O fascismo sempre empeza queimando libros. A última faena dos gurús da ignorancia é prohibir ensinar o que pasou no Holocausto. O Board of Education de McMinn (o nome non é invento meu), un condado de Tennessee, votou hai uns días prohibir a magnífica novela gráfica MAUS, do artista é escritor Art Spigelman. Todas as persoas que integran este Consello son brancas, nun estado no que aínda que tamén son a maioría, cada ano van perdendo porcentaxes de supremacía en favor dos afroamericanos e os hispanos. Segundo estas diminutas mentes do Consello municipal a novela non é recomendábel para os nenos de octavo porque nela aparecen mulleres espidas e tamén se din tacos.
O libro é sobre a organización e asasinato de seis millóns de persoas tachadas de «diferentes», pero para o director da escola o problema é que unhas cantas veces se din palabras soeces, como «God Damm!» (caghoendiola!). Por si fora pouco nese libro non hai xente, nin mulleres, nin homes, nin nenos. Hai ratos (os xudeus), cans (os americanos), porcos (os polacos non-xudeus) e gatos (os nazis). O autor escolleu facer unha alegoría porque como dixo nunha entrevista quixo mostrar os sucesos e a memoria do Holocausto sen mostralo. Entón as «mulleres espidas» que ve o Consello de educación, son ratiñas espidas. Isto é como se prohibiran o Gernika porque o cabalo vai sen roupa.
MAUS que gañou o Pulitzer en 1992, conta a terrible historia da aventura de como o pai e a nai do autor, xudeus polacos que sobreviviron a Auschwitz, puideron chegar ata Brooklyn. O libro debería ser lentura obrigada en todos os colexios do mundo. É unha verdadeira obra de arte que ilustra unha barbarie. As veces a historia é un thriller, tan emocionante que non podes evitar pensar que ao final van salvarse todos. Está ben escrito, ben narrado, con debuxos escuros, agresivos, en branco e negro. E a historia dos seus devanceiros. O pai do autor contoulle a súa vida durante a Segunda Guerra Mundial, nunha serie de entrevistas que o artista lle fixo e gravou antes de que morrera. A nai, pola contra, non puido co peso da memoria. MAUS é un testemuño dun tempo e unha atrocidade que non se pode ignorar e menos negar.
O que chaman a cultura da negación, da cancelación, non é máis que o rancio fascismo de sempre. Inventámonos novas expresións, non sei se por medo o para quitarlle perigo a vida e embelecer a realidade. Pero o control da educación hasta niveis da negación do Holocausto, é a punta do iceberg do fascismo. Levo anos traballando en editoriais que fan os libros de texto para escolas públicas dos Estados Unidos, seguindo os deseños curriculares dos Consellos de educación de cada estado. Hai máis de vinte anos non se vía nunca una parella de distintas razas. Hoxe as xentes do colectivo LGTBIQ+ sigue sen aparecer nestes libros. Non existen. Están prohibidos. Máis dunha vez téñome sentado en reunións para escoitar, con cara de póker, que non hai problema con ser homosexual, pero que o lobby das Asociacións de Pais e Nais nun municipio de Florida ou de Texas, etc., si teñen moitos prexuízos, e entón imos facer o que din eles porque se non, non compran os nosos libros. E deste xeito tan simple, matan dous paxaros dun tiro.
A negación da realidade e as mentiras non son máis que «danos colaterais». Por un lado venden libros como churros e por outro manteñen na ignorancia perpetua as mentes do futuro. Mentres que en California e a costa Este viven noutro universo onde aínda rexen o sentido común e a decencia, a maioría da educación pública dos estados do Sur é un negocio millonario gobernado polo fanatismo da extrema dereita. Cando escoito os dementes da estrema dereita española falar do pin parental e demais innovacións que queren impoñer nos seus programa de deseducación, acórdome que aos escravos lles tiñan terminantemente prohibido aprender a ler e a escribir. Quen non sabe pensar, non existe. Os escravistas tiñan ben claro que cultivar a ignorancia é o mellor látego.