Honorable vicepresident Pere Aragonès:
Non teño o gusto de coñecelo –de feito, cando leo o seu nome, o que me vén é a cara do seu imitador en Polònia– e, por suposto, vostede non ten nin idea de quen son eu. Pero iso agora mesmo non importa. Pense, simplemente, que son alguén que considera que se atopa ante un certo imperativo moral. Que sei algo que vostede non sabe e que sinto a obriga de dicirllo porque seguramente lle cambie a vida. Que sei como pode gañar as eleccións.
CHAN CHAN CHAN CHÁAAAAN….
Non, non marque esta carta como spam. Isto non é unha versión avanzada do conto do herdeiro africano que precisa axuda para sacar os seus cartos do país. Non estou buscando pasta. Só sacar da cabeza algo que, doutro xeito, non me deixaría durmir.
Sei que esta medianoite veñen de iniciar unha campaña atípica, marcada polo avance da pandemia, con territorios confinados e con actos electorais virtuais que terán máis protagonismo que os reais. Sei todo iso porque veño do seu futuro; un futuro que para min é pasado. Son galego e xa vivín todo iso en xullo de 2020, cando celebramos as nosas eleccións autonómicas. Así sei como se gaña neste escenario. Pero a miña receita só serve para quen está xa no poder. Por iso, aínda que sexa presidente en funcións, vostede é o único que pode aplicar esta estratexia.
Ademais, vostede teno especialmente doado. Si, porque ten nas súas mans a televisión pública máis manipulada do universo coñecido. Isto seino porque o lin en medios de probada obxectividade, medios que xamais dirían tal cousa de alguén que os subvencionase a eles. Contando con ese instrumento do noso lado, temos case todo o traballo feito. Pero non podemos durmirnos nos loureiros…
O primeiro que ten que facer é convencer o resto de partidos de suspender a campaña. E ten que ser xa. Como se van celebrar mitins –reais ou virtuais, tanto ten, que pouca diferenza hai– cando os nosos compatriotas están a morrer, cando os hospitais quedan pequenos, cando as UCIs rebordan, cando os negocios pechan e a economía afunde… Ninguén cun corazón latexándolle no peito podería resistir esta argumentación. Se non funciona, probe a acompañala de vídeos con adorables gatiños. Non haberá rival que se resista. Nin Arrimadas o faría, aínda que iso xa nunca o saberemos. No PSC, resistirán ata o final –os seus colegas galegos fixeron o mesmo, porque tamén cheiraban o cambio–, pero non se preocupe: acabarán cedendo á presión.
Unha vez suspendida a campaña electoral, imos coa segunda parte do plan: debe vostede comparecer na televisión pública para amosarse como o único salvador posible do país. O ideal, así o di a experiencia, é facelo cada dous días (para non aburrir) e sempre nese momento en que as familias se xuntan para comer. Invadir a hora do Telexorn… perdón; invadir a hora do Telenotícies Migdia é sempre un acerto, porque iso garante, ademais, que despois o informativo vai ter que facer unha síntese (eloxiosa, aínda que sobre dicilo) de todo o que vostede vén de contar.
E que vén de contar? Pois iso xa dá máis ou menos igual. O importante é a escenografía: decóreo todo de xeito ben institucional, que os espectadores non dubiden en identificalo a vostede cos símbolos do país. Que sintan que é o Gran Timonel, o Comandante en Xefe, o Winston Churchill que os vai guiar ata a vitoria final nesta guerra contra o coronavirus.
É recomendable dicir moitas cifras e extraer porcentaxes de todo, preferiblemente aquelas que nos deixen en mellor lugar que a outros puntos do Estado. E convén estar especialmente serio cando se fagan afirmacións lapidarias. Non importa que hoxe digamos unha cousa e pasado mañá a contraria, que niso non se fixa ninguén.
Ah! Tamén é moi importante achegar ideas propias, solucións orixinais, aínda que carezan de aval científico. O mellor é que estas propostas –brillantes, providenciais, salvadoras– dependan sempre do Goberno central porque, así, se non se aplican, a culpa será sempre de Pedro Sánchez (e non teño que dicirlle a quen mandou Pedro Sánchez como candidato a estas eleccións, verdade…?).
Tamén é moi importante achegar ideas propias, solucións orixinais, aínda que carezan de aval científico. O mellor é que dependan sempre do Goberno central porque, así, se non se aplican a culpa será sempre de Pedro Sánchez
Co seu electorado na casa, semiconfinado, o impacto da súa mensaxe multiplicarase exponencialmente. Se estivesen totalmente confinados, como aconteceu aquí, a porcentaxe de éxito da fórmula estaría por riba do 100%. De momento, só me atrevo a darlle un 80-90… pero con posibilidades de mellorar.
Imaxine que (a Mare de Déu de Montserrat non o queira) a situación pandémica empeora, todos temos que volver para casa e as eleccións adíanse ata novo aviso. Entón, si, señor Aragonès. Entón si que será o momento de aplicar este plan paso a paso para entrar vitorioso no Palau de la Generalitat, para ser president de verdade e non interino. Polo menos, ata que un xuíz veña quitalo de aí…
Imaxino a súa cara mentres le, vexo as dúbidas que lle sucan o rostro. O demócrata que leva dentro pregúntase se algo así se pode facer sen consecuencias na Europa do século XXI. Fíese de min, honorable vicepresident. Non só se pode: é que xa se fixo.
O que non se pode é poñer unha pancarta no balcón do Palau, nin subir a un coche da Garda Civil armado cun megáfono… nin sequera rapear que os Borbóns son uns ladróns. Pero isto que eu lle acabo de contar está amplamente aceptado. Polo menos, cando o facemos en Galicia. Ou, mellor, cando nolo fan aos galegos. Ou acaso hoxe venres non recibe Pedro Sánchez a Núñez Feijóo como lexítimo gañador das eleccións autonómicas…?
Non lle gustaría ser o seguinte? Pois fágame caso. Ou, mellor: fágallo a el.