Ana Pontón, a politóloga que empoderou o nacionalismo galego, cumpre unha década á fronte do BNG

Nunha entrevista de hai case dez anos, poucos meses despois de facerse coa portavocía nacional do BNG, Ana Pontón (Sarria, Lugo, 1977) dixo que a revolución en política consiste en gobernar con humildade. A piques de cumprir este mesmo sábado unha década á fronte da histórica formación nacionalista, parece ter seguido ese lema con acerto. Baixo o seu liderado e o dun equipo renovado cheo de mulleres, o Bloque experimentou unha silenciosa transformación que o levou non só a multiplicar a súa base electoral e social, senón tamén a consolidarse como unha alternativa sólida e solvente, de feito a única, aos máis de 16 anos de mandatos do PP en Galicia.

A elección de Pontón xa tivo algo de revolucionario, porque foi a primeira muller en facerse cargo dun partido que ata entón sempre fora dirixido por homes —PP e PSOE nunca tiveron un liderado doutro xénero, nin en Galicia nin en España—. De feito, ela segue a ser a única muller á fronte dunha formación nacionalista de esquerda nas nacionalidades históricas do Estado. Non hai nin houbo nunca lideresas á fronte desas forzas, nin en Galicia nin en Euskadi nin en Catalunya, polo menos nas que contan ou contaron con representación parlamentaria.

«É unha das líderes da esquerda nacionalista, soberanista ou independentista, como se lle queira chamar, máis interesantes e máis esperanzadoras», afirma Gabriel Rufián, portavoz de ERC no Congreso. «Entendeu moito antes ca outros e outras que isto ía de interpelar a xente, de interpelar á curiosidade do desorientado ou do indeciso, e non do que pensa exactamente coma ti. Decateime durante a gravación en 2019 dun Salvados [un programa de La Sexta] con todos os líderes ou portavoces deses partidos. Ela foi a mellor, sen dúbida. Ten un discurso moi potente e estou convencido de que acabará sendo presidenta da Xunta», aventura o deputado catalán.

En febreiro de 2016, o BNG afrontaba unha situación crítica. Tras a vitoria de Alberto Núñez Feijóo en 2009 por un só escano —precisamente do Bloque—, que fixo caer o Goberno de coalición co PSOE que lideraba Emilio Pérez Touriño, o ascenso das mareas e a súa alianza con Esquerda Unida de Yolanda Díaz e coa fuxida desde o Bloque a Anova en 2012 dos afíns a Xosé Manuel Beiras puxeran o partido contra as cordas. Había eleccións autonómicas en outubro e o nacionalismo levaba dúas lexislaturas en caída libre —de 12 a 7 deputados nunha Cámara de 75—. «Estabamos nas nosas horas máis baixas, eramos a forza con menos peso no Parlamento galego, acababamos de perder os dous deputados que tiñamos no Congreso e tiñamos unha militancia desanimada», contan fontes próximas á portavoz nacional. Lembran que había auténtico medo ante as autonómicas de outubro, porque as enquisas chegaban a augurarlle cero escanos no outono de 2016.

Descoñecida

Foi aí cando Pontón se fixo co partido. Tiña 39 anos —fixéraos poucos días antes da asemblea nacional que a elixiu— e era unha descoñecida para a maioría do electorado e mesmo para moitos correspondentes. Cunha campaña moi afastada do discurso nacionalista clásico do Bloque, que quedara trasnoitado ante a tráxica situación na que o crack financeiro e os recortes deixaran a millóns de fogares, Pontón centrou a súa campaña na idea de que a revolución, tamén a nacionalista, era gobernar con humildade para mellorar a vida da cidadanía. O seu ton sereno pero contundente nun contexto de constante enfrontamento social levouna a brillar sobre o resto de candidatos no debate electoral en televisión. «Foi un revulsivo para a militancia, deixou en evidencia as costuras de Núñez Feijóo e foi claramente a gañadora do debate», sosteñen as citadas fontes.

Pontón tamén gañou ás enquisas, porque o Bloque resistiu, mantivo seis deputados e, con eles, o grupo parlamentario e o altofalante desde o que ela puido seguir falando no mesmo ton. Desde entón o BNG non deixou de medrar: disparouse en 2020 a 19 escanos, o seu récord histórico, que volveu bater en 2024 con 25. Tamén consolidou a súa representación no Europarlamento e no Congreso e no Senado. Hai un ano, o CIS situábao como o primeiro partido nacionalista do Estado en intención de voto, por riba de ERC, Junts, EH Bildu e PNV. Pasou de 27 a 35 alcaldías, entre as que se contan algunhas tan relevantes como a da capital autonómica, Santiago, ademais doutras en territorios que levaban anos en mans do PP.

 «Ana Pontón é unha das líderes da esquerda nacionalista máis interesantes e máis esperanzadoras, ten un discurso moi potente e acabará sendo presidenta da Xunta» (Gabriel Rufián, portavoz de ERC no Congreso).

«O de Ana [aceptar as rendas do BNG no seu peor momento] foi un xesto cargado de valentía e de amor polo proxecto e polo país, unha lufada de aire fresco que impregnou todo o BNG e a política galega», sostén Ana Ermida, alcaldesa de Barreiros, unha localidade onde ata a súa chegada en 2019 non houbera alcalde que non fose varón e do PP. «Ensinou que hai outra forma de facer e de usar a política: con firmeza pero coa humanidade que debe levar asociada», engade Ermida. Naceu en 1985 e pertence a esa xeración de mulleres cuxo liderado foi medrando e asentándose no Bloque nos últimos dez anos, renovando a súa imaxe e achegándose a sectores sociais que antes o consideraban un partido antipático e mesmo machista.

Explícao así a alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín: «No BNG sempre houbo liderados femininos, pero eran emerxentes, en momentos de crise, cando as mulleres sempre estabamos alí, en segunda, en terceira fila… Apareciamos e desapareciamos con moitísima facilidade. Agora consolidámolos e o exemplo é Ana, que leva dez anos defendendo políticas distintas, sólidas, rigorosas, con todo o aspecto humano e emocional, que poñen ás persoas no centro das mensaxes. Vivimos un tempo de liderados femininos, de sororidade, no ano de Begoña Caamañ, un tempo no que as mulleres como Ana teñen que vir para quedar e deixar pegada», abonda a alcaldesa.

Nacida e criada en Chorente, unha aldea de Sarria, Pontón acudiu ao colexio e ao instituto públicos da súa vila, onde moi nova, con 16 anos, se vinculou ao nacionalismo nas xuventudes do BNG, ás que seguiu ligada durante os seus anos na Facultade de Ciencias Políticas da Universidade de Santiago, onde foi representante estudantil na xunta de goberno e no claustro. Esa mestura de experiencia e formación tan temperás, case xuvenís, sumadas aos 22 anos que leva no Parlamento de Galicia —case a metade da súa vida— fixeron dela un animal político, que destaca sobre todo no trato próximo, pero tamén cando adopta unha postura de imperceptible distancia se detecta que hai micros ou cámaras preto. Ese olfacto para manter a disciplina co fondo e coa forma da mensaxe política que quere transmitir é probablemente unha das razóns do seu éxito.

Adoita aparecer nas sondaxes como a política galega mellor valorada, por riba mesmo de políticos galegos que gozan de moita máis atención mediática, como Feijóo, Alfonso Rueda e Yolanda Díaz, ou que o líder do PSOE galego, José Ramón Gómez Besteiro. Nos respectivos electorados dos seus rivais, Pontón puntúa moito mellor ca eles nos dos demais, polo que pedirlles unha opinión sobre a súa adversaria, por moi xustificado que estea porque os catro compartiron anos de Parlamento Galego con ela, non deixa de ser unha pregunta incómoda. Luzes-Público fíxollela e ningún quixo responder. De feito, só Rueda e Gómez Besteiro se deron por enterados. O primeiro, para remitirse ao partido, que non ofreceu resposta, e o segundo para denegala con cortesía pero de forma concluínte: «O PSdeG non adoita facer valoracións dos portavoces doutras forzas, a súa prioridade é ofrecer unha alternativa sólida para Galicia».

Versión crítica

Este diario tamén solicitou unha valoración ao presidente da Cámara autonómica, Miguel Santalices, e ao portavoz do PP no Congreso e ex portavoz en Galicia, Miguel Tellado. Tampouco eles contestaron. Si o fixo unha militante do PP lucense, que ofreceu esta versión crítica da líder nacionalista: «No PP non se fala de Ana Pontón, non é unha preocupación e non é certo que haxa nervios polo ascenso do Bloque. Que medrou electoralmente? Si, ten 25 deputados, fantástico. Nós temos 39. Rueda non só ofrece estabilidade, senón que, fronte á imaxe de atraso e de subdesenvolvemento que o Bloque leva anos tentando trasladar de Galicia, o PP pode demostrar unha xestión eficaz que modernizou este país como ninguén imaxinaba, cun proxecto que convence con feitos e que comezou hai décadas con Fraga, seguiu con Feijóo e agora continúa con Rueda. E continuará, así que Pontón nunca será presidenta».

Vaia selo ou non, o certo é que xa é a xefa da oposición en Galicia, coseu as feridas que deixou a saída de Beiras, a quen reconciliou co BNG hai menos de ano e medio, e convive na súa executiva coas correntes críticas co seu mandato. «O BNG é un partido plural, naceu como fronte na que desde hai anos conviven de maneira fraterna opinións e ideas distintas», apunta Noa Presas, cabeza dunha das dúas listas que se presentaron como alternativa na última asemblea nacional. Considera «fundamental» que o proceso de rexuvenecemento xeracional dos últimos anos estivese en mans dos liderados femininos impulsados pola chegada de Pontón: «Non só pola renovación interna, senón porque hai debates que probablemente non se darían se non existisen eses liderados».

«No PP non se fala de Ana Pontón, non é unha preocupación e non é certo que haxa nervios polo ascenso do Bloque. Que medrou electoralmente? Si, ten 25 deputados, fantástico. Nós temos 39» (militante do PP de Lugo).

Dá a impresión de que os argumentos de Pontón, se non o seu fondo si as súas formas, convencen incluso a moitos dos que se lle opoñen ideoloxicamente, incluído o establishment económico. «Máis alá das diferenzas políticas as relacións son cordiais, houbo diálogo, apertura e compromiso de falar dos intereses de Galicia. É certo que moitas veces non coincidimos nas medidas necesarias para lograr iso, é dicir, crear emprego, riqueza e crecemento, pero sentímonos escoitados e valorados», estima o presidente da Confederación de Empresarios de Galicia (CEG), Juan Manuel Vieites, quen opina que o punto feble de Pontón non está tanto nela nin no seu partido senón na debilidade da esquerda e, sobre todo, do PSOE, con nove escanos hoxe no Hórreo: «Ana Pontón presidenta? Será o que decidan os cidadáns de Galicia, que ata agora preferiron que estea na oposición, nunha situación de crecente fortaleza pero na oposición. O Goberno bipartito, que en realidade eran dous gobernos, aínda está na retina da cidadanía, que ten memoria daquela confrontación», resume Vieites.

No BNG, claro, opinan todo o contrario. «É unha líder que sabe conectar cos galegos e galegas e que ten detrás unha organización forte, cunha ampla traxectoria de traballo político e de mobilización social, que é a garantía de que o obxectivo de que Ana chegue á Xunta se fará realidade», di Néstor Rego, deputado no Congreso. «Ana devolveunos a confianza como forza política pero, sobre todo, e o máis importante, devolveunos a esperanza como pobo», engade a senadora Carme da Silva. «Sempre usei ese lema que di ‘firmes coas ideas e doces coas persoas’, e Ana representa iso: un modelo empático de facer política, congruente e responsable, capaz de aglutinar desde a humildade a máis e máis xente cada día arredor da idea de que Galicia, como nación, pode ter futuro e gobernarse por si mesma», conclúe a eurodeputada Ana Miranda.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail