Alén da diferenza, volver gañar

Atopámonos nunha tesitura inédita, cunha dereita sen complexos que se alimenta (con éxito) dos prexuízos e reivindica solucións autoritarias. A crónica dunha derrota anunciada non semella que teña diante unha esquerda cun discurso á altura. Pola contra, as organizacións que abriron o «espazo do cambio» entre 2014 e 2015, hoxe esmorecen vítimas do abandono da hipótese que os fixera avanzar. Non semella, polo demais, que vaia ser posíbel un debate interno que resolva o problema discursivo da esquerda nun discurso que retome o camiño gañador.

En primeiro lugar porque os partidos se afastaron da que tiña que ser a súa evolución: institucionalizáronse de acordo ao vello modelo organizativo partitocrático. Logo de douscentos anos nos que a política democrática nos situou perante o desafío dunha segunda subsunción (do partido no movemento), á esquerda parece que lle vale coa primeira (a dos notábeis no partido). Así, por exemplo, a reforma do código ético dos Comuns afianzou unhas estruturas que deberían estar desaparecendo. Non é con menos democracia que vai volver gañar. E non, a política das esquerdas, por máis que amole dicilo, non é abondo democrática. A sociedade está para alén da oferta partidista.

En segundo lugar, froito do anterior, isto é, da ausencia de interacción cos movementos (ou, peor aínda, coa interacción que produce escisións nos movementos), as políticas de alianzas e posicións xerais perante a cidadanía e o PSOE son covardes e, por ende, fracasadas, de xeito que alimentan un Podemos sectarizado. Se hoxe hai un problema de «unidade da esquerda» é porque precisamente esa non é a unidade dos burócratas. E, porén, é a única na orde do día dos partidos.

En terceiro lugar, estas posicións basean o seu poder nunha deriva identitaria que impide o debate político. O partido convértese nun lugar de enclaustramento, tal e como xa era Izquierda Unida cando Podemos irrompeu cunha interfaz en extremo anovadora. Por desgraza, hoxe iso xa pertence aos dominios dos libros de historia. Mais a causa que orixinou aquela alternativa segue pendente de resolución.

Recentemente, o programa satírico Polònia fixo un gag sobre as primarias dos Comuns en Barcelona. Unha vaidosa Ada Colau falaba con Pisarello e, por cousa de que non se podía volver presentar, decidía nomealo o seu sucesor. Nisto aparecía Bob Pop aducindo que os seus agravios facían del un mellor candidato. Perante a contradición e a necesidade de gardar as apariencias, forzábase que ambos tiveran que participar nunhas primarias por ver quen era o portador do maior cúmulo de agravios. Ao final, logo dun empate, inevitábel en toda política da identidade, Colau decidía que a candidatura debía encabezala… ela!

Por moi paradoxal que poida semellar, hai un acerto amagado no gag: en efecto, Ada Colau estaba moito máis preto de ser a candidata ideal. E non por ser «a primeira dona bisexual de clase popular alcaldesa de Barcelona» e todos os demais agravios que ao longo dos seus anos na alcaldía foi facendo patentes. É xusto polo contrario: por estar moito máis preto de poñer cara ao significante baleiro. Pénsese ata que punto isto é así que Collboni conseguiu gañarlle agochando súa identidade gai (o día das eleccións acudiu ao colexio coa sua irmá e sobriños xogando coa representación do ideal heteronormativo).

A día de hoxe hai un debate imposíbel na esquerda: cuestionar a «xinecratización» (o feito de ter un sustento carnal feminino, á maneira de Isabel Díaz Ayuso, Ester Muñoz, Pepa Millán, etc.) e reivindicar perfís plurais para gañar. Abonda con ver o xeito en que se «feminizou» a política ao tempo que se ían perdendo eleccións tras eleccións desde 2016 para obter a verificación dun feito sinxelo: non é insultando os rapaces novos (electorado no que máis medra a extrema dereita), nin chamando «señoros» aos vellos, como se gaña. Aquí hai un erro básico de comunicación política, nó do problema actual.

A política non debe ir da rúa ao Estado por medio da política da diferenza, isto é, da pluralidade intrínseca do corpo social ás institucións. Todo o contrario: é saíndo e proliferando, non buscando a identidade, senón destruíndoa (o que, por certo, predica a teoría queer); non sendo a identidade diferida e reificada, senón a identidade que difire e prolifera.

No entanto, a esquerda non entende que o seu discurso está errado de base. A emancipación irá por outro lado que o electoral (porque o certo é que, con ou sen esta esquerda, vai acabar por ir para adiante). E isto non é unha boa noticia, habida conta do poder que aínda se concentra no Estado e o papel central que debe ter a súa política como escudo protector ante o poder dos tecnobillonarios. Hoxe a esquerda realmente existente propón ao pobo que se esforce por acadar as súas esixencias políticas. Como no poema de Brecht, cabe preguntarse con ironía se non sería mellor disolver o pobo e escoller outro.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail