Esta semana falamos de pracer e desexo coa Hadriana Ordóñez, womansplainer rianxeira e convidada repetidora que traballa como psicóloga e educadora sexual.
Comecemos polo principio: Como recoñecemos o noso propio desexo? Onde aprendemos a identificar a nosa excitación sexual? Este tipo de dúbidas acostuman xurdir na adolescencia e semella que, coma en tantos outros aspectos da vida, adoita haber tamén neste tema unha importante fenda de xénero.
Consentimento, desexo e pracer son termos que en ocasións se utilizan indistintamente de xeito erróneo. Aínda que de xeito ideal deberían ir sempre da man, é importante coñecer os matices do seu significado. Que diferenzas hai entre o pracer psicolóxico e o físico? Pode haber consentimento sen desexo?
O relato feminista tivo un papel moi relevante na liberación sexual das mulleres. Ademais, é fundamental falar dos límites do consentimento e dos sinais para sabermos recoñecer a violencia sexual, mais tamén precisamos coñecer máis relatos positivos e experiencias de pracer.
En relación co anterior, ás veces podemos ter fantasías sexuais que nos fan sentir culpables por non encaixaren cos nosos valores feministas. Porén, a nosa imaxinación non ten límites e na nosa mente todo pode suceder! Consenso, consentimento e coidados son os piares fundamentais dunha sexualidade ética que nos libere das cadeas impostas polos prexuízos.
Como deste tema tiñamos moito que falar ides ter ración dobre! Así que, se quedastes con ganas de máis pracer e desexo, a próxima semana poderedes escoitar a segunda parte deste episodio co patrocinio de PuntoGal.