A hora de Galicia

En Galicia suceden moitas cousas anómalas. Algunhas escandalosamente anómalas. Por anotar unhas poucas anomalías recentes: o pechar salas de partos mentres se predica a natalidade para frear o derrubamento demográfico, ou desamparar na prestación de servizos as bisbarras abandonadas para logo laiarse do abandono. Mesmo consentir no abandono con efectos letais, como é o caso dos prolongados cortes no fornecemento eléctrico do rural nun país que exporta o 33% da enerxía que produce. Unha anormal anomalía enerxética que atranca o desenvolvemento, pero que ademais castiga a vida da poboación que aínda resiste en pequenas vilas, aldeas ou lugares. ¶ No pasado Nadal, case cen mil fogares sufriron eses cortes eléctricos en Galicia. Pode haber situacións explicábeis polo paso dun temporal, mais non é xustificábel neste tempo o desleixo na reparación do subministro. Neste contexto, produciuse o suceso de Curtis co falecemento por intoxicación de monóxido de carbono de tres persoas da mesma familia nunha casa onde, como en tantas outras, tiveran que recorrer a un auto-xerador. ¶ O actual Goberno galego abandona o mundo real e só se fai visíbel no mundo virtual. Mais o estado de anomalía non se soluciona con propaganda gobernamental. Esa é outra escandalosa anomalía. O uso sectario dos medios de comunicación públicos, mesmo ao límite de presentar unha declaración presidencial de Aninovo co formato de sketch do Club de la comedia. ¶ Alén da maquinaria administrativa, a actual Xunta semella pertencer a un mundo irreal. Só aterra na realidade para empeorala, para fuxir dela. O presidente Feijóo é un escapista que non pasará á historia da política circense. Mentres exerce en Galicia con mentalidade subalterna, de país de segunda división, tenta xogar cara fóra co ilusionismo persoal de ser un balón de ouro.  ¶ O que hai detrás diso? Moi pouco. Case nada. Nada. Feijóo semella un condutor nun estudo de cinema: pon cara de velocidade, mais o coche non se move. O país é un decorado, un fondo de croma. Máis que Galicia baleirada, cómpre falar dun Goberno baleiro. Até o mesmo Consello de Europa vén de avergoñalo por maltratar de anemia a lingua galega, o tesouro cultural que ten por custodia.  ¶ A reacción á reprimenda europea foi a propia dese actor que representa o papel de condutor acelerado que move encabuxado o volante dun coche estático. Foi desde esa mesma posición que se revirou anoxado polo acordo acadado en Madrid polo BNG coa coalición de esquerda que preside Pedro Sánchez. Os obxectivos dese acordo son respostas de sentido común a escandalosas anomalías. ¶ No xuízo final estará San Miguel coa balanza para pesar as almas. Haberá grandes sorpresas. Agora xa sabemos que o voto dun deputado cun puñazo de verdades, e co reloxo en hora de Galicia, pode poñer en evidencia a insoportábel levidade dun Goberno en deshora. ¶ Oxalá a hora de Galicia sexa o fuso horario dunha necesaria alternativa que recupere a resonancia, unha relación afectiva e intelixente nun país creativo e solidario, e tombe este decorado de cartón pedra podre de couza.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail