Pensaba que a nosa era unha amizade desas que, de tan longas, resultaba imposible xa que a unha sorprendese á outra. Que te coñecía coma se te parise, que non había ningún recuncho en min que non colonizaras algunha vez. Son consciente, tamén, de que co paso dos anos a nosa relación tornou en odio-amor-odio. Si, dobre ración de sentimento malo porque, sexamos sinceras, a xente non vai pola vida devecendo atoparse contigo. O do amor é porque, ás veces, ter a cabeza ao douscentos por cento axiliza moito todo, por exemplo, nunha tarefa como escribir unha novela. Só podes pensar niso, estar mergullada nese mundo ata que pechas a porta co punto e final.
Teño vivido en Vila Chorima, rescatado escolas de secuestros e resolto misterios coma se os vivise en carne propia. As escenas aparecen na miña mente coma un torrente sen fin, necesito plasmalas nalgún lugar o máis rapidamente posible antes de que esvaezan, antes de perder esa sensación de que, de feito, fun detective, muller a comezos de século ou rapaz de dez anos. Tamén, por que non, me das folgos cando necesito rematar algo, aínda que non me apeteza, porque sabes que son incapaz de deixar algo, non digo a medias, senón mal feito. Para facer algo mal feito, non se fai.
Tamén, por que non, me das folgos cando necesito rematar algo, aínda que non me apeteza, porque sabes que son incapaz de deixar algo, non digo a medias, senón mal feito. Para facer algo mal feito, non se fai
E é aí onde, máis unha vez, volve o odio. Bísbasme ao oído que si, que para facer algo mal feito xa nin o intente. Para que vas refacer esa novela que leva case dous anos no ordenador? Sei que así como está non serve, pero tamén sei que o substrato é bo. Sábeo a miña axente, que non ten problema ningún en dicirme que algo está mal cando está mal, e non o fixo. Noteina entusiasmada. Sei como é que estea entusiasmada porque xa vivín como é que non o estea. Sábeno un par de lectoras beta, con A por maioría, desas que tamén che soltan as verdades á cara.
Pero ti, vella compañeira (grazas a Anxo Lugilde polo nome), prefires facer caso omiso. Nos audios tras a lectura decides non centrarte nos «ese diálogo é boísimo» ou no «a contraposición entre capítulos encántame». Fas que fixe a atención nos «bueno», «a ver», que per se non din nada, pero que ti infires que a súa intención era buscar as palabras correctas para non ferir, para dar malas novas sen mancar. Os «repites moito isto» ou «esoutra parte sóbrame» tradúcelos por «isto é un brodio». Tanto che dá que a novela, así tal cal, a medio facer, porque eu sei que ficou a medio facer, quedara entre a selección final das obras dun certame no que só se podía premiar unha. Non é mérito teu, senón demérito do resto, que a saber que goldroadas enviaron, dis. Unha merda con auga de rosas segue a ser unha merda, aínda que non ula tan mal.
Bísbasme ao oído que si, que para facer algo mal feito xa nin o intente. Para que vas refacer esa novela que leva case dous anos no ordenador?
Agora dás un xiro de guión cos artigos da Luzes. Comezar a escribir nela, igual que apuntarme a baloncesto en setembro do 22, foron das mellores decisións que tomei este curso. Xa deches sinais de aviso con eses pensamentos de «es malísima porque non xogas case nada nos partidos», «que fas aquí se lles sacas a case todas as do equipo doce anos», pero aí gañei eu a guerra, a pesar de perder algunha que outra batalla. Coa Luzes non: este era un dos poucos recunchos seguros que ficaban afastados de ti, aínda que algunha que outra vez viñeras facer visitas breves. Nin un café che ofrecín cando pasaches polos artigos a saudar. Aquí non, grazas, amigas si, pero ata as amigas teñen momentos nos que prefiren estar soas. Ademais, este medio era a miña forma particular de obrigarte a coller forma, de saír á luz, que ti es máis de ficar á sombra. De concederche materialidade e presentarte en sociedade, de sacarte do teu agocho e comprobar que non somos a única parella que hoxe en día convive en gananciais. Que tes moitas irmás soltas polo mundo, supoño que pola fertilidade de túa nai A Esixencia e teu pai O Medo. Mentres, Ingrid Michaelson lémbrame polos auriculares que A Parálise é filla túa. I want to change the world, instead I sleep. I want to believe in more than you and me.
Este medio era a miña forma particular de obrigarte a coller forma, de saír á luz, que ti es máis de ficar á sombra. De concederche materialidade e presentarte en sociedade, de sacarte do teu agocho e comprobar que non somos a única parella que hoxe en día convive en gananciais
Agora, como dicía, atópome con que tamén colonizas isto, que é unha sorte de diario quincenal, porque con maior periodicidade non son quen de aturarme a min mesma. De que irá o seguinte artigo? Podo falar da censura e de Roald Dahl. Pero como vas tratar ese tema, disme. Sabes se estás a favor ou en contra? Porque aquí non hai posicións intermedias, claro. Iso leva toda a vida facéndose, cantos anos tardaches en descubrir que A Sereíña ao final morre? De verdade supón un cambio tan grande escribir que Matilda tamén le a Jane Austen? Gustaríache que fixesen iso cos teus libros? A ti puxéronche nunha faixa que a túa novela era «politicamente incorrecta». Iso significa que chamo gordos aos nenos? Antía, de verdade queres poñerte a opinar e escoitar as opinións de volta sobre a túa opinión? Ti, que traduces un «a ver» como «es imbécil, pero non sei como dicircho»? Vale, si, xa pillo. Pois podo falar do debate xurdido hai pouco máis dunha semana sobre se sacar libros en galego á vez que a edición en castelán é bo ou malo para o primeiro. Si, xa, claro, dis, para iso tírate xa dun décimo piso. Pero mira o último libro de Arantza Portabales, se ela mesma dixo en redes que esgotara a primeira edición en galego, dous mil exemplares, en menos de 24 horas! Ti mesma, Antía. Lémbroche que segues a ser a tipa que tivo pesadelos ao escoller a cor dos embelecedores dos enchufes da casa. Se ata iso fai que non deixes de darlle voltas á cabeza, imaxina isto.
A ti puxéronche nunha faixa que a túa novela era «politicamente incorrecta». Iso significa que chamo gordos aos nenos? Antía, de verdade queres poñerte a opinar e escoitar as opinións de volta sobre a túa opinión?
E así convivimos. Convivo eu, máis ben. Ti intentas conquistar. Podo intentar autoconvencerme de que, ao mellor, se che cedo algún territorio de pouca importancia ficarás saciada; que noutros momentos, como responder ante situacións estresantes, traballar baixo presión ou aproveitar o tempo ao máximo, remas na mesma dirección ca min; que levo tantos anos neste tira e afrouxa que xa é unha parte máis de min, que nunca houbo unha Antía que andase soa pola vida, sen ti nela. Podo intentalo.
Esta carta, non obstante, non é para iso. É para avisarte. Avisarte de que igual que intentas sacar proveito de min, non era sen tempo que eu fixese o mesmo contigo. Velaquí te deixo, exposta, sacada do teu agocho e espida, para que todos te miren igual que ti me observas cando sento na cadeira a escribir. Avisarte de que eu son eu e ti es ti. De que se sementas na miña cabeza as dúbidas e a baixa autoestima, eu usarei iso para facer o que ti me impides que faga, así que velaquí o meu artigo da Luzes desta semana. Agardemos que dentro duns meses teña unha novela.
Mentres, Ingrid Michaelson despídenos: But all that I know is I’m breathing. All I can do is keep breathing.