Asfalto de ouro

O asfalto co que se está a ampliar a Autoestrada do Atlántico (AP-9) nas contornas de Vigo e Santiago de Compostela, vaise converter nun maná de centos de millóns extraordinarios para Audasa, a sociedade concesionaria da vía que vertebra Galicia de norte a sur, grazas á imperiosa necesidade de incrementar a capacidade da ponte de Rande. Pero tamén á sobredimensionada obra coa que se está a piques de vestir a autoestrada ao seu paso pola capital galega.

A empresa vai inaugurar unha ampliación que en Santiago chega a ter cinco carrís por sentido. Antes da reforma, este tramo de 8,5 quilómetros tiña dous carrís en cada dirección e unha intensidade media diaria de circulación, segundo o Ministerio de Fomento, de 34.000 vehículos, unha cifra elevada pero nada excepcional en vías destas características. Hai outras estradas galegas con intensidades similares ou incluso moi superiores en Vigo (A-55), A Coruña (AC-12) e Ourense (N-525) que non son ampliadas, porque están lonxe da capacidade máxima determinada na lexislación e, sobre todo, porque non se podería facer caixa xa que son libres de peaxe.

O principal e case único problema está no enlace Santiago norte, que conecta a AP-9 coa estrada SC-20 (o periférico) mediante un único carril. Neste punto, a autoestrada sofre problemas nos seus niveis de servizo a determinadas horas punta, debido a que o enlace é un funil para a circulación e a cola esténdese polo carril dereito da AP-9, entorpecendo os tráficos pasantes. Con todo, estas obras non ampliaron o enlace que seguirá a taponar a saída norte nos días de maior intensidade circulatoria, provocando os mesmos problemas pero cobrando máis cartos.

O principal e case único problema está no enlace Santiago norte, debido a que é un funil para a circulación e que estas obras non ampliaron

No 2011, para levar a cabo a ampliación entre os enlaces de Cangas e Teis e a innecesaria reforma en Santiago, o Goberno central non quixo investir cartos públicos e endosou as obras á concesionaria, que asumiu o custe a cambio de aplicar importante subas da peaxe durante décadas. Os actuais donos da AP-9 son o fondo Corsair (38%), Abanca (23,8%), Kutxa (16,3%), Sacyr (15,5%) e Liberbank (5,8%).

En 2011, o Goberno de José Luis Rodríguez Zapatero, estando en funcións, asinou o convenio para a ampliación da circunvalación de Santiago e a ponte de Rande, onde a intensidade media diaria do tráfico case duplica á da circunvalación. Ese convenio permite un incremento do custe dun 1 % acumulativo durante 20 anos. A finais de 2012, o Goberno de Mariano Rajoy asinou un protocolo que incluía outras reformas nos accesos á Coruña e Santiago, e tamén compensacións por peaxes na sombra entre Vigo e Pontevedra. Este  protocolo permite outra suba da peaxe do 0,9 % durante catro anos, que se mantén a pesar de que a obra na Coruña non comezou porque finalmente o Ministerio de Fomento decidiu asumir esa ampliación mediante os seus orzamentos. O incremento total da peaxe durante o ano 2018 será do 3,8%, ao sumar á alza do IPC os incrementos extra cos que PP e PSOE agraciaron a Audasa e que aínda terán que ser validados polo Consello de Ministros nos vindeiros meses.

Ampliación da AP-9 ao seu paso por Santiago.

A ampliación de Santiago, innecesaria por volume de tráfico, é moi útil para a concesionaria: a maior custo da obra, maior incremento da peaxe a repercutir, o que implicará un aumento da caixa. Se a facturación de Audasa permanece estable (entre 130 e 140 millóns anuais na última década), a concesionaria sobrepasará os 500 millóns de euros extraordinarios ata o fin da concesión, dentro de 30 anos, bastante máis do dobre do custe das obras. E que a ampliación de Rande foi licitada por 174 millóns, pero finalmente foi adxudicada por 130 millóns. A ampliación de Santiago foi licitada por 102 millóns, pero foi adxudicada por 64 millóns, segundo oficializou o Boletín Oficial do Estado en xaneiro de 2015.

Se a facturación de Audasa permanece estable, a concesionaria sobrepasará os 500 millóns de euros extraordinarios ata o fin da concesión, bastante máis do dobre do custe das obras

Actualmente non é posible estender as cabinas de peaxe durante máis tempo porque a lei  limita as concesións a un máximo de 75 anos, e por iso se están a aplicar subas extraordinarias das tarifas. Pero o negocio que envolve a autoestrada do Atlántico leva décadas recibindo bendicións para dilatar a súa facturación grazas a todos os partidos políticos que pasaron polo Pazo da Moncloa. A pesar de que foi unha infraestrutura impulsada ao final da ditadura e de que os cobros aos usuarios remataban en 2012, segundo o decreto que firmou Francisco Franco en 1973, a UCD de Adolfo Suárez alongou a concesión un ano. En 1994 o Goberno de González ampliou o fin das cabinas de cobro ata 2023 a cambio da gratuidade en tramos urbanos. En 2000, tralo accidente da Ponte das Pías e para levar a vía ata Ferrol, Aznar estendeu a concesión ao límite máximo ampliando os cobros ata 2048, sete lustros despois da data que deixou firmada o ditador.

 

 

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail