A Coruña.- O BNG presentou unha iniciativa pola vía de urxencia no Parlamento de Galicia para esixir a reprobación de Manuel Baltar como senador por designación autonómica, despois de que o Tribunal Supremo o condenase este luns por un delito contra a seguridade viaria por conducir o seu coche oficial a máis de 200 quilómetros por hora.
O PSdeG tamén reclamou ao PP que esixa a Baltar que entregue a súa acta de senador, que obtivo grazas á decisión de Alberto Núñez Feijóo e Alfonso Rueda de destinalo ao Senado por designación do Parlamento autonómico, a cambio de que renunciase á presidencia da Deputación de Ourense e do PP na provincia, tras os escándalos desvelados por mor da citada infracción.
Feijóo asegurou este luns que Baltar debe cumprir coa lei «como calquera condutor» deste país, pero eludiu desvelar se esixirá ao senador que devolva a súa acta, dado que os estatutos do PP consideran falta moi grave a condena en firme pola comisión dun delito.
O 23 de abril de 2023, Baltar foi cazado por un radar da Dirección Xeral de Tráfico conducindo un coche oficial da Deputación a 215 km/h na A-52 ao seu paso pola provincia de Zamora. O vehículo foi detido e o seu condutor identificado e denunciado. Unha xuíz de primeira instancia abriu dilixencias contra el e sinalou xuízo rápido, pero as manobras de Baltar e a decisión de nomealo senador trasladaron a súa causa ao Supremo, que tivo que pedir un suplicatorio ao Senado para poder procesalo.
1.800 euros e un ano sen carné
O xuízo celebrouse finalmente o pasado 13 de xaneiro, e o tribunal, que fallou este luns, condenouno a 1.800 euros de multa e un ano de retirada de carné, ao considerar probado que circulaba a polo menos 204 km/h, é dicir a velocidade á que foi detectado menos o 5% de marxe de erro atribuíble por lei ao cinemómetro que o cazou.
Tras coñecer a sentenza, a deputada do BNG por Ourense Noa Presas criticou a «pouca exemplaridade» do hoxe senador e asegurou que non só mentiu sobre a velocidade á que circulaba –Baltar asegurou na vista oral que nunca excedeu o 180 km/h– senón que «aínda hoxe oculta detalles sobre o uso privado dun vehículo da Deputación», segundo informou a formación nacionalista nunha nota de prensa.
«Unha persoa con este historial non pode ostentar o cargo de senador por designación autonómica», dixo Presas, quen explicou que o seu grupo xa presentou a citada iniciativa no Parlamento de Galicia para que se posicione sobre «a falta de adecuación desta persoa ao seu cargo».
Dimisión
O grupo parlamentario do PSOE no Senado tamén esixiu ao PP que reclame a Baltar a súa acta. «É o momento da exemplaridade», afirma o senador socialista por Ourense, Rafael Rodríguez Villarino, quen declarou nunha nota de prensa que a sentenza condenatoria por un delito debe conlevar a dimisión de Baltar.
«O PP reservoulle o máis alta honra», asegura Rodríguez Villarino, quen lamenta que Feijóo e Rueda non só decidiron regalarlle un escano no Senado senón que o nomearon presidente dunha das comisións da Cámara Alta, a de Despoboamento e Reto Demográfico.
O senador socialista critica que Feijóo só manifestase a súa confianza en que Baltar cumprirá coa sentenza do Supremo sen anunciar máis medidas: «Faltaría máis. Un senador debe ser unha persoa que dea exemplo á cidadanía, e non alguén que poña en risco as súas vidas», concluíu.