Acampadas por Palestina, manifestacións contra a turistificación en Canarias, Cantabria, Baleares…, loita contra Altri en defensa do territorio, etc. Que as mobilizacións van en aumento pasou a ser unha evidencia cotiá difícil de negar. Logo duns anos á baixa e cunha conxuntura de mínimos, todo apunta que nos atopamos nun punto de inflexión e cambio de ciclo. Se todos os actores implicados (redes activistas, destinatarios das convocatorias, medios de comunicación, partidos políticos, etc.) fan a súa parte, unha nova vaga de movementos está en camiño.
Visto en perspectiva non é difícil de ver. Desde a Transición á democracia, tres grandes ondas de acción colectiva disruptiva impulsaron a democratización: a primeira desde mediados dos oitenta ata principios dos noventa (Reconversión, OTAN, Selectividade, 14D, Guerra do Golfo); a segunda de finais dos noventa ata a primeira metade dos dous mil (contracimeiras altermundialistas, Guerra de Iraq, Nunca Máis); a terceira, de principios dos dous mil dez ata o final da década pasada (15M, Procés, marés de cores, feminismo do 8M).
Nin que só fora por unha razón cr0n0lóxica, xa iría sendo hora; mesmo se nesta terceira vaga de mobilizacións –todo sexa dito– tivemos un contramovemento por vez primeira tan intenso como para facer da extrema dereita a terceira forza parlamentaria e retardar o punto de inflexión. Aínda así, por máis que amole a Fukuyama, a historia non ten fin. Nestes últimos tempos, unha nova onda sinala maneiras no horizonte.
Para observar isto, as ciencias sociais contan cunha serie de indicadores: repertorio de acción colectiva, estrutura de oportunidade política, marcos discursivos, etc. Advirtamos dun que destaca estes días: a propia dinámica da contenda política.
A diferencia das políticas doutras axencias da democratización como son os notábeis ou os partidos, a política dos movementos estrutúrase por fractais e se desenvolve de xeito cíclico. Vamos cos primeiros.
O carácter fractal da política de movemento opera a catro escalas: a acción (mesmo individual), a campaña, o ciclo e a vaga de mobilizacións. Unha acción pode non pasar dun xesto expresivo puntual, mais tamén pode concatenarse con outras e xerar unha campaña. Isto pode acontecer ao nivel mais elemental: por exemplo, a negativa de Rosa Parks a ceder o asento, logo apoiada polas campañas do movemento dos dereitos civís.
Cando unha campaña ten éxito (por exemplo, o que está a acontecer con Altri) pode coller corpo desenvolvendo sinerxías con outras previas (os granulados) ou posteriores coas que está relacionada dalgún xeito (a defensa do medio). O caso é que, superada a escala da acción singular, o movemento opera xa nunha dinámica de sucesión de campañas.
As campañas poden chegar a configurar un ciclo. Isto é, de feito, o que está a acontecer coas acampadas por Palestina. Proxectan e amplifican outras campañas anteriores dun mesmo movemento de solidariedade co pobo palestino. De acordo sempre a esta lóxica dinámica e fractal, ben poderiamos estar portas dun último salto de escala nas concatenacións sinérxicas e múltiples: o comezo da vaga de mobilizacións.
Con todo, as vagas non resultan dunha lóxica funcionalista calquera. A súa dinámica é puramente política, polo que se medra ou decae depende sempre da interacción entre as elites e o corpo social; tamén coñecido como «pobo» cando se escinde do mando ou multitude cando se expresa ceibe como poder constituínte. O avance dunha vaga depende, xa que logo, desta interacción do corpo social e capacidade conseguinte para atopar aliados entre as elites cos que incidir no conxunto do contexto político.
Acontece así que a vaga vai en ascenso, mais non todos os actores políticos no terreo electoral están posicionados por igual. Esquerda conservadora do réxime coma é, o PSOE surfeou ben a fase descendente e non vai nada mal nos últimos tempos, excepción feita da Galiza. Os grandes derrotados que aínda andan na procura dun horizonte son os herdeiros da vaga anterior: os partidos do Procés (ERC, CUP…) e do 15M (Sumar, Podemos…). E por último están as formacións con implantación territorial (BNG, Bildu…) que mellor conectan coas mobilizacións, segundo amosan os seus resultados.
Veñen tempos nos que as multitudes recuperan o protagonismo. Segundo o ritmo de concatenación dos ciclos a vaga vai comezar a medrar. Axiña podería chegar a hora do surf, simbiontes!