«Só hai una regra para todos os políticos do mundo: non digas cando estás no poder o mesmo que dicías na oposición». John Galsworthy foi un escritor británico, hoxe un tanto esquecido, pese a que ganou o premio Nobel de Literatura en 1932, e de que a súa obra foi moitas veces levada ás pantallas, grandes e pequenas, como no caso da serie La saga de los Forsyte. Ademais de esquecido, pouco caso lle fixeron, polo menos os políticos españois de extremo centro, grandes especialistas, cando están no poder, en botarlle as culpas do que pasa á oposición. E neste aspecto, como en moitos outros, poucos como Alberto Núñez Feijóo.
Alguén aínda pode pensar que o deber dun presidente é dar conta da súa xestión perante o Parlamento, onde se sentan os representantes electos da cidadanía. E que o da oposición, que son aqueles que representan as minorías -ou, como no caso do Congreso, ás minorías que non se deron posto de acordo para ser maioría-, é facer o labor de control do executivo. Iso era antes, ou en sitios onde o sistema democrático leva unha chea de tempo e necesita unha renovación urxente. No Parlamento do Hórreo (sempre me preguntei se a xente de fóra pensará que lle chamamos así á nosa cámara porque hai un cabazo no medio, ou porque o edificio ten esa forma en homenaxe á típica construción rural) non é así. O executivo, e polo tanto o grupo parlamentario que o sustenta, están para afearlle a conduta aos que non gobernan.
Que non se convocaran antes folgas de mulleres é un argumento a favor ou en contra de convocalas agora?
«A cidadanía non nos exixe que nos solidaricemos cos seus problemas, senón que poñamos en marcha medidas para resolvelos», argumentou o presidente Feijóo a súa negativa a apoiar a folga das mulleres do 8 de marzo. Toda a razón. Pero se se pide solidariedade cuns problemas é que os hai, e se os hai, é que non están resoltos, co que os problematizados quedan cos problemas e sen solidariedade sequera. «Debería explicar [o BNG] por que non chamaban antes á folga», contestoulle tamén a Ana Pontón. En que quedamos?, hainas que convocar ou non? Que non se convocaran antes folgas de mulleres é un argumento a favor ou en contra de convocalas agora?
Da mesma forma e no mesmo pleno, o portavoz socialista, Xaquín Fernández Leiceaga, criticou que «os fondos non gastados durante os últimos catro anos darían para liberar de peaxe para sempre a AP-9 catro veces ou comprar Audasa vez e media». O presidente da Xunta contestou que Abel Caballero, sendo ministro de Fomento nos anos 80, dixera que o AVE Galicia-Madrid chegaría en 1993. «Non se pode enganar», concluíu, antes de asegurar que o AVE entraría en funcionamento en probas en 2019. Aznar dixera que habería AVE en 2009, co que non se poderá enganar, pero facer faino todo o mundo.
A verdade, non entendín esa liña exculpatoria modelo «temos un problema, pero vostedes fixérono peor». Precisamente por iso aqueles non seguen gobernando. E por iso gobernan estes: porque aseguraron que ían resolver ese problema. Máis que acusalos, o lóxico sería darlle as grazas.