O feminismo é abolicionista

Este artigo tamén está dispoñible en: Castelán

O feminismo é abolicionista porque a prostitución é unha forma extrema de violencia de xénero e, case sempre, de escravitude. Algo tan obvio topa con sectores politizados dentro do feminismo, que ven compatible ser feminista con regular a mercantilización da sexualidade e do corpo das mulleres. O patriarcado bate palmas cando perdemos enerxía nestas debouras, contaxiadas pola doenza divisionista que corroe a esquerda –tan boa para a dereita–. Debemos saír da trampa na que prevalecen compromisos partidarios nas feministas con militancia –ou posición política– pois, cando ese dilema se dá, non hai outra que elixir e expoñerse á crítica do dogma inflexible da disciplina de partido. As devanceiras xa o viviron: Kollontai, Luxemburgo, Zetkin, Campoamor. Antes, Tristán ou Gouges. Exemplos de que debería ser a esquerda quen non perdese oportunidade de ir da man do feminismo, mellor que ao revés, porque neste caso o resultado si varía segundo a orde dos factores.

Regulamento sanitario da prostitución baixo o título de «Higiene especial»

En Galicia vense nitidamente varias frontes dispostas a entrar en combate. Se non estivese tan certa de que hai intereses partidarios detrás, non faría semellante afirmación pero sei que unha boa parte das feministas galegas saben a que me refiro porque as negociacións para organizar un oito de marzo unitario estiveron contaminadas por esta tendencia.

Por que a proporción de un de cada tres homes consumidores de carne de prostíbulo non se corresponde, non xa co mesmo dato nas mulleres, senón coa súa inexistencia?

A prostitución como «medio de vida» non é libre elección senón consecuencia do determinismo falocéntrico e patriarcal que se burla de nós. Só hai que facer a proba do algodón: poñamos home onde se pon muller, cando falamos de prostituídas. Poñamos muller onde se pon home, cando se fala de puteiros. Por que resulta aceptable que as mulleres sexan (mmm… non atopo a palabra correcta) por quince, vinte ou máis «clientes» no decurso dunha «xornada de traballo»? Por que non se da o caso da demanda en sentido contrario? É que as mulleres non temos necesidades sexuais? Por que a proporción de un de cada tres homes consumidores de carne de prostíbulo non se corresponde, non xa co mesmo dato nas mulleres, senón coa súa inexistencia? En que outra «actividade laboral» se dá esa circunstancia? De verdade estamos a falar do dereito ao traballo e de liberdade sexual? Cando esta fórmula non funciona é porque non é intercambiable. Daquela, se non é válido para eles tampouco non o é para nós.

O corpo das mulleres foi –e agora éo de maneira moito máis visible– o campo de batalla sobre o que se disputou a propiedade privada e se nutriu o capitalismo, que consolida co patriarcado un modelo de sociedade opresiva, cun reparto «do traballo» en función de roles sexuais con dominadores e dominadas. Violadores e violadas. Mercadores e mercadas. E, o demais, é unha fantasía.

Os antes compañeiros na loita pola igualdade, e hoxe ben situados homopatriarcas, que sempre tiveron o noso apoio e agora actúan como lobby que goza do privilexio de pertencer ao estamento «superior», xa sen barreiras para a súa aceptación social.

Cando leo reflexións feitas por compañeiras, marabillosas en tantas cousas pero que defenden ou xustifican isto, boto as mans á cabeza. Como falar sen discutirmos? Prefiro o silencio no trato individual; non estamos para perder o luxo de compartir moitas outras cousas, pero nalgún momento esta liña será totalmente infranqueable e debemos ter a intelixencia de non chegar ao que sería un punto sen retorno.

Non perdamos o tempo entrando ao xogo de quen nos queren sometidas e convencidas; mercenarias sen máis pagamento que un sorriso cómplice; que a aceptación dos machiños neofeministas que nos manipulan e nos dan espazo para que reproduzamos a súa mensaxe implícita; ou a aquiescencia dos antes compañeiros na loita pola igualdade, e hoxe ben situados homopatriarcas (non todos, por suposto, pero si demasiados), que sempre tiveron o noso apoio e agora actúan como lobby que goza do privilexio de pertencer ao estamento «superior», xa sen barreiras para a súa aceptación social. Non hai máis que ver o que está a acontecer cos ventres de alugueiro.

Escribo isto desde a firme convicción de que estamos sobre un terreo minado por cabalos de Troia camuflados que actúan coma virus invisíbeis, pero eficaces. A prostitución é a súa mellor baza. Hai que activar a reacción para que non nos coman todo o que levamos traballado e gañado até o de agora. E canto antes.

Este artigo tamén está dispoñible en: Castelán

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail