O odio e o pecado

 

Odiar é unha emoción que moita xente relaciona con algunha especie de felicidade. Hai tantos xeitos de ser feliz. O certo é que existe un tipo de antipatía profunda que está xustificada e reconforta, por moito que digan os moralistas. Todos odiamos un pouco os domingos pola tarde. Ou o pelo que traen no bisté. Eu, sen máis, aborrezo aos que deciden montar un negocio de fontanería en Lugo e lle chaman: Fontalugo, por exemplo. Non podo con iso. Sempre que vou no coche e leo Electrotui son profundamente feliz. Porque son libre e odio. Logo están os que odian por vicio; son os que deciden saír da cama con ganas de destruír algo: ao inimigo do 2º B, a un deportista de moda, a ese follower. Os haters son felices así, obviando homilías e moralinas.

Hai persoas que se senten ditosas odiando porque ser imperfecto é unha opción persoal. Por iso, que a estas alturas o Código Penal decida se temos dereito a odiar ou non, resulta cando menos inquietante. Ao mellor queren as rúas ateigadas de persoas serias e aflixidas, de ollada robótica, como nun desfile norcoreano ou nunha novela distópica. Prohibir a sensación de odio é tan ridículo como inútil. E moito máis nesta patria na que o delito de odio, máis ca unha infracción penal, xa é un oxímoro. Aquí, onde o que berra «viva Franco!» queda impune e ao que insulta á Virxe María ábrenlle dilixencias nun xulgado.

Os que denunciaron a Willy Toledo por insultar a Deus e á Virxe, a Asociación Española de Abogados Cristianos, deberían asumir que odiar á Virxe María ten que ser tan lexítimo como odiar a Willy Toledo (que é bastante repunantiño).  Pero fagan a proba: entren nunha igrexa ateigada de beatos en plena faena e cáguense no actor. Ben alto. Nada. Ninguén baixará dos altares para ir ao cuartel. Ninguén defenderá ao próximo.

A mágoa é que todo o odio que o catolicismo converteu en sangue durante a súa historia xa prescribise; estou seguro de que este colectivo de avogados cristiáns denunciaría todas esas mortes. Foran da cor política que foran.

Bertrand Russell afirmou que «son poucos os que conseguen ser felices sen odiar a outra persoa, nación ou credo». Díxoo el, con ese pelo branco de estropallo que non lle quedaba nada ben. Ninguén debera prohibirme odiar se me relaxa. Nin sequera odiar á Virxe María. Algo que sería profundamente inxusto porque non a coñezo de nada. Tampouco a Willy Toledo.

 

 

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail