A Deputación de Ourense fai fixos a 30 concelleiros, candidatos e afíns ao PP contratados polos Baltar

A Coruña– A Deputación de Ourense, que preside Luis Menor, consolidou no último ano e medio, para entregarllas en propiedade, as prazas dunha trintenta de traballadores temporais que son ou foron concelleiros do PP, candidatos do partido nas eleccións municipais ou familiares ou afíns a altos cargos ou militantes da formación.

A operación refírese a todo tipo de empregos, desde condutores de maquinaria e de camións de lixo ata técnicos de xestión orzamentaria e fondos europeos, legoeiros e traballadores agrícolas, administrativos, auxiliares de servizos, bedeis, encargados de mantemento e ata unha profesora de canto e pandeireta.

Todos foron contratados durante os mandatos de José Luis Baltar, que presidiu a Deputación entre 1990 e 2012, e do seu fillo Manuel, que o sucedeu desde entón e ata 2023, cando tivo que deixar o cargo tras os escándalos polas súas multas conducindo o coche oficial con exceso de velocidade e os indicios e evidencias de prácticas corruptas baixo os seus gobernos.

Renuncia de Baltar

Na primavera de 2023 Baltar acordou con Alberto Núñez Feijóo e Alfonso Rueda abandonar a Deputación e a presidencia do PP de Ourense a cambio dun escano no Senado, e anunciou a súa renuncia o 14 de xuño. Pero o 26 dese mesmo mes, apenas tres semanas antes de facela efectiva, asinou decretos para dar prazas en propiedade a polo menos 18 persoas afíns ao PP, tal e como se explica máis adiante neste texto.

Cando asumiu o seu cargo, o sucesor de Baltar na Deputación e no PP provincial, Luis Menor, alcalde de Pereiro de Aguiar e quen mantivo o equipo de confianza e o mesmo modus operandi dos seus antecesores, asinou o 17 de setembro de 2024 e o pasado 8 de xaneiro máis decretos en beneficio doutros 12 traballadores relacionados co partido.

A Deputación asegura que a consolidación deses postos «responde ao cumprimento da legalidade, en concreto á redución do emprego temporal nas administracións públicas, iniciativa impulsada na reforma laboral de Yolanda Díaz», e lembra que o procedemento foi pactado cos sindicatos.

Menor defende que el non contratou os funcionarios

«O actual Goberno provincial o único que fai é cumprir co estipulado na reforma laboral que promoveu a ministra de Traballo, e non obedece a contratación algunha deste mandato. De feito, o actual equipo non contratou a ningún dos consolidados», afirman fontes do organismo, que engaden que «cabería preguntarse se as deputacións da Coruña e Lugo ou o Concello de Vigo [os tres gobernados polo PSOE] tamén están a tramitar o marcado pola reforma laboral».

Luis Menor, con Alfonso Rueda / Foto: PPdeG

O seguinte é a listaxe de persoas contratadas polos Baltar e convertidas agora en propietarias das súas prazas, así como os seus respectivos vínculos co PP contextualizados coas denuncias de prácticas corruptas e nepóticas nas administracións locais da provincia.

Aparecen con nome e apelidos completos quen ocupan, ocuparon ou optaron a cargos de representación pública e figuran con eles no rexistro das respectivas corporacións municipais ou nas listas oficiais das xuntas electorais.

Emilio José Costa García, axudante de obras e servizos. Exconcelleiro de Castrelo de Val, candidato á Alcaldía en 2019 e número 4 nas listas do PP na municipais de 2023. Foi un dos 113 compromisarios do PP contratados na Deputación por Baltar pouco antes do Congreso do partido no que o seu fillo foi elixido o seu sucesor, segundo a denuncia que acabaría coa condena xudicial do primeiro a nove anos de inhabilitación por prevaricación.

B. Q. V., legoeiro. Irmán da alcaldesa de Bande, Sandra Quintas Vázquez, tamén directora territorial da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude do Goberno de Alfonso Rueda. Ambos son sobriños de Ana Belén Vázquez, deputada no Congreso e entre 2006 e 2007 alcaldesa da mesma localidade, cargo que ese ano herdou o seu marido, Juan Antonio Armada.

A. I. R., administrativo. Parente da vicepresidenta primeira da Deputación, Marta Novoa Iglesias, e fillo do padriño desta.

M. F. M., legoeiro. Afín ao PP de Pereiro de Aguiar, onde o presidente da Deputación, Luis Menor, é alcalde, e con quen mantén relación de amizade, segundo fontes consultadas por Público.

José Manuel Gil Carballo. Chofer-operario de recollida de lixos. Concelleiro desde 2015 no Concello de Maceda. Foi suplente nas eleccións locais de 2011, número cinco en 2015 e segundo da candidatura en 2019 e 2023. O portavoz do PP en Maceda, onde goberna o PSOE, é Rubén Quintas, á súa vez foi contratado por Manuel Baltar como asesor do grupo popular na Deputación.

L. P. Á., técnica de xestión orzamentaria. Foi tesoureira no Concello de Monforte na época na que a interventora municipal era Mónica Legaspi, interventora da Deputación de Ourense desde que en 2011 obtivo a praza baixo mandato de Baltar pai. Legaspi formaba parte do tribunal que avaliou os candidatos da oposición que L. P. Á. gañou o ano pasado.

I. A. G., auxiliar de obras e servizos. É traballador das brigadas forestais do concello de Monterrei, cuxo alcalde, José Luis Suárez Martínez, é á súa vez xefe do servizo de recursos humanos da Deputación. Como lle sucedeu a Baltar na Deputación, Suárez Martínez tamén herdou a Alcaldía do seu pai, José Luis Suárez Conde, rexedor entre 1985 e 2015.

Manuel Gil Abad, peón agrícola. Concelleiro en Esgos, o municipio onde viven os Baltar e onde Manuel Baltar se presentaba de número dous para obter acta de concelleiro e poder así optar á presidencia da Deputación. O PP ten todos os edís da corporación. Manuel Gil Abad foi de número sete en 2011, de seis en 2015 e de sete en 2019 e 2023.

D. R. Q., legoeiro, e J. M. D. F., operario, exxogadores do Club Deportivo Muíños, o club local do municipio cuxo alcalde, Plácido Álvarez, vicepresidente terceiro da Deputación de Luis Menor, é unha das persoas máis próximas á familia Baltar. Álvarez é rexedor de Muíños desde 1995, cando lle gañou as eleccións ao PSOE por once votos. Durante varias lexislaturas gobernou con todos os concelleiros de corporación, nove, pero en 2023 perdeu un a favor do PSOE a pesar de que obtivo máis do 80% dos sufraxios.

Rueda, Feijoo Baltar padre, nun mitin do PP en Ourense en 2010 / Foto: PP

José Manuel Rodríguez Pajarín, chofer-operario de recollida de lixo. Candidato nas últimas municipais no Carballiño, onde o portavoz do PP é Lino González García, que foi contratado como asesor da Deputación por Luis Menor en setembro de 2023. Menor tamén contratou como asesora á alcaldesa de Porqueira, Susana Vázquez Dorado, e ao rexedor de Cartelle, Jaime Sousa, como coordinador do grupo popular na Deputación. Tamén mantén no seu equipo de asesores a Lara Pérez, filla de Manuel Pérez, alcalde de Padrenda.

J. L. C. G., auxiliar de servizos. Contratado por Baltar pai en 2009 e unha das testemuñas no xuízo polos enchufes que acabaría na condena do expresidente a nove anos de inhabilitación por prevaricación.

Ana Belén Rodríguez André, mestra de canto e pandeireta na Escola de Gaitas adscrita á Deputación. Foi candidata ás municipais de Castrelo de Miño en 2015 e 2019 e suplente nas listas de 2011 e 2023. O alcalde Castrelo de Miño é Avelino Pazos Pérez, que en abril de 2023 obtivo á súa vez unha praza de técnico auxiliar agrícola na Deputación. Segundo publicou en 2023 o diario El País, o tribunal que o examinou fora nomeado por Baltar, que tamén enchufaría os alcaldes de Riós, Eva María Barrio López; a número dous do PP de Punxín, Diana Sulleiro Lema, e a coordinadora de Emprego do PP de Ourense, membro do seu comité de garantías e suplente nas listas das municipais de Ourense en 2019 e 2023 Sara Isabel Hermida Álvarez. Este mesmo xoves, o Boletín Oficial da Provincia de Ourense publica a apertura do procedemento para contratar unha substituta para a praza de mestra de canto e pandeireta.

Antonio Riveiro Cortés, peón de mantemento. Foi suplente na candidaturas de 2019 e 2023 para o Concello de Nogueira de Ramuín, localidade natal de José Luis Baltar e onde o patriarca do clan foi alcalde entre 1976 e 1995.

Juan José Martínez Puga, subalterno. Foi suplente nas listas do PP para as eleccións municipais de 2019 ao Concello de Cualedro e nas de Vilar de Santos en 2023. O alcalde de Cualedro é Luciano Rivero, deputado provincial ata 2015, momento no que renunciou ao seu escano ao saberse que a súa empresa familiar contrataba coa Deputación. Rivero é fillo de Mariña Cuquejo, de quen herdou a Alcaldía en 2006, que a súa nai ocupara desde 1979. En maio de 2023, un xulgado de Verín abriu dilixencias contra o rexedor e a súa muller por apropiación indebida, administración deseal e delito contable.

De esquerda a dereita, Plácido Álvarez, alcalde de Muíños; Alfonso Rueda, presidente da Xunta; e José Manuel Baltar, expresidente da Deputación, en Esgos, nunha imaxe de arquivo.

Bernardino Carballo Bouzas, legoeiro. Exconcelleiro e número 3 na candidatura do PP de Baños de Molgas nos comicios locais de 2011.

Alfonso Rodríguez Velo, bombeiro-condutor. En 2023 foi suplente nas listas do PP en San Cristovo de Cea. O alcalde da localidade é José Luis Valladares, condenado a un ano de prisión e a outro de inhabilitación en calquera asunto relacionado coa xestión de augas por un delito contra o medio ambiente.

Leonardo Quintas García, subalterno. Número 9 nas listas de Vilar de Barrio en 2023.

José Manuel Rodríguez Oliveira, suplente na candidatura do PP nas eleccións de Barbadás.

Isidro Álvarez Quintas, chofer-operario de lixos. Suplente nas listas do PP de Padrenda nas últimas municipais

Ismael Pérez Vega, legoeiro. Suplente nas listas das municipais do PP en Ourense en 2019 e 2023.

José Manuel Lage Iglesias, chofer operario de lixos. Suplente do PP nas listas de 2015 e 2019 en Vilar de Barrio e número cinco nas de 2023.

Felisindo Dapia Medeiros, legoeiro. Número cinco na candidatura do PP de Oímbra en 2023.

De esquerda a dereita, Alberto Núñez Feijóo, María José Caldelas e Manuel Baltar, nun mitin do PP na campaña das eleccións autonómicas galegas de 2012 / Foto: PP

Alberto Panca Villanueva, chofer operario de lixos. Suplente nas listas populares das dúas últimas eleccións municipais en Oímbra.

José Antonio Estévez Gómez, chofer-operario de recollida de lixos, quen consolidou a súa praza mediante concurso-oposición con tribunal designado por Baltar. Suplente nas listas das municipais en Ourense cidade en 2019.

José Antonio Pazos Pérez, chofer-operario de recollida de lixos. Foi candidato en 2011, 2015 e 2019 e suplente en 2023 nas listas de Castrelo de Miño, con cuxo alcalde, Avelino Pazos, ten lazos familiares.

José Antonio Estévez Gómez, operario de lixos. Suplente na candidatura das municipais de Ourense en 2019.

José Manuel Rodríguez Cumbrado, operario de lixos. Suplente en Vilar de Santos en 2019.

Julio Francisco Jiménez Zulliani, bombeiro-condutor. Suplente nas listas das municipais e de Petín en 2015 e nas de Maceda en 2019 e 2023.

Manuel Valencia Rodríguez, chofer-operario de recollida de lixos. Foi na candidatura das eleccións locais de Calvos de Randín en 2011, 2015 e 2019, e como suplente nas de 2023. Calvos de Randín é a localidade onde o PP tentou arrebatarlle a Alcaldía ao PSOE en 2008 mediante unha moción de censura apoiada por un tránsfuga, e para a que o PP contratou matóns por mediación da exmuller de Manuel Baltar, María José Caldelas, que cobraría por iso 6.000 segundo as gravacións que desvelou Público en maio do ano pasado.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail