Artigo de Laura Gestal, Lydia F. Cortabitarte e Laura Ríos
A lei trans, aprobada o 29 de xuño polo Goberno central, é un paso adiante para o cumprimento dunha normativa aglutinadora en todas as CCAA en prol de abolir a discriminación laboral, escolar e, en definitiva, social que sofre o colectivo LGBTIQ+ froito da intolerancia e da desinformación que aflora na ollada xeneralizada. A principal clave da nova lei é que erradica a hormonación continuada por un período de dous anos para o cambio de sexo das persoas trans. Este colectivo sufre a miúdo ataques físicos e verbais por non encaixar no binarismo tradicional imposto dende a infancia mediante os estereotipos e os roles de xénero. Un feito que afunde a saúde mental desta comunidade e que se traduce, nos casos máis drásticos, en intencións suicidas.
A primeira lei estatal que lexislou a realidade trans foi a Lei 3/2007 do 15 de marzo do mesmo ano, coa que as persoas transxénero podían rectificar o seu nome e o seu xénero no rexistro. O texto recollía que «toda persoa de nacionalidade española, maior de idade e con capacidade suficiente para facelo, poderá solicitar a rectificación da mención rexistral do sexo»; isto é, as persoas trans podían solicitar o cambio de nome e de sexo no seu documento nacional de identidade sen necesidade de someterse a unha operación de reasignación sexual. Porén, a persoa debía aportar un certificado médico que acreditara un diagnóstico de disforia de xénero, así coma certificar que levaba en tratamento médico durante, polo menos, dous anos. Esta lei foi reformada en 2017, permitindo aos menores trans rectificar o seu sexo e posibilitando aos estranxeiros residentes en España acceder tamén a este mecanismo para cambiar o seu nome e xénero na tarxeta de residencia e no permiso de traballo.
Máis de dez anos despois, xa en 2021, o Ministerio de Igualdade baixo o mando da ministra Irene Montero decide propor unha nova lei en materia trans. O proxecto de lei publicábase o 2 de febreiro deste ano para ser aprobado –de forma provisional– o 29 de xuño. Antes da súa aprobación definitiva polo Congreso, esta nova normativa debe pasar polos órganos consultivos. A lei achega dende xa unha serie de facilidades na transición legal de identidade, co obxectivo de despatoloxizar a transexualidade eliminando o requisito dun diagnóstico de disforia de xénero. As persoas trans poderán modificar o seu xénero e o seu nome rexistralmente sen necesidade de pasar por un proceso hormonal obrigatorio.
Cómpre ter en conta que, segundo a presidenta de Chrysallis en Galicia, Soledad Fernández, a hormonación supón «unha castración química» que moitos individuos non teñen por que desexar. Tras acadar este fito que avanza en dereitos humanos, a lei española concorda coa despatoloxización da transexualidade ratificada pola Organización Mundial da Saúde en 2018, tras a undécima revisión da Clasificación Internacional de Enfermidades (CIE-11).
En canto a Galicia, a Lei 2/2014 do 14 de abril é a segunda normativa a nivel autonómico en intentar frear a discriminación cara ao colectivo LGBTIQ+. Porén, non dedica grandes esforzos á regulación dos dereitos trans. Nesta liña, a lei trans aglutina a todas as comunidades autónomas no cumprimento dos dereitos do colectivo baixo unha única normativa, a estatal, evitando diferenzas entre as distintas rexións no trato que dan ás persoas transxénero.
Un labirinto laboral
As persoas transxénero non só soportan os prexuízos por parte da sociedade, senón que afrontan no seu día a día as dificultades engadidas a nivel institucional. A norma de 2007, en canto á identificación de xénero, estipulaba que o candidato a cambiar oficialmente de nome e xénero debía hormonarse durante polo menos dous anos. De feito, máis das tres cuartas partes das persoas trans non cambian o seu xénero legal en toda a Unión Europea, segundo a enquisa LGTBI realizada pola Axencia dos Dereitos Fundamentais da Unión Europea (FRA) en 2019. Este dato suxire que moitas persoas trans conviven con documentos de identidade que non se corresponden coa súa identidade de xénero. Pero, que dificultades pode traer esta discordancia entre os papeis institucionais e a verdadeira identidade das persoas trans?
Os problemas poden manifestarse en situacións tan cotiás como as entrevistas de traballo. Cando unha persoa trans asiste a este tipo de citas, sabe que ten amplas posibilidades de ser discriminada polo choque entre o seu nome no rexistro e a súa expresión de xénero. Este salto cara a un mercado laboral que non protexe o colectivo ten consecuencias sociais moi claras: a lei trans asegura que o 42% das persoas trans enquisadas son discriminadas neste ámbito. Así mesmo, unha investigación realizada pola FRA revela que as mulleres sofren un 13% de acoso máis que os homes. Esta diferenza estrutural entre a discriminación a homes e mulleres explícaa a presidenta galega de Chrysallis como un síntoma máis de machismo. Segundo ela «non é o mesmo que faga o tránsito social un home que unha muller» xa que a maquinaria patriarcal e cisnormativa afoga por partida dobre as mulleres transxénero.
Tamén, segundo o informe da FRA, un 58% das persoas trans ocúltase e non fala da súa identidade na vida diaria, tratando de esquivar o acoso laboral. A parte das persoas transxénero, as persoas non binarias tamén se ven afectadas pola discriminación laboral. Helio, un mozo non binario e activista de Avante LGTB+, asegura que «a única forma de encontrar traballo» é co seu nome de nacemento, xa que non se atreve «a falar en masculino» tendo un nome de muller no seu DNI.
De feito, o texto da lei trans pon de manifesto que unha das principais causas da discriminación que sofren as persoas trans ten a súa orixe na discordancia entre os datos que figuran na súa documentación e o seu nome e xénero reais. Nesta liña, Helio sostén que a maioría da xente trans non ten traballo «nin esperanza de telo pronto». Falamos de máis dun 80% de paro, segundo a Organización Internacional do Traballo. A Secretaria Xeral de Igualdade da Xunta de Galicia, Susana López Abella, detecta a delicada situación das persoas trans no mercado laboral. Recoñece, de maneira indirecta, que existe unha realidade silenciada: «Cómpre formar en igualdade os futuros traballadores para acabar coas discriminacións, o acoso e as fendas».
Unha sanidade tránsfoba
Este tipo de exposicións inadecuadas da vida privada tamén pode darse no ámbito sanitario. Un home transxénero pode necesitar determinados servizos sanitarios tradicionalmente asociados ás mulleres, como os tratamentos xinecolóxicos. Para un home trans, unha simple visita a un especialista deste tipo supón sacar a relucir a súa intimidade ante os profesionais clínicos e ante unha sala de espera que mira con sorpresa como un home entra na consulta dun xinecólogo.
A presidenta de Chrysallis Galicia cualifica de «inadmisible» ter que acreditar a un funcionario quen es: «parece que se es trans todo o mundo pode deostarte preguntando que tes entre as pernas ou se te hormonas». A este respecto, a nova lei afirma que o 39% das persoas trans enquisadas foron discriminadas polo persoal sanitario ou polos servizos sociais. Segundo a mesma, a posible solución sería unha aposta pola formación na diversidade aos sanitarios. Asemade, o Tribunal Supremo na Sentenza 685/2019 do 17 de decembro do mesmo ano, asegura que «ten que protexerse a intimidade e a dignidade» da persoa trans en cuestión, «evitando que se vexa sometida a situacións humillantes». Deste xeito, o propio individuo será quen «decida sobre o coñecemento» que os demais poidan ter sobre a súa intimidade.
A lei trans inclúe a asistencia para o tratamento hormonal, a terapia de voz, as cirurxías xenitais, as mamoplastias, as mastectomías e o material de prótese na carteira de servizos específicos das persoas trans no Sistema Nacional de Saúde Pública.
Amarga volta ao cole
O acoso cara ao colectivo non remata na contorna sanitaria, senón que inunda tamén os corredores e as aulas dos centros educativos. Neste senso, Lucy Fernández, moza trans de 16 anos, confesa que no colexio chamábana polo seu nome anterior e que os compañeiros «tomábano a broma». Pero, aínda que isto non lle gustase, asegura que se vía obrigada a calar. A presidenta de Chrysallis Galicia explica que o problema non se debe á identidade das persoas trans, senón á forma na que o mundo reacciona a ela.
De feito, un estudo da FRA sostén que unha cuarta parte das persoas trans enquisadas que están escolarizadas sufriron discriminación por parte do persoal do centro nos 12 meses anteriores á enquisa. Lucy Fernández é un claro exemplo disto: «desde a infancia sufrín un acoso importante e, cada vez que pensaba en asumirme, aterrorizábame, pensaba que se me facían dano sendo un mozo, sendo unha moza íanme matar. Ata que chegou un punto en que prefería ser quen son antes que morrer no disfrace de alguén que non me pertence».
Aínda que na infancia se producen os primeiros rozamentos coa identidade de xénero, é durante a adolescencia cando a maioría das persoas trans comeza a tomar conciencia do que está a ocorrer, do que sente e do descoñecemento ao que se asoma. Helio explica: «con 11 anos comecei a pensar que non era unha nena, pero non tiña nin idea da diferenza entre o que significaba ser unha nena e non selo». Engade que descubriu o seu xénero con 20 anos, documentándose e aprendendo que non só había nenos ou nenas cisxénero ou nenos e nenas trans, senón que existía o xénero
non-binario.
Dende as institucións gobernamentais establécense diferentes ferramentas para acabar coa discriminación educativa. O artigo 34 do borrador de lei proposto polo Ministerio de Igualdade establecía un mandato para que as Administracións Públicas utilicen os protocolos necesarios para identificar, apoiar e acompañar o alumnado trans contra o acoso tránsfobo. Por outra banda, o artigo 26.2 da Lei galega 2/2014 ofrece unha clara intención pedagóxica, mais fai referencia á totalidade do colectivo LGTBIQ+, sen afondar nos problemas especiais das persoas trans. Para Helio, a parte da educación na diversidade, é necesario facer visible o colectivo LGTBIQ+ fóra dos espazos educativos.
Un mundo perigoso
Ademais de discriminación laboral, sanitaria e escolar, as persoas transxénero sofren un enorme rexeitamento por parte de amplos sectores sociais. Segundo unha enquisa da Axencia dos Dereitos Fundamentais da Unión Europea, o 54% das persoas trans indicaron que, no ano anterior á enquisa, «viviron situacións nas que se sentiron vítimas de discriminación ou do acoso polo feito de ser percibidos como trans». Esta discriminación a nivel social aumenta, segundo o mesmo informe, no casos da xente nova, dos que carecen dun traballo remunerado ou daqueles que pertencen a un grupo de ingresos máis baixos. Neste aspecto, Manuel, un home trans de 49 anos, asegura estar afeito a que o critiquen e o insulten, incluso a que lle cuspan. Manuel di ter «a esperanza de que algún día» as persoas trans poidan «andar como calquera persoa pola rúa» sen ser agredidos ou insultados como «desgraciadamente están a facer en moitos sitios». Manuel incide no papel das persoas espectadoras, ás que convida «a que non permitan estas cousas» e a que defendan o que cren «sen ofender a ninguén».
Para erradicar este tipo de comportamentos sociais e a desinformación fronte á situación do colectivo, as persoas trans utilizan o asociacionismo, un arma empoderante para este colectivo. Manuel sostén que organizacións como Chrysallis, Avante LGBT+ ou Nós Mesmas necesitáronse moito o pasado século. Segundo o psicólogo Iago Torres e a asociación Alas Coruña, son un factor protector contra os ataques ás persoas trans, para que sintan «que non están soas». Sen lugar a dúbidas, a súa función é crucial para axudar no acompañamento e no camiño de loita polos dereitos do colectivo trans. Estes grupos esfórzanse por facer visible a realidade de miles de persoas a través de actividades, conferencias e da actual iniciativa para o percorrido dunha bandeira trans de enormes dimensións por varias provincias do país.
Casa non sempre significa fogar
Un colectivo vulnerable dentro da realidade trans é o dos menores no ámbito familiar. Cando non teñen apoio, ocorren as transicións tardías, que realizan persoas coa autoestima mancada como Manuel: «a transición atrásase por problemas económicos, por presión social ou por presión familiar, como foi o meu caso». O papel dos pais é crucial no acompañamento. A presidenta de Chrysallis en Galicia comenta que as principais reaccións dos proxenitores son «de susto, porque os seus fillos fano ‘por moda’; ou de temor, porque a xente lles faga dano». Neste aspecto, a lei trans permite un cambio de xénero sen o consentimento parental a partir dos 16 anos.
A reacción do entorno familiar de Manuel, quen transicionou socialmente con 12 anos, foi moi negativa. Manuel tan só sentiu a liberdade de expresar quen era á súa madriña. Pola contra, para o resto da familia foi algo sorprendente porque «hai moita xente retrógrada». Manuel prefire manter a súa imaxe en segredo para a realización desta reportaxe, posto que leva anos sen falar cos seus irmáns, menos coa irmá pequena: «apártanme a cara cando me ven pola rúa».
Merece especial atención lexislar para dar unha maior autonomía á liberdade sexual das persoas no seu ámbito familiar, especialmente se son menores. Indícao así o artigo 6.4 «Personas trans menores de dieciocho años». Calquera «negativa a respectar a identidade de xénero» dun menor por parte do seu entorno familiar «pode atentar contra» o libre desenvolvemento da personalidade, segundo o artigo 17 da Lei Orgánica 1/1996, do 15 de xaneiro, de Protección Xurídica do Menor. Neste eido, se os pais se opoñen a dar consentimento ao cambio de sexo –exento de custos ou taxas– dos menores de entre 12 e 16 anos, a lei trans procederá a nomear un defensor xudicial, conforme o artigo 300 do Código Civil.
A presidenta de Chrysallis apunta casos de menores que se comportan «unha semana como María e outra semana como Mario» porque os seus proxenitores están divorciados e porque hai un dos dous que non acepta a súa realidade. Para traballar a aceptación dos pais, o psicólogo Iago Torres recomenda a terapia da reticencia emocional: «debe lograrse unha flexibilidade cognitiva coa regulación emocional dos individuos con ideas sólidas».
O avogado especializado en problemática trans, Miguel Vieito, está convencido de que «non hai que atender a criterios de idade obxectivos, senón ter en conta que os e as menores teñen o dereito a defender a súa autonomía». Asemade, dende Chrysallis defenden un cambio de xénero independentemente da idade. Helio, de xénero non binario, engade que, ás veces, «os pais non teñen a intención de buscar o mellor para os seus fillos». Polo tanto, apunta que unha figura allea á familia, sen intereses, como unha traballadora social ou unha psicóloga, acredite a identidade do menor trans.
A Secretaria Xeral de Igualdade da Xunta de Galicia, Susana López Abella, é prudente á hora de valorar o grao de exactitude da nova lei trans co actual marco xurídico. Para que así sexa, pide que a norma teña «carácter integral e transversal» e que «suscite o consenso de todos os actores implicados». Para iso, propoñía que o debate sobre os puntos a incluír nesta nova norma se realizase nun «grupo de traballo coas CCAA e co movemento asociativo LGTBIQ+».
O prezo psicolóxico do calvario
Froito da presión social, as persoas transxénero acaban por padecer problemas de saúde mental. Unha das diferenzas máis notables de vivir sendo trans é a transición, que reside na evolución médica, científica e, polo tanto, no apoio que os pacientes reciben cando comezan o tratamento hormonal. Tamén, cando toman a decisión de someterse ou non a unha operación de reasignación de sexo. Segundo Helio, «os canons de beleza afectan sobre todo á xente nova». O non-binario engade que unha relación negativa co corpo pode ser perigosa porque «é fácil que alimente trastornos da conducta alimenticia ou hábitos de vida pouco saudables».
O psicólogo Iago Torres di sobre o cambio de sexo que «a persoa séntese mellor porque o sexo se volve coherente co seu xénero». Con todo, cualifica esta operación como un parche: «o cambio de sexo non traballa o núcleo do problema, que é por que me sinto mal ou que me fai sentir mal». O terapeuta afirma que hai que traballar aspectos máis psicolóxicos como «coller aprecio ao autoconcepto». En consecuencia, construír unha relación positiva co aspecto físico.
Isto aválao o estudo publicado por The Lancet: «Gender-concordant identity documents and mental health among transgender adults in the USA: a cross-sectional study» (Scheim, Pérez-Brumer, Bauer. 2020), que determina que as persoas que reflectían a súa identidade de xénero nos seus documentos de identidade, fronte ás que non o facían, tiñan unha menor tendencia a ter trastornos mentais e ideas de suicidio. De feito, segundo un estudo de The Arquives of Sexual Behavior (International Academy of Sex Research. 2021), cuxo obxectivo foi coñecer algunhas características sociodemográficas e psicolóxicas das persoas transxénero, a poboación trans soporta unha forte tensión –coñecida como tensión das minorías– debida aos episodios de discriminación dos que é obxecto.
O psicólogo Torres admite como necesario un acompañamento «antes, durante e despois» da transición física e social porque «pode ser chocante o noso novo aspecto». Nesta liña, os entrevistados trans coinciden en que unha primeira consulta co psicólogo é positiva para ter claro o paso tan importante que van dar.
En paralelo, Lucy Fernández e Breixo Martínez (17 anos) relatan malas experiencias en terapia polo arraigamento dos roles de xénero na praxe dos seus terapeutas. Por unha banda, Fernández recibiu unha contestación vergoñenta do psicólogo da Seguridade Social: «díxolle á miña nai que me puxera a estudar porque tiña demasiados paxaros na cabeza». Este non é un caso illado, xa que a lei trans menciona que o 39% das persoas enquisadas foron discriminadas polo persoal sanitario ou polos servizos sociais.
Por outra banda, Martínez, que leva dous anos en hormonación, comenta que unha das preguntas do seu exame psicolóxico foi: «con que xogabas de pequeno?». Do mesmo xeito, Manuel, quen realizou a transición social no século pasado, afirma que «tentan que falles as preguntas. Eu saía das consultas chorando». As nosas voces trans e a organización Crysallis coinciden en abolir estas probas psicolóxicas, xa que a anterior Lei 3/2007 esixía acreditar a disforia de xénero mediante un informe médico ou psicolóxico clínico para levar a cabo a rectificación do sexo rexistral. Este é un dos puntos clave que expón a nova Lei Trans, que dita que «o exercicio deste dereito en ningún caso poderá estar condicionado á previa exhibición de informe médico
ou psicolóxico».
Iago Torres afirma que o problema da OMS son os roles de xénero. Á súa vez, defende que non acabamos con eles se a solución que atopan as persoas trans é cambiar de sexo para que a súa identidade «encaixe nos neoroles». Segundo o terapeuta, o que afecta as persoas trans non é o seu xénero, senón os comentarios que bota a sociedade sobre el. Polo tanto, non falamos dun trastorno, senón dun problema na ollada da sociedade. Así o subscribe a presidenta de Crysallis Galicia, Soledad Fernández: «apoiamos a quen non encaixa no binarismo porque a presión social transmite que, se non cumpres uns estereotipos establecidos, non es aceptado nun xénero».
Con todo, pode haber quen decida non cambiar o seu corpo. Segundo Breixo Martínez «está demasiado inculcado que un trans teña que seguir os pasos da hormonación e da operación cirúrxica». Helio coincide en que se forza máis as persoas trans a encaixar nos estereotipos de home e de muller. O colectivo do que el forma parte, Avante LGBT+, reivindica, entre outros asuntos, que as mulleres non teñen por que afeitar o corpo ou saír maquilladas á rúa. Curiosamente, Helio comenta que «se Bad Bunny pinta as uñas é marabilloso, pero se pinta as uñas un trans…».
Nunha sociedade marcada por tabús e por prexuízos, as fontes desta reportaxe aceptaron as nosas entrevistas porque, ao fin e ao cabo, admiten que todo aquilo do que non se fala, esváese. A lei trans é por fin un halo de esperanza para todo un colectivo que tan só demanda o mesmo respecto que emite; isto é, deixar de ser cidadanía de segunda.
* Diego García, Borja Gómez, Estíbaliz Garmendia e Noa Martínez tamén participaron na elaboración desta reportaxe.