Denuncian unha fraude nos cursos para parados de tres concellos de Ourense para beneficiar a afíns ao PP

Desempregados excluídos dos talleres remunerados que organizan A Merca, Cartelle e Ramirás aseguran que lles puntuaron á baixa por entrevistas que nunca lles fixeron e que non lles deron recibo da documentación que entregaron para acreditar outras circunstancias baremables.

A Coruña.- O BNG ven de denunciar irregularidades nos procedementos de acceso aos cursos remunerados de formación para parados financiados pola Xunta de Galicia en tres municipios de Ourense para entregar as prazas a persoas afíns ao Partido Popular, que goberna nas localidades da Merca, Cartelle e Ramirás, na comarca de Terra de Celanova.

Os cursos forman parte do que a Xunta denomina «talleres duais de emprego», nos que ademais de recibir formación profesional, as persoas desempregadas desenvolven un traballo remunerado en actividades de utilidade pública ou interese social.

Entre outras anomalías, os afectados aseguran que non se relizaron as entrevistas persoais que figuraban nas bases, que se vulneraron os criterios de avaliación, que se esixiu e recolleu en man documentación que debía ser selada en rexistro co correspondente recibín, e que se incumpriron os prazos e condicións de reclamación para evitar que as persoas prexudicadas puidesen emendar a súa exclusión.

María Jesús Lorenzana, conselleira de Educación / Foto: Xunta

O Obradoiro de Emprego Río Arnoia, que promoven os citados concellos, ofrece anualmente talleres de xardinería e albanelería con cargo aos fondos autonómicos, que financian tanto os gastos de profesorado e posta en marcha e desenvolvemento dos talleres a cargo dos concellos como a contratación dos participantes.

Estes reciben unha remuneración equivalente ao 100% do salario mínimo interprofesional. O custo total rolda os 370.000 euros por curso, e a Xunta orzou preto de 13,5 millóns de euros para a convocatoria do 2022 en toda a comunidade.

Segundo contou a Luzes-Público un dos persoas prexudicadas, o pasado mércores 6 de outubro presentouse no Concello da Merca, onde debían realizarse as probas de avaliación dos aspirantes. Xunto a outras sesenta persoas esperou na rúa ata que as foron chamando, de tres en tres, para entregar a documentación requirida, que os funcionarios recolleron en man e sen devolverlle xustificante ningún de rexistro.

Concello de Cartelle / Foto: Concello de Cartelle

A admisión nos cursos remunerados está suxeita á obtención de puntuación por dúas vías. Unha, obxectiva, pola acreditación documental de determinadas circunstancias persoais, como, ademais de estar no paro, non percibir subsidio de desemprego, ter certificado de discapacidade, estar en risco de exclusión social, ter fillos e fillas a cargo, ou ser muller vítima de violencia de xénero, entre outras.

A outra proba baremable era a suposta entrevista, que os afectados que denunciaron as irregularidades aseguran que ninguén lles fixo, pero polas que os baremaron con notas moi baixas e con menos da metade da puntuación da que obtiveron algúns dos admitidos.

O día en que se presentaron ás probas, nas que só puideron entregar a documentación, aseguran que os funcionarios lles indicaron de palabra que as listas provisionais sairían ao día seguinte, xoves. Pero non apareceron na web do Concello de Cartelle ata o luns, é dicir a piques de expirar o prazo de tres días hábiles para reclamar que establecían as bases dos cursos. Tamén lles indicaron que o formulario de reclamación figuraba en pdf como anexo á lista provisional, pero non era así, de forma que ninguén puido reclamar.

«Nos pobos coñecémonos todas, e todas sabemos que as persoas admitidas son afíns ou familiares de persoas próximas ao PP», asegura unha das afectadas, que prefire gardar o seu anonimato.

Casa do Concello da Merca

Fontes do Concello da Merca, que goberna José Manuel Garrido -o seu antecesor, Manuel Velo, deixou o cargo no 2019 tras unha condena por desobediencia-, negaron a Luzes-Público calquera tipo de irregularidade e subliñaron que se seguiron escrupulosamente as bases da convocatoria.

Tamén engadiron que a documentación recibida rexistrouse debidamente e que se cumpriron os prazos estipulados nas bases, aínda que admitiron que a algúns candidatos non se lles realizou unha entrevista cando se constatou que a puntuación que obtiveran na fase obxectiva do proceso era demasiado baixa para que nin sequera coa máxima nota na entrevista superasen ao resto.

Luzes- Público tentou sen éxito obter a versión do alcalde de Cartelle, Jaime Sousa Seara, e da alcaldesa de Ramirás, Isabel Gil Álvarez. Este medio tamén se dirixiu á Consellería de Emprego e Igualdade, que dirixe María Jesús Lorenzana, pero non obtivo resposta á pregunta de se a Xunta está ao tanto das denuncias.

Casa do Concello de Ramirás

Aos afectados que presentaron unha reclamación diante a administración autonómica, a Xunta contestoulles que non ten competencias nos procesos de selección de aspirantes aos cursos do Obradoiro Río Arnoia.

A portavoz do BNG en Cartelle, Ernesta Seoane, denunciou o incumprimento das bases do proceso e reclamou explicacións aos alcaldes dos tres concellos.

«Esiximos aos gobernos municipañes da Merca, Cartelle e Ramirás que expliquen como é posible que se desen puntuacions por unhas entrevistas que nunca se realizaron, como é posible que esas entrevistas non se realizasen se estaban nas bases, e como é posible que esas puntuacións de entrevistas inexistentes resultasen determinantes para adxudicar as prazas de alumnas-traballadoras», dixo.

O portavoz do PSOE nese Concello, Jesús Pereira Vázquez, tamén anunciou que presentará unha moción municipal sobre o caso.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail