O Servizo Galego de Saúde (Sergas) pechou a única Unidade de Coidados Intensivos (UCI) en Pontevedra desde o pasado mércores para construír dous boxes de illamento, pintar, renovar iluminación e limpar as instalacións. Os ingresados tiveron que ser trasladados a outras unidades e o persoal sanitario censurou a actuación.
O Servizo Galego de Saúde (Sergas) decidiu pechar o pasado mércores 22 de abril a única Unidade de Coidados Intensivos (UCI) en Pontevedra, a do hospital de Montecelo, para iniciar unhas obras de ampliación en pleno estado de alarma. As modificacións no centro consistirán en construír dous boxes de illamento, pintar, renovar a iluminación e tamén limpar condutos e instalacións. A dirección do hospital avisou ao persoal sanitario o pasado mércores para que deixase o espazo listo para as reformas. A UCI, equipada con dez camas, supuxo que os cinco ingresados, dous deles críticos en COVID-19, fosen trasladados á unidade de reanimación (REA) e á Unidade de Recuperación Anestésica (URPA). O persoal criticou a reforma e segundo fontes da área sanitaria de Pontevedra, a UCI reabrirá este martes ou mércores.
Estes traballos, segundo informaron as autoridades sanitarias, xa estaban programados. A xerencia do hospital xustificou que era o momento adecuado para o peche da unidade e o inicio das reformas pola diminución de ingresos de pacientes graves con coronavirus, así como doentes de accidentes de tráfico. Desta maneira, espérase que unha vez que as obras estean terminadas poida haber unha unidade reforzada para atender, por se fose necesario, unha conxestión de casos críticos por COVID-19.
[Puedes seguir leyendo este artículo en castellano aquí]
Desde un primeiro momento o persoal sanitario non apoiou o peche da unidade. A organización Enfermeiras Eventuais en Loita compartiu un comunicado informando das obras no hospital. Criticaron que a decisión se tomara de maneira «unilateral» e que as políticas de uso tomadas polo órgano de administración hospitalario «non respectan as normas do plan específico de continxencia fronte ao coronavirus redactado polo Sergas para a área sanitaria de Pontevedra e Salnés». Desta maneira, explican que o Hospital de Montecelo trasladou a pacientes en estado crítico a unha «unidade non organizada para iso» e foron avisadas o pasado mércores 22 de abril, unha semana na que Galicia sufriu un repunte de positivos en COVID-19, entre 100 e 120 de casos por día. A organización sanitaria reprocha que estas actuacións por parte do Sergas provocaron o traslado de pacientes a outras unidades de UCI de xestión privada como a do Hospital QuirónSalud Miguel Domínguez.
Explican que a decisión produciu unha «enorme indignación» e «descontento» no persoal de enfermería «sen concretar o alcance nin os prazos de realización» das obras por parte da xerencia do hospital. A unidade de reanimación tívose que habilitar para atender a pacientes graves de COVID-19, que deben «seguir sendo valorados polo equipo médico intensivista», sosteñen. Lembran tamén que o persoal de enfermería, «foi o primeiro en recibir aos pacientes críticos, tendo así que aprender a correcta utilización e retirada dos EPIS». Cando os compañeiros de URPA e REA tiveron que atender aos doentes con coronavirus buscaron «apoio» e información nelas.
As enfermeiras de Pontevedra contan que despois de «todo o esforzo, tanto físico como psicolóxico» séntense desamparadas, expectantes a que a dirección decida onde teñen que traballar ata que se volva a abrir a súa unidade.
«Feijóo pretende eximirse da súa culpa»
O secretario xeral do PSdeG-PSOE, Gonzalo Caballero, explicou este luns nunha comparecencia telemática para informar da crise do coronavirus que as actuacións para «solucionar problemas graves» tiñan que realizarse antes. Considera que é unha mostra do «debilitamento e falta de atención» de Feijóo cara á sanidade pública galega, asegurando que o actual presidente da Xunta «non cumpriu coa sanidade» na cidade. Ademais, tamén critica que a estas reformas súmase a construción do «Gran Montecelo». Postulou que Feijóo faino agora para «eximirse das súas culpas polos ataques á sanidade pública galega».
Desta maneira, a semana pasada a Xunta anunciou a licitación das obras da primeira fase do «Gran Montecelo» cun investimento de 115 millóns de euros. As obras comezarán este ano, onde o novo edificio a construír estará unido ao resto das instalacións do actual hospital, de forma que dispoñerá de 120 camas, aumentarán nun 92% o número de salas e postos de urxencias e sumaranse nun 49% os postos do hospital de día. Ademais, e segundo o Executivo autonómico, haberá «salas de xogos, biblioteca, escola e cinema na área de pediatría».
Pola súa banda, o portavoz de Galicia en Común-Anova Mareas, Antón Gómez Reino, pediu unha «resposta inmediata» ante o peche da UCI e explicacións xa que «non era momento». Este luns nunha rolda de prensa postulou que Feijóo segue a «adoptar unilateralmente decisións que prexudican á loita contra o Covid-19 en Galicia», onde engade, ademais do peche da UCI, a preocupación polos «contratos do persoal sanitario que expiran en abril». Critica tamén a sobrecarga de traballo das enfermeiras de atención primaria polo estudo epidemiolóxico que «impide que dediquen o seu esforzo á contención da pandemia» ao ter que realizar test, os mesmos que piden para elas.
As organizacións sindicais Cesm, Cig, Comisións de Base (Co.Bas), Omega, Prosagap e T. S. P. convocaron unha concentración este martes e xoves nos hospitais de Pontevedra, Montecelo e o Provincial, para demandar á Consellería de Sanidade unha planificación «eficiente», polo que «é necesario» dotar de EPIs e de test PCR a «todos os profesionais de Área de Saúde» e que se «incremente o persoal». Estas organizacións reiteran que é «urxente» unha planificación de medios materiais e humanos para garantir o traballo que se realiza a diario, evitando todo risco de contaxio.