A Coruña.- O Tribunal Supremo ven de inadmitir a trámite o recurso de casación presentado pola Xunta contra a sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) que anulou a licenza de ampliación dunha macrogranxa de pitos na localidade de Santa María de Congostro, no municipio de Rairiz de Veiga, na comarca ourensá da Limia. Segundo a providencia do tribunal, á que tivo acceso Luzes-Público, o Supremo non atendeu a ningún dos argumentos cos que o Goberno galego pretendía que o fallo fose revogado.
O 19 de novembro de 2021, a sala do Contencioso do TSXG anulou unha resolución da Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climatico da Conselleria de Medio Ambiente da Xunta, aprobada dous anos antes, pola que autorizaba a ampliación da macrogranjx de pitos da empresa Covirsa Freire, vinculada a Coren.
Esta última compañía explota de forma intensiva na comarca decenas de factorías avícolas e porcinas mediante xestión propia ou a través doutras firmas ou de traballadores autonómos. A enorme cantidade de residuos das macogranxas vertidos sen tratar ao medio provocou a contaminación de chans e acuíferos cos nitratos provenientes dos xurros e o esterco dos animais.
En concreto, Covirsa quería ampliar as súas instalacións en Rairiz de Vega para duplicar a súa capacidade, que pasaría duns 23.000 pitos por ciclo produtivo -son uns seis ciclos ao ano- a case 48.000. Para iso, e grazas á autorización da Xunta, construíu unha nova nave a escasos metros dunha vivenda. Os seus propietarios recorreron a licenza e o informe de impacto ambiental na que se baseaba, que nin sequera citaba a existencia da súa casa e no que non se lles consideraba como afectados polo proxecto.
O TSXG atendeu integramente a súa demanda e concluíu que a Xunta vulnerou o seu dereito «á saúde, a intimidade persoal e familiar, a inviolabilidade do domicilio e o dereito para gozar dun medio ambiente adecuado», e advertiu de que a ampliación da macrogranja supón «graves riscos» sanitarios polas emisións «de po, partículas, cheiros e ruídos», ademais de amoníaco e xermes transmisibles ás persoas «con consecuencias incalculables».
Carga contaminante
Así mesmo, os maxistrados estimaron que a autorización da Xunta expediuse sen valorar as repercusións da ampliación sobre os recursos hídricos dunha zona situada en Rede Natura 2000, na que o medio ambiente xa se viu afectado polos residuos gandeiros e no que calquera nova explotación supón unha afección evidente á capacidade da contorna para asumir máis carga contaminante. «A descrición dos aspectos ambientais que poden verse afectados polo proxecto e a avaliación dos seus efectos carece de rigor, é insuficiente, parcial, incompleta e vaga», establecía a sentenza.
A Xunta presentou diante do Tribunal Supremo un recurso de casación, unha figura extraordinaria que permite a un recorrente solicitar a anulación dunha decisión xudicial alegando a existencia de xurisprudencia en contrario doutro tribunal que, diante un caso idéntico, fallase de maneira oposta.
Na súa providencia, datada o pasado 14 de decembro, o Supremo nin sequera admite a tramite o escrito da Xunta por varias razóns. Entre outras, que carece de interese casacional, dado que non achega xurisprudencia en contrario que caiba casar fronte á sentenza do TSXG; e que os argumentos da Xunta carecen de fundamentación suficiente como para que os xuíces entren a valorar o fondo do caso. A decisión do Supremo é firme e contra ela non cabe recurso.
Fontes próximas á familia afectada pola explotación vinculada a Coren manifestaron a súa satisfacción pola decisión do Supremo, e expresaron o seu desexo de que a sentenza do TSXG sexa declarada firme e que o tribunal ordene canto antes a súa execución.
Luzes-Público preguntou no seu día a Coren polo caso, pero a empresa non quixo contestar nin dar a súa versión. Ao peche deste artigo, tampouco a Consellería de Medio Ambiente respondera ao ofrecemento deste medio para que valorase a decisión do Tribunal Supremo.