Para narcos, nós

Acabo de ver na TVG unha promoción moi pavera. Digo que «acabo» porque circunstancias persoais leváronme ao estranxeiro hai un par de anos e só teño a oportunidade de tomar contacto co país cando pillo un voo barato. Sempre que volvo a Galicia o meu descoñecemento das noticias locais é absoluto, e a posta ao día chégame nalgunha desas comidas familiares (ruidosas, dominicais e bilingües) presididas dende o fondo da cociña por Roberto Vilar e por Gayoso.

Foi precisamente durante a reemisión do Luar do pasado domingo cando vin unha autopromoción da cadea autonómica na que se confirma que non todas as noticias importantes do país son obxecto de comentario materno. Na autopromoción da galega (primeiro os actores Luís Iglesia e María Mera, despois o cociñeiro de Larpeiros Adrián, e aínda o propio Gayoso) suxiren dalgún xeito que nunha cadea privada que é competencia da TVG, Antena 3, van preestrear hoxe unha serie sobre o narcotráfico en Galicia inspirada no best-seller Fariña.

A noticia éncheme de confusión. Entendo o interese das galegas e dos galegos -tamén do resto do Estado- por unha serie sobre os narcos galegos con nome e apelidos, pero fáiseme difícil de asimilar -contradicindo todas as normas da publicidade- que desa gran noticia, que me terá hoxe pola noite enganchado á televisión, teña que caer na conta precisamente polo inimigo.

Para contrarrestar o efecto desalmado sobre o público galego dunha serie (a de Antena 3), rodada, producida, escrita e interpretada por xente de aquí, parece que á cadea autonómica non se lle ocorreu máis que mobilizar rostros populares, e cunha montaxe de barcos, descargas, sexo, encapuchados e pistolas asegurar que «Matalobos é o auténtico clan». Que se borren os Charlíns!, esa familia de tunantes que, ao parecer, só existen na imaxinación de Nacho Carretero.

É curioso e é pavero como se transgride a realidade. Máis curiosos son aínda os afoutos intentos dos directivos de San Marcos por contraatacar con Matalobos, unha exitosa ficción de narcos escrita por Carlos Portela, a outra serie -aínda por ver- na que xeografías e personaxes saen da vida mesma e dun relato de feitos moi ben ordenados polo autor de Fariña.

A relación da TVG con Matalobos está chea de paradoxas. A serie foi estreada pola tele «bipartita» de Touriño, e tivo a gran virtude de ser a primeira incursión de éxito da «galega» nun xénero que non fose o dese costumismo (Mareas Vivas, Platos Combinados, Terra de Miranda…) que tan bos réditos de audiencia viña producindo. A primeira reacción en San Marcos, trala chegada de Feijóo á Presidencia, foi suspender a produción de novos episodios, «porque non tiña moito que ver coa realidade de Galicia», aseguraban. A presión dos produtores fixo que a serie estivese con todo tres anos máis en emisión, acadando importantes premios europeos, ata ser substituída por Serramoura, a xeito de «marca blanca». É dicir, onde había un narco puxeron un malote. Agora, como un Guadiana, Matalobos emerxe de novo. O triste é que sexa para unha batalla innecesaria (por perdida).

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail