A boa, honesta e xentil vila de Sigüeiro

A primeira vez que me atopei coa parábola dos dous viaxeiros era aínda unha nena. A historia vai máis ou menos así: un viaxeiro está de camiño cara a unha cidade cando se atopa cun ancián na beira do camiño. O viaxeiro pregúntalle ao ancián:

Como é a cidade á que me dirixo?

O ancián responde cunha pregunta.

Como era a cidade da que ti vés?

O viaxeiro pon un aceno de desgusto.

Terrible contesta. A xente era ruín, miserable e deshonesta. Estaba doente por marchar.

O ancián asentiu e dixo:

Atoparás o mesmo aquí.

Máis tarde, outro viaxeiro achégase ao ancián coa mesma pregunta. O ancián, de novo, responde:

Como era a cidade da que ti vés?

Un sorriso cálido debúxase nos beizos do viaxeiro.

Marabillosa! contesta. A xente era boa, honesta e xentil. Déume moita mágoa marchar.

O ancián devolve o sorriso e di:

Atoparás o mesmo aquí.

De nena, eu esta historia non a entendín. Máis que nada porque eu sabía de moitas persoas boas, honestas e xentís que eran moi maltratadas na súa contorna. Ata eu lembro unha infancia difícil na que a miña cidade (metafórica, xa que de onde eu veño pouco ten de cidade) estaba moi cómoda sendo abertamente hostil cara a min (e non só cara a min). Isto só cambiou de forma definitiva unha vez marchei das vilas que me viron medrar. Os aspectos da miña personalidade que eran obxecto de crítica e burla nun lugar deixaron de selo no seguinte. Para os meus ollos de adolescente, deixei unha cidade ruín e cheguei a unha xentil. Porén, a miña cidade xentil fora a cidade ruín dunha das miñas mellores amigas; a realidade é sempre un pouco máis complexa e chea de matices ca unha parábola. Nin un lugar era tan malo nin o outro tan bo, pero o contexto no que existes si importa. Esta é a miña verdade, polo menos polo de agora: depende. Hai cidades e cidades, e hai persoas e persoas. Eu que sei.

Aínda que creo que estes matices desaparecen con completo cando falamos de Candela.

Se falas cinco minutos con Candela, farache todo tipo de preguntas co xenuíno entusiasmo propio dunha persoa baixo os efectos das anfetaminas. É paroleira, curiosa, alegre e cálida. Encántalle o seu traballo de logopeda; encántalle os nenos, preparar as sesións, xogar. Está sempre xogando, e está sempre ocupada: está na sesión vermú, na clase de gaita, na comisión de festas, na comida familiar. Saca tempo para irte buscar ao aeroporto, invitarte a comer e falarche dunha amiga á que quere moito, moito, xa che falei máis veces dela, Malva, non te lembras? É moi moi boa rapaza. A Candela preocúpana os teus problemas, e os problemas das túas amigas, e os problemas das amigas das túas amigas. Perdóache todos os pecados, todo cho deixa pasar, ah, non, a min dáme igual, xa pasou, que máis dá, non lle dá o tempo para gardar rencores. E ri. Candela está sempre rindo. Teño un vídeo dela en Londres, sorrindo de orella a orella como sorrí ela sempre, no que podes escoitar a miña voz dicindo «que contenta está sempre Candela». Porque si, é certo, está moi contenta sempre Candela.

E non podemos falar de Candela sen falar de Sigüeiro, porque Candela é de Sigüeiro e Sigüeiro é de Candela.

Cando escoitas a Candela falar de Sigüeiro, é difícil non facerse un sigüeirista converso. Se miras Sigüeiro a través dos ollos de Candela, si que ves todo, todo, todo.

Agora, teño que dicir. Eu pecaba un pouco de escéptica cara a Sigüeiro. Para min Sigüeiro é unha vila máis, non moi distinta á vila da que marchei con tantos malos recordos no seu día, con edificios feos, parques descoloridos, un río máis ben pequeno e o ocasional peregrino. Unha vila máis na periferia de Compostela, carente dun encanto ao que eu sexa sensible. Pero é que a miña percepción de Sigüeiro non é impermeable a algo que nun principio me parecía insólito: a absoluta devoción que Candela sente cara á vila na que naceu.

Eu quero vivir aquí declara, contundente. Sigüeiro é o mellor sitio do mundo!

Pero que é o que tanto che gusta, muller? pregúntolle.

Todo!

Segundo Candela, Sigüeiro teno todo, todo, todo. Sigüeiro ten os mellores parques, ten a rapaza que mellor fai as pestanas, o mellor pincho de tortilla. Ten o Tambre, ten unha escola e un instituto, ten a mellor ponte medieval, ten a Festa da Troita. Cando escoitas a Candela falar de Sigüeiro, é difícil non facerse un sigüeirista converso. Se miras Sigüeiro a través dos ollos de Candela, si que ves todo, todo, todo.

Pero o que máis che vai repetir Candela e que, sen dúbida, sen competición, sen disputa, é que Sigüeiro ten a mellor xente do mundo. A xente de Sigüeiro é boa, a xente de Sigüeiro é honesta, a xente de Sigüeiro é xentil. O Sigüeiro de Candela é a cidade do conto dos dous viaxeiros, porque ela o fixo así. Sigüeiro é unha terra amable, con xentes que coidan e se deixan coidar, que acollen e que te queren ben. Candela só ten cousas boas que dicir do seu Sigüeiro. Ben, Candela sempre ten cousas boas que dicir, sempre cunha palabra de aloumiño colgada dos beizos. Non me entendades mal, tamén sabe lerchear; ao fin e ao cabo vén dunha longa liña de lingoreteiras. Pero todo o ve con ollos amables, curiosos, que son só seus.

Eu non son un sabio ancián na beira dun camiño, só son alguén que viu a Candela medrar. A parábola dos dous viaxeiros non me parece a máis universal, mais observo a Candela dicindo que Sigüeiro é o mellor sitio do mundo e penso, Candela, chulita, é Sigüeiro ou es ti? Candela, miña nena, o amor que ti ves é o amor que ti dás. 

Penso que o ancián da beira do camiño diría que Candela sempre vivirá na mellor vila do mundo, porque Candela leva a mellor vila do mundo nos ollos. Sigüeiro é bo, honesto e xentil porque Candea é boa, honesta e xentil. Pero mira! Igual ten razón. Igual é certo que Sigüeiro é, obxectivamente, o mellor lugar do mundo, non? Porque Candela é de Sigüeiro. Sigüeiro é de Candela.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail