Historias de belgadas: saúdos dende Tailandia!

Se están a ler o título desta nova columna non pensen que nos trasladamos ao sueste asiático e que este espazo comezará a chamarse «Sucando o río Mekong», ou que andamos na procura de praias paradisíacas entre o Pacífico e o Índico. Non, tan só é a reprodución da despedida dun preso belga aos seus carcereiros.

Con ese saúdo dende Tailandia despediuse hai uns días o recluso Oualid Sekkaki dos seus gardas. Un novo capítulo do que en Bruxelas a comunidade expatriada chama «belgadas», situacións incomprensibles e surrealistas que acontecen neste país, quen sabe se homenaxe inconsciente á René Magritte, a construción dunha avenida sen medir o seu ancho facendo imposible o paso de dous camións en sentido contrario ou a desaparición do terrorista Salah Abdeslam entre as caixas dunha mudanza.

Salah Abdeslam está acusado de participar nos atentados terroristas de novembro de 2015 en Francia.

O recluso Sekkaki escapara do cárcere de Turnhout antes do Nadal, trepando por un muro de seis metros de altitude en compaña de catro cómplices. O seu paradoiro era descoñecido ata que á prisión chegou unha postal dende Tailandia dirixida aos tres directores do centro. No sobre tamén ía a tarxeta de identificación de Sekkaki, unha persoa que cumpría dous anos de cadea pola súa implicación nun tiroteo. Sekkaki xa era coñecido da Policía, non vaian pensar, porque cumprira condena por asaltar unha vivenda e transportar 25.000 pastillas de éxtase. Todo isto ao sur de Amberes, a segunda cidade do país e porto de entrada europeo da cocaína suramericana, previo paso por España grazas á loxística, suponse, dos narcos galegos.

Sekkaki foi o más listo de todos os fugados ao evitar ser detido. Del non se sabía nada ata que chegou a postal cos saúdos dende Tailandia. A despedida do irmán de Ashraf Sekkaki, coñecido en Bélxica como «o rei da evasión» logo de escapar en helicóptero da prisión de Bruxas en 2009.

Oualid Sekkaki. Foto: Policía de Turnhout.

Seguindo con belgadas en prisións, hai pouco máis dun ano na fermosa localidade de Dinant tamén se produciu outra fuga singular. Un home foi quen de escapar empregando o método tradicional de descolgarse pola xanela grazas a unha saba, sen armas ou cómplices. Steve McQueen, Charles Bronson e Clint Eastwood sentirían certo orgullo egoísta de ter escoitado sobre esta nova.

Pero se queren saber unha máis relacionada con cárceres debemos relatar a triste e macabra historia de Marc Dutroux e Michelle Martin, dúas persoas que deixan ao Buffalo Bill de O silencio dos cordeiros como inocente criminal.

A finais dos 80, Dutroux pasara no cárcere tres anos dunha condena total de trece polo secuestro e violación de dúas menores. Posto en liberdade condicional, malia á oposición da fiscalía e os psiquiatras, é detido de novo en 1996. O que se descobre é unha auténtica casa dos horrores. Aproveitando o soto da súa vivenda, secuestra, viola e asasina a varias menores. Un dos seus avogados recoñecerá posteriormente que tentaba crear «unha cidade subterránea» nas antigas galerías mineiras, nas que «restaurar o ben e a harmonía». A súa condena foi cadea perpetua.

Marc Dutroux e a súa exmuller e cómplice Michelle Martin.

Michelle Martin, a súa dona, recibirá 30 anos de cárcere por colaborar nos secuestros, violacións e mortes cometidas polo seu marido, ademais de ser responsable do homicidio de dúas das nenas cando Dutroux xa estaba detido e as rapazas aínda secuestradas no soto, onde Michelle as deixou morrer. Se a historia non fose profundamente triste, o neglixente rexistro da casa pola policía belga sería unha «belgada» de libro.

E nun xiro aínda máis rocambolesco, logo duns anos en prisión, Michelle Martin pediu pasar o resto da súa condena nun convento en Francia. Loxicamente, os galos rexeitaron a solicitude pero en Bélxica, grazas a unha lei de 1888, a súa pena foi reducida á metade e permitíuselle a reclusión nun convento de clarisas ao sur do país. E alí segue, protagonizando unha das grandes belgadas.

*Na foto da apertura, imaxe da obra Five Easy Pieces do dramaturgo suízo Milo Rau na que propón unha viaxe ao corazón do horror da man de sete nenos de entre 8 e 13 anos. Está baseada no caso do pedófilo e asasino Marc Dutroux.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail