Listas de espera en Galicia: 300 días para unha rehabilitación e 710 para unha endoscopia respiratoria

A Coruña.- Os hospitais do sistema público de saúde de Galicia tardan máis de dous meses de media en atender unha consulta de especialista ou en realizar unha intervención cirúrxica desde que os médicos a recomendan, e poden demorarse máis de 700 días en realizar unha proba diagnóstica.

Así se desprende dos últimos datos das listas de espera do Servizo Galego de Saúde (Sergas), que indican que hai ao redor de 220.000 pacientes agardando a ser atendidos por un especialista; preto de 117.000 esperando por unha proba, e máis de 50.000 á expectativa de ser operados.

O Sergas ofrece esa cifras con carácter semestral, e as últimas que recolle se refiren a xuño deste ano. Non teñen en conta as chamadas listas de espera non estruturais, é dicir as que non son atribuíbles á falta de recursos e que afectan, por exemplo, aos pacientes que rexeitan ser derivados á sanidade privada.

As peores listas nas consultas de especialista de Galicia están na área sanitaria de Ourense, onde hai que agardar ata 300 días por unha cita para rehabilitación e case cinco meses –147 días– por unha de oftalmoloxía.

111 días de espera por unha cita do psiquiatra

En Vigo, a maior área sanitaria da comunidade, a espera para atención en psiquiatría elévase a 111 días. Na Coruña son 100 días para unha consulta en neuroloxía, o mesmo que en Ferrol. En Lugo hai que agardar cinco meses por unha cita en dermatoloxía; en Pontevedra, 97 días por unha en neuroloxía, e en Santiago, 80 para ser atendido por un especialista en traumatoloxía.

As maiores demoras en todas as áreas sanitarias da comunidade danse nas probas e estudos diagnósticos. Así, unha endoscopia respiratoria atrásase case dous anos –710 días– na área sanitaria da Coruña, onde un estudo de otorrinolaringoloxía tarda unha media de 483 días, é dicir un ano e catro meses. Unha ecografía vascular son cinco meses e medio.

Unha endoscopia respiratoria demórase case dous anos na área sanitaria da Coruña

En Lugo tamén hai que esperar máis dun ano –370 días– por un estudo cardiológico, e en Ferrol, case uno –360 días– por un estudo de diagnóstico dixestivo. Unha ecografía de mama atrásase alí cinco meses –151 días–. En Vigo, unha endoscopia de otorrinolaringoloxía son case 304 días de media –máis de dez meses–, e en Santiago, hai que esperar case 233 días –sete meses e dúas semanas– por un estudo de soño.

En canto ás listas de espera cirúrxicas, as peores están nos servizos de neurocirugía de Ourense e Santiago, con atrasos medios de 130 e 129 días, respectivamente. Unha intervención de traumatoloxía demórase 116 días na Coruña, e unha de otorrinolaringoloxía, case 84 días en Pontevedra e 76 en Vigo.

Aumentan un 12% os enfermos en lista de espera de ser operados

Segundo os datos do Sergas, o número de enfermos esperando unha consulta elevouse un 3,6% con respecto a decembro de 2023. O de quen agarda por unha proba diagnóstica, un 1,7% no mesmo período, e o de quen o fai por unha intervención cirúrxica, un 11,7%. A media de espera baixou de 73,4 a 71,6 días en consultas e subiu de 67,5 a 71,1 en intervencións cirúrxicas.

Tamén creceu o número dos pacientes con demoras de longa duración na súa atención hospitalaria: hai 3.400 enfermos que levan máis de 12 meses esperando a ser recibidos para unha consulta de especialista, 2.876 que levan máis dun ano agardando a que se lles realice unha proba diagnóstica, e preto de 14.000 con esperas superiores aos tres meses para unha operación.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail