia a quenda de representación rotatoria, que algúns ministerios ofrecían ás comunidades autónomas cando se debatían asuntos da súa directa competencia.

O artigo 3 do Tratado da Unión Europea (Maastricht, Países Baixos, 1992) establece que a Unión, onde 40 millóns de persoas –un de cada dez cidadáns– falan linguas que non son maioritarias no Estado no que viven, ten que «respectar a riqueza da súa diversidade cultural e lingüística». O Tratado de Funcionamento da UE (Lisboa, Portugal, 2007) tamén comina as súas institucións para promover «a aprendizaxe e da difusión das linguas dos Estados membros», en atención á súa diversidade. E a Carta de Dereitos Fundamentais da UE (Niuza, Francia, 2000) prohibe expresamente a discriminación por razón de idioma.

O que España propón e ao que Feijóo se opón agora –que as linguas cooficiais en España o sexan na UE– segue esa senda normativa dos tratados e, ademais, tampouco é algo excepcional. Irlanda logrou hai tres anos que se lle recoñecese ese mesmo status ao gaélico, que conta con 1,8 millóns de falantes fronte aos 8,5 millóns de cidadáns do Estado español que usan habitualmente o catalán, o eúscaro ou o galego. A UE aceptou a oficialidade do gaélico en xaneiro de 2022, cando Feijóo aínda presidía a Xunta. Era o mesmo político que agora que preside o PP. Ou non.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail