Baltar despediuse de Deputación con 55.000 euros en gratificacións a funcionarios de confianza

A Coruña.- O expresidente da Deputación de Ourense, do PP provincial e senador por designación autonómica Manuel Baltar gastou antes de deixar o seu cargo en xullo pasado máis de 55.000 euros do orzamento público en incentivos e gratificacións a unha trintena de funcionarios do seu círculo de confianza.

Segundo a documentación á que tivo acceso Luzes-Público, os maiores beneficiarios, con cantidades superiores aos 2.000, os 3.000 e os 5.000 euros, son o que fora o seu chofer persoal e responsable do servizo de condutores da institución, outros tres traballadores da súa secretaría persoal e varios altos cargos e mandos intermedios de diversos departamentos.

Fuentes internas da Deputación confirmaron a Luzes-Público que a maioría das persoas máis próximas a Baltar que desempeñaron postos de confianza durante os seus mandatos foron confirmadas nos seus postos tras o ascenso á presidencia do novo líder do PP ourensán, Luis Menor, alcalde da localidade de Pereiro de Aguiar.

Menor foi senador ata o pasado agosto e é presidente do partido na provincia desde a renuncia de Baltar en outubro pasado.

Home de confianza de Feijóo

Segundo confirman fontes do PP, Menor é unha persoa da plena confianza do presidente do PP, Alberto Núñez Feijóo, e do seu sucesor na Xunta, Alfonso Rueda, quen o impulsaron como novo líder do partido na provincia.

Luzes-Público tratou sen éxito de contactar con Baltar para obter unha valoración sobre os sobresoldos cobrados polo persoal do seu círculo íntimo na Deputación. A contorna do novo presidente si respondeu alegando que se trata «dunha cuestión de xestión interna, debidamente fiscalizada polos órganos de control da Deputación e con pleno arreglo a dereito».

O expresidente renunciou a seguir á fronte da Deputación e do PP ourensán tras ser imputado por un delito contra a seguridade viaria por conducir a 215 km/h o coche oficial da Deputación, causa que se segue contra el no Tribunal Supremo dado que despois desa infracción obtivo a condición de aforado, cando Feijóo e Rueda acordaron facilitarlle un escano no Senado por designación do Parlamento de Galicia.

A maioría de afíns a Baltar foron confirmadas nos seus postos polo novo líder do PP ourensán, Luis
Menor

Entre as gratificacións que Baltar entregou antes de marcharse a unha trintena de funcionarios destacan as que percibiron tres persoas adscritas á súa secretaría persoal por valor de 5.400,49 euros, 5.209,90 euros e 5.200 euros, respectivamente. O seu chofer oficial percibiu outros 4.200 euros, e un alto cargo do departamento de Obras, outros 3.285 euros.

Retribucións extraordinarias

Ademais, hai outros tres funcionarios con retribucións extraordinarias por encima dos 2.000 euros e outros 19 con percepcións por encima dos de mil. O resto de cantidades oscilan entre os 260 e os 950 euros.

Entre os beneficiarios hai funcionarios con praza fixa, interinos e persoal laboral. As citadas fontes aseguran que en varios casos trátase de militantes do PP ou simpatizantes do partido que se presentaron en postos medios nas candidaturas do partido nalgún dos procesos electorais dos últimos anos.

Luís Menor, con Alfonso Rueda / Foto: PPdeG

Esas persoas recibiron esas cantidades en concepto de gratificacións e incentivos á produtividade, a pesar de que nas súas nóminas figuran xa complementos que representan nalgúns casos o dobre dos seus salarios base.

Varios dos beneficiarios son militantes do PP ou simpatizantes do partido que se presentaron nas súas listas

Segundo puido saber Luzes-Público, os orzamentos da Deputación de Luis Menor para o ano que vén manteñen a mesma previsión de gasto en retribucións extraordinarias que os que deixara Baltar para 2023. Iso non quere dicir que o novo presidente vaia a seguir usándoos, pero si que se reserva a posibilidade de facelo.

Cos votos de Jácome

Menor puido aprobar os novos orzamentos grazas aos votos da Democracia Ourensana de Gonzalo Pérez Jácome, o alcalde de Ourense a quen, á súa vez, o PP apoia no Concello para que poida manterse na Alcaldía.

Ademais do seu procesamento no Supremo, Baltar enfróntase a unha investigación aberta pola Fiscalía polos audios desvelados por Luzes-Público nos que o seu irmán recoñecía supostas mordidas de ambos na contratación de obras do organismo.

Antes da súa renuncia tamén se soubo que a Deputación negouse a identificar o condutor en varios expedientes por exceso de velocidade asignados ao coche que el conducía, e que outros correspondentes a outros vehículos oficiais da Deputación foran asumidas diante a Dirección Xeral de Tráfico por familiares do seu anterior condutor, xa xubilado.

Polo menos nun deses casos, unha desas persoas, tamén traballadora do organismo, tería visto como lle melloraban as súas condicións laborais ao ver consolidada a súa praza pouco despois de sinalarse como responsable da infracción e asumir o pago da multa.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail