A chamada da serea: Burkina Faso

Abandonada polas elites gobernantes, resulta difícil para a mocidade do leste e do oeste de África resistir a chamada da serea dos movementos xihadistas. A desesperación mailo desemprego leva os mozos de Kenya, Somalia, Malí, Nixeria ou Burkina Faso cara os brazos de grupos militares que lles ofrecen diñeiro e un sentido ás súa vidas alimentado do odio e o resentimento contra a corrupción e a violencia gobernamentais. O feito de que os seus dirixentes sexan financiados por Occidente con millóns en axuda militar e leven a cabo unha mala xestión da axuda ao desenvolvemento, alenta cada vez maiores simpatías polos islamitas radicais. Coa única excepción de Nixeira, as estratexias efectivas parecen ausentes nesta particular Guerra contra o Terror.

Luzes ofrece a continuación en aberto parte da investigación de AIPC-ZAM, realizada en 2016 en cinco países africanos por xornalistas autóctonos. Esta era daquela a situación en Burkina Faso, o país no que foron asasinados este martes os dous xornalistas españois, David Beriáin e Roberto Fraile, mentres realizaban un documental sobre caza furtiva.

Nunha competición de teorías da conspiración esta estaría, probablemente, entre as finalistas: o vello ditador de Burkina Faso, Blaise Campaoré, e os seus aliados franceses estarían detrás do ataque terrorista do 15 de xaneiro [2016] no Splendid Hotel do centro da capital, Uagadugú. Este luxoso hotel —e o aínda máis exclusivo restaurante Cappuccino xunto co Le Taxi Brousse, o bar ao aire libre que hai en fronte— eran lugares de entretemento non só de expatriados amantes da música e da cultura occidental, mais tamén de mozos e intelectuais progresistas de Uagadugú. Resulta obvio para algúns, que tales lugares serían obxectivo do ditador que —igual que os terroristas— buscaba sementar o pánico para propiciar un violento cambio de réxime.

O Splendid Hotel de Uagadugú en 2008. Sputniktilt CC BY-SA 4.0.

O ataque aconteceu xusto cando os movementos cidadáns progresistas perseguían a Campaoré e loitaban contra un golpe dirixido polos seus aliados. Algo que fai pensar. Poderíase colixir que Campaoré se tería aliado con Al Murabitun, o movemento xihadista que reivindicou os ataques nos que morreron sete burkinenses ese 15 de xaneiro. Pero a maioría da xente en Burkina Faso non o pensa. Con todo, os representantes dos movementos progresistas están preocupados a respecto de que esa ameaza terrorista lle estea a facer o xogo a aqueles que prefiren un Estado militarizado e ditatorial cun goberno autocrático.

Soldados franceses despregados no sur de Malí en 2016. Foto: TM1972 (CC BY-SA 4.0).

O activista de dereitos humanos Chrysogone Zoumoré, por exemplo, do movemento Coalición Nacional de Loita contra a Carestía da Vida (CCVC), está preocupado polo papel que están a xogar as forzas especiais francesas, a Comandancia de Operacións Especiais que ten a súa base no pequeno aeroporto de Burkina Faso. Principalmente, di, esta forza está protexida por un «acordo de defensa» que establece que os soldados franceses non poden ser perseguidos por crimes no país, mesmo en caso de asasinato. Unha prerrogativa que semella obscena no contexto das recentes revelacións sobre abusos sexuais a menores por parte de soldados franceses na República Centroafricana. En segundo lugar, o comandante das forzas especiais, o xeneral Benoît Puga é un vello aliado do réxime corrupto e opresivo de Campaoré. Segundo a revista de investigación francesa Le Canard Enchaîné, Puga foi ademais un dos cerebros que estaban tras da invasión occidental e da caída e morte de Gadafi en Libia en 2011, o que acabaría por desencadear a invasión xihadista do Sahel que destruíu Tombuctú e Gao. En terceiro lugar, el e outros vellos militares e políticos franceses partidarios de Campaoré, —xefes na sombría rede franzáfrica [combinación de las palabras Francia e África usada para denotar a relación de Francia coas antiguas colonias africanas], coñecida polas súas operacións escuras e explotadoras ao redor de África—, non levan exactamente un rexistro das bandas que combaten, os señores da guerra ou as milicias extremistas. Ao contrario, teñen a reputación de chegar a acordos con estes grupos, incluído Mokhtar Belmokhtar, o antigo líder dunha banda de secuestradores, contrabandista de tabaco e agora o instigador dos ataques de Al Murabitun nos hoteis Radisson Blue, en Malí (Bamako) un ano antes, e no Splendid, en Burkina Faso.

O hotel Radisson Blue de Bamako momentos despois do atentado de 2015. De VOA – VOA, Dominio público.

Mesmo se a actual loita dos franceses contra o terrorismo é real, Zougmoré teme que o estean a empeorar. «O ataque en Uagadugú foi a continuación do ataque ao hotel Radisson Blu en Bamako», di. «Foi despois de que as forzas especiais francesas se trasladasen aquí para combatelos en Bamako, a capital de Malí. Asustámonos ao pensar que os terroristas os seguirían ata o noso país. E iso foi exactamente o que pasou».

Na súa opinión, considera que hai unha tendencia: «Cando os franceses interviñeron en Malí en 2013 comentei que este tipo de intervención propagaría o problema do terrorismo máis aló das fronteiras malianas. A saber: se fixeras un percorrido ao redor de Uagadugú en 2013-14, verías que lugares como a embaixada e as escolas francesas xa estaban a incrementar a súa protección. Sabían que algo ía suceder!».

Tropas francesas subindo a un helicóptero durante unha misión no Sahel en 2015. Foto: 35e RAP – officiel (CC BY-SA 4.0).

E non son só os franceses. Burkina forma parte da operación anual dirixida polos estadounidenses, na que tamén participa Holanda. O mando rexional Africom, liderado polos EUA, opera aquí, e o país tamén forma parte do corredor francés Barkhane, que se estende desde O Chad, no leste, ata Mauritania, no oeste. O país forma parte así mesmo da Alianza contra o Terrorismo Trans-Sahara, de novo liderada polos EUA, que permite misións de vixilancia e «pequenos equipos de colaboración con nacións aliadas». E despois está a forza de mantemento da paz das Nacións Unidas, MINUSMA.

Foto: U.S. Africa Command.

Todo isto parece indicar a necesidade dunha forza militar global para perseguir os terroristas, e dirixentes locais fortes cos que traballar. O presidente do Chad, Idriss Deby, un antigo aliado franzafricano e amigo do exditador Campaoré, dirixe agora a alianza antiterrorista dos países do Sahel chamada G5. O discurso de que «só un líder forte apoiado por Occidente pode tratar co terrorismo» está tamén apoiado nos medios por un coro de aliados de Campaoré que contan cunha única liña argumental: «O ataque no Splendid non tería ocorrido se Blaise estivera aquí». Isto enfurece os progresistas e alimenta a teoría da conspiración que afirma que Blaise estaría detrás planeando a súa volta.

O Goberno de Burkina Faso, mentres acorda con Occidente a loita contra as milicias, basicamente co que está comprometido é con obter información política co único propósito de contrarrestar a oposición e manter un sistema baseado na corrupción

Un soldado das forzas especiais portuguesas diríxese a un grupo de soldados burkinenses durante un entrenamento en Loumbila (Burkina Faso) en 2019. Foto: U.S. Africa Command (AFRICOM).

Activistas como Zougmoré temen que esta militarización, e a cesión da soberanía nacional a favor de aliados occidentais, supoña unha ameaza ao que defende o seu movemento: máis transparencia gobernamental e responsabilidade, menos espionaxe sobre a oposición e menos corrupción. Laurent Bigot, un antigo diplomático francés reconvertido a consultor semella compartir esta opinión cando advirte, no Le Monde, de que o Goberno de Burkina Faso, mentres acorda con Occidente a loita contra as milicias, basicamente co que está comprometido é con obter información política co único propósito de contrarrestar a oposición e manter un sistema baseado na corrupción. «Nin a corrupción nin a evasión fiscal son de grande interese para a comunidade internacional», escribe Bigot.

Roch Marc Christian Kaboré, presidente de Burkina Faso desde 2015, no Foro Mundial da Lingua Francesa. Foto: Letartean CC BY 3.0.

Por suposto Al Murabitun e os seus grupos irmáns, AQIM (Al Qaeda do Magreb Islámico) e FLM (Fronte de Liberación de Macina ou Katibat Macina) —este último un grupo que loita polo retorno ao reino idealizado e nómade Fulani— deben ser tamén combatidos militarmente. Pero Zougmoré sente que deben facelo os propios burkinenses: «Os franceses deberían adestrarnos e darnos as armas. Podemos pelexar sen o paraugas de Occidente. Loitamos nós sos contra Blaise Campaoré, ninguén ten que facelo por nós». De facerlle caso ao querido rapeiro local Smockey, este é un sentimento compartido por moitos. «Hai 18 millóns de reservistas», reza a súa canción máis popular, que fai un chamamento a «arrebatarlle o terror aos terroristas».

Talvez as forzas antiterroristas deberían considerar eses «18 millóns de reservistas» como aliados, no canto dos vellos políticos sen crédito e as marionetas franzafricanas. Mais polo momento, non existen indicios de que a estratexia de Occidente na rexión vaia cambiar.

*Un soldado burkinense nun simulacro durante uns exercicios das forzas de operacións especiais de AFICOM cerca de Po, Burkina Faso, en 2019.

 
cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail