A Coruña.- O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, respondeu este luns á multitudinaria manifestación do pasado domingo en Palas de Rei (Lugo) contra o proxecto para instalar unha fábrica de celulosa na localidade defendendo os argumentos da empresa promotora, a portuguesa Altri, e acusando as plataformas que se opoñen a ela de dar datos falsos sobre a instalación.
«Á manifestación, que merece todos os meus respectos porque foi pacífica, foi xente doutros puntos de Galicia. E algunhas das cousas que se dixeron alí, sinceramente, creo que non son así. De feito, algunhas cuestións empezan a ser desmentidas pola empresa», dixo Ruea ao termo da reunión semanal do Consello da Xunta sen detallar cales son as falsidades sobre o proxecto.
Ao redor de 20.000 persoas concentráronse o domingo en Palas, unha localidade de 3.000 habitantes do interior de Lugo onde a firma portuguesa Altri quere constuir unha macrofactoría de pasta de celulosa e lyocell xunto ao río Ulla.
Quen se opón a ela alertan de que contaminará o seu caudal desde a comarca da Ulloa ata a súa desembocadura máis de 100 quilómetros leito abaixo na ría de Arousa, onde as mariscadoras advirten de que acabará ademais cos bancos marisqueiros do estuario.
«Intencionalidade política»
Rueda asegurou que a manifestación do domingo tiña «intencionalidade política» e acusou ao BNG de fomentar unha «oposición dura e radical» ao proxecto, e ao PSOE, de manterse na «ambigüidade» fronte ao mesmo polo suposto apoio pero non impulso ao mesmo do Goberno de Pedro Sánchez.
O presidente da Xunta reiterou que a Xunta autorizará a fábrica, que Altri quere financiar en parte con fondos europeos. se cumpre cos requisitos legais. «Non podemos deixar pasar oportunidades que outros aproveitarán sen ningunha dúbida», dixo.
A empresa portuguesa ha negado os supostos efectos ambientais daniños da súa planta. Quere investir nela máis de 800 millóns de euros cos que asegura creará 500 postos de traballo, aos que se sumarán outros preto de 1.500 empregos indirectos grazas, segundo os seus cálculos, á súa actividade na comarca.
A plataforma Ulloa Viva, que lidera o movemento contra a celulosa e cuxas cabezas visibles son sobre todo mulleres, como tamén sucede coas organizacións civís que se opoñen a ela na ría de Arousa, celebrou o éxito da convocatoria e asegurou que a súa causa «marcará unha época».
Efectos nocivos sobre o medio
A plataforma, as mariscadoras e as organizacións ecoloxistas e veciñais advertiron de que a factoría extraerá diariamente do Ulla unha cantidade de auga equivalente ao consumo humano de toda a provincia; que devolverá só parte dela tratada pero aínda contaminada e unha temperatura elevada; que expulsará gases tóxicos á atmosfera e que fomentará aínda máis a eucaliptización de Galicia, xa que precisará anualmente 1,2 millóns de toneladas de madeira desa especie.
A senadora do BNG, Carme da Silva, rexistrou este luns no Senado unha moción contra a factoría que será debatida e votada no pleno. A portavoz nacional dese partido, Ana Pontón, cualificou o proxecto como «unha bomba ambiental que o PP quere colocar no corazón de Galicia levándose por diante o medio de vida de miles de persoas tanto en terra como no mar».
Alfonso Rueda: «A manifestación merece todos os meus respectos pero algunhas das cousas que se dixeron non son así»
A eurodeputada nacionalista e candidata do BNG nas eleccións europeas do 9 de xuño, Ana Miranda, asegurou que a fábrica de Altri «incumpre as normativas comunitarias» e que a súa formación «será a voz que o denuncie» no Parlamento Europeo e fronte ás institucións da UE.
Pola súa banda, o secretario xeral dos socialistas galegos, José Ramón Gómez Besteiro, reclamou este luns «explicacións» a Altri polo «cambio» que ao seu xuízo experimentou o proxecto desde que a empresa e a Xunta anunciáron «aos catro ventos» como unha suposta fábrica sostible de tecidos ecolóxicos.
Gustos persoais
Besteiro engadiu que persoalmente non lle gusta o proxecto, pero advertiu de que fronte ao mesmo non se trata de expresar opinións persoais, senón de coñecer con exactitude os seus detalles e saber se cumpre ou non cos requisitos esixidos legalmente.
Nese sentido, recoñeceu que na manifestación de Palas «había moitos socialistas», pero advertiulles de que non basta con expresar gustos persoais sobre a cuestión. «Se alguén cre que con iso fixo o seu traballo, está moi equivocado», concluíu.