Este artigo tamén está dispoñible en: Castelán
Coñecín a Camilo José Cela o mesmo día que quen logo sería a súa segunda muller. Co tempo, a anécdota –que nin debo nin vou contar: as damas non temos memoria– deu para unha mañá de libros e un carro de risas cunha amiga editora: »Puideches cambiar a historia da literatura española».
Para moitos –e a concesión do premio Nobel parece darlles a razón–, Cela si mudou a literatura en castelán: La familia de Pascual Duarte e La Colmena ben que o merecen, son dúas novelas excelentes. Pero para min –se cadra estou a ser inxusta– a súa obra chega ata aí.
La familia de Pascual Duarte tivo versión cinematográfica en 1976 na mirada de Ricardo Franco. Corta a respiración un José Luis Gómez excepcional que sabe medir ollares e silencios ata a asfixia do espectador. A cinta pasou unha dobre censura: a da man e tesoira franquista –que mandou cortar un ruidoso «fillos de puta»– e a do produtor, Elías Querejeta, quen consideraba dunha brutalidade extrema a secuencia da morte da mula. A película, case orfa de público nas tardes de cine da transición, é violenta de seu: os personaxes e a sociedade que retrata son dunha dureza feroz.
Con mellor fortuna estreouse en 2011 a montaxe teatral adaptada por Tomás Gayo e dirixida por Gerardo Malla. Algo menos tremendista, pero sen perder a sordidez orixinal, axudou a que moitos descubrisen no século XXI a primeira novela de Cela. Foi un acerto incluír no elenco a Sergio Pazos, un actor ben coñecido pola súa forza cómica que fai tremer na pel do Estirao.
Si acadou o éxito a versión cinematográfica de La colmena (1982), un concerto humano interpretado por estrelas nacionais no que o director da orquestra, Mario Camus, coordina cada nota da polifonía sen perder nunca o compás. O drama e o humor están en harmonía e deliciosamente afinados. Hai que vela con ollos diferentes dos que pousamos no libro, son dúas formas distintas de contar, pero nas dúas callou a esencia da novela: o medo, o frío e a fame.
O Cela figurón non deixou pasar a oportunidade e pediu sitio no reparto para encarnar ao (anti)poeta Matías Martí, «inventor de palabras, pero unha a unha». Prestáballe aparecer diante das cámaras, e non se pode negar que a súa voz poderosa e o seu sentido do fraseo quereríaos para si máis dun intérprete profesional. O escritor debutara como actor en El sótano (1949), de Jaime de Mayora, unha historia de guerra na que se sinte moi cómodo –os diálogos eran seus– no rol do físico Loves.
Tres anos despois repite en Facultad de letras (1952), de Pío Ballesteros, comedia na que a súa capacidade paródica está á mesma altura cá do seu compañeiro de reparto, Fernando Fernán Gómez, quen logo o enredaría para aparecer na película Manicomio (1953) nun papel –brevísimo, de escasos trinta segundos– ideal para o Cela provocador: un tolo que cre ser un asno e come herba dun floreiro mentres dá couces ao aire. O novelista nunca perdeu a paixón polo exhibicionismo e o sentido do espectáculo bufón, como demostraría en 1982 na televisión cando –na centésima das súas boutades– lle asegurou a Mercedes Milá que era capaz de absorber litro e medio de auga por vía rectal.
Como guionista Cela foi brillante: as adaptacións que firmou para televisión de Viaje a la Alcarria (1976), da serie documental Del Miño al Bidasoa (1990) ou de El Quijote (1991) non deslocen a carón das súas dúas –si, dúas– obras literarias.
Cela é un gran tafur de historias. Mangaba unha nova dos xornais e vendíache un Cartier. Caso de La insólita y gloriosa hazaña del cipote de Archidona, unha historia baseada en feitos reais e logo comedia que Ramón Fernández levou ás pantallas en 1979. A moda do cine do «destape» e o furor erótico co que acoraban daquela os españois fixéronlle a promoción a un guión que estaba moi por debaixo do relato do Nobel.
Dicía Pascual Duarte que el non era malo, aínda que non lle faltarían motivos para selo. A min Cela sempre me pareceu que, ademais de arrogante, non era dos bos. Xa non me chistaba nas entrevistas, pero unha das cousas fermosas que me regalou o traballo de tantos anos na televisión foi tratar con persoas e con monstros de toda caste: un deles, Camilo José Cela.
Este artigo tamén está dispoñible en: Castelán