Polo menos catro dos traballadores eventuais que contratou con cargo aos orzamentos do Concello e a Deputación recoñecen á policía que entregaban a Jácome en man e en metálico as supostas doazóns ao partido, que non declaraban nos seus IRPF
A Coruña.- O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jacome, cobrou durante anos en man, en metálico e sen declarar a Facenda as mordidas sobre os soldos dos asesores ficticios aos que contrataba con cargo aos fondos públicos da Deputación Provincial e do Concello.
Así figura nas actas das declaracións de polo menos catro supostos colaboradores do rexedor diante da Unidade de Delincuencia Especializada e Violenta ( UDEV) da policia nacional, que investiga as denuncias contra o alcalde por malversación e apropiación indebida do diñeiro que recibe o seu partido, Democracia Ourensana, para sufragar o funcionamento dos seus grupos municipal e provincial nas dúas institucións.
As mordidas en B que reflicten esas declaracións, ás que tivo acceso Luzes-Público, súmanse ás que abonaban outros supostos asesores, que ingresaban por banco ou por transferencia á conta corrente do grupo municipal as doazóns mensuais de ata o 60% dos seus soldos, incluídas as pagas extra, que o alcalde esixía nalgúns casos a cambio de darlles traballo. Esa conta era logo baleirada por Jácome mediante cheques e traspasos de cantidades de ata 40.000 euros por facturas por supostos servizos prestados ao partido pola canle de televisión propiedade do rexedor.
Entre os asesores do alcalde figuraba Camilo Fernández Pacios, quen, a pesar de non ter máis titulación que a Educación Xeral Básica -o equivalente a primeiro de Ensino Secundario Obrigatorio que cursan hoxe os alumnos de once e doce anos- foi contratado como asesor político da Alcaldía entre decembro do 2019 e maio do 2020, e posteriormente como auxiliar político desde setembro do ano pasado ata o seu cesamento hai uns meses.
No seu interrogatorio na policía o 20 de outubro do ano pasado, Fernández Pacios declara que entregaba 400 euros todos os meses ao alcalde «en man» e «dentro dun sobre» como achega voluntaria ao partido. Preguntado por se incluía esa doazón na súa declaración sobre o Imposto da Renda das Persoas Físicas (IRPF), o asesor explica que non o facía porque lle dixeron «que non facía falta».
Fernández Pacios cobraba unha pequena axuda social cando Jácome se fixo cos seus servizos «para realizar un censo, listaxe, relación de establecementos comerciais da cidade», conta á policía. Por ese labor cobraba un salario de 1.800 euros netos mensuais -máis de 34.000 euros brutos ao ano-, que se reduciu a 1.300 cando pasou a ser auxiliar.
O asesor admite na súa declaración que apenas pisaba o Concello e que ía á zona onde se sitúa a sede municipal «a almorzar» entre as oito e media ou nove da mañá e inventariaba comercios «ata a unha e media, de luns a venres», pero non sempre. Algúns días non ía traballar porque, aínda que estaba «ao dispor da Alcaldía», tiña «libre albedrío» para realizar as súas funcións.
Fernández Pacios confirmou a Luzes-Público a veracidade da súa declaración na UDEV, aínda que subliñou que as súas doazóns eran «para o partido», e que se sentiría «decepcionado» se resultase que o alcalde se apropiaba delas.
A lista dos supostos asesores que pagaban a Jácome en persoa continúa con Zaida Alejos Garrido, amiga da adolescencia do alcalde e e avogada con domicilio en Alcorcón (Madrid), quen foi contratada como colaboradora do grupo de DO na Deputación entre marzo do 2018 e outubro do 2020. Segundo declara á policía, fixo doazóns ata xullo do 2019, que tampouco rexistraba no seu IRPF, entregando 100 euros ao mes «en man» ao rexedor «aproveitando os seus desprazamentos a Ourense» con motivo das reunións no Concello.
Alejos explicou aos axentes que ela teletraballaba desde o seu domicilio en Alcorcón, e que cobraba un salario de 2.100 euros mensuais. Segundo as súas propias palabras as súas funcións ían desde a redacción de notas de prensa e mocións, ás «procuras na internet sobre temas que estaba a traballar o alcalde», pasando polas visitas aos mercados de Madrid para ver ocpcións para aplicar en Ourense o que vía na capital do Estado e polas reunións e a recompilacións de información «sobre provedores de contedores». Alejos di que non tiña «unha xornada regrada» e que algúns días era «de 24 horas» porque o alcalde lle encomendaba «multitude de labores».
Outra das traballadoras das que Jácome obtiña doazóns era María del Carmen Monteiro da Silva, psicóloga que foi contratada durante tres meses no 2015, cando Democracia Ourensana estaba na oposición, e desde o 2019 ata hai uns meses como asesora política do alcalde.
Monteiro admite diante a policía que nos dous períodos como colaboradora do rexedor facía doazóns de 200 euros ao mes, que tampouco declaraba no seu IRPF e que entregaba «en man ao propio Gonzalo Pérez Jácome na sede do partido, en Jolper». Jolper é a tenda de música que rexenta a familia do alcalde, onde tamén está instalado o estudo da súa cadea de televisión.
A muller declara que no 2015 cobraba un salario de 1.300 euros e que «non ía fisicamente a traballar». Monteiro asegura que Jácome contratouna para «reorganizar as áreas do Concello revisando a listaxe de persoal», pero que entre decembro do 2019 e setembro do 2020 non acudía ao Concello porque «teletraballaba» desde a oficina do seu marido ou realizaba «traballo de campo para o parque canino e un estudo de agricultura ecolóxica»”. Desde setembro do ano pasado incorporouse á Secretaría da Alcaldía, coas funcións de «coller o teléfono e recibir xente».
María del Carmen Monteiro está casada con Manuel Gutiérrez Álvarez, outro asesor de Jácome na Deputación que declarou aos axentes da UDEV que el si ía traballar a un despacho na sede desa institución. Tamén realizaba doazóns periódicas, que a súa muller cifra en 200 euros aínda que en realidade eran de máis de 500 euros mensuais, que segundo a documentación bancaria á que tivo acceso Luzes-Público se libraban mensualmente mediante transferencia á conta de DO.
Gutiérrez negouse a explicar a este diario por que, ao contrario que o seu esposa, ingresaba as doazóns mediante transferencia deixando, por tanto, rexistro fiscal desas operacións. Luzes-Público non puido contactar con Monteiro para saber por que ela, con todo, entregábaas en man a Jácome e non as incluía na súa declaración da renda.
Outro dos que confesou á policía que facía doazóns dándolle diñeiro en metalico ao alcalde é Germán López Vázquez, quen facía entregas mensuais de 100 e 200 euros que tampouco facía constar na súa declaración do IRPF. Foi contratado entre o 2015 e o 2018 no grupo de DO na Deputación; posteriormente no do Concello entre xuño e setembro do 2019, e de novo na Deputación desde decembro dese ano ata outubro do 2020, cando Jácome cesouno, poucos días antes da súa declaración na UDEV, para darlle de alta en Jolper.
Ata o seu primeiro emprego no 2015 como asesor político, López Vázquez traballaba como «técnico de son en diversas orquestras» e como «autónomo en aluguer de aloxamento para xogos en liña», segundo figura no currículo que entregou na Deputación. E aínda que foi contratado por Jácome con cargo a ésta e ao Concello, o que facía en realidade era traballar para a empresa do alcalde. A súa función, segundo declarou á UDEV, era «a realización de gravación en Auria Televisión», a canle de televisión local que Jácome xestionaba a través de Jolper.
«Os labores que realizaba durante ese período eran a gravación de actos do Concello, plenos e outros eventos, realizando posteriormente a edición e postproducción das imaxes para a súa difusión final en Auria Televisión», reza a acta policial. Cando os axentes o interrogáron, López Vázquez xa estaba contratado por Jolper, e cando se interesaron polas razóns polas que desenvolvía na empresa do alcalde «as mesmas funcións que desempeñaba como persoal eventual no Concello de Ourense e na Deputación Provincial», o traballador non soubo explicalo: «Foi unha decisión do alcalde» cambialo de posto en varios ocasións durante ese tempo, «sempre desempeñando as mesmas funcións».
A lexislación española permite aos militantes de partidos políticos deducir o 20% das súas achegas, tanto cotas como doazóns esporádicas, cun máximo anual de 600 euros. A dedución non é obrigatoria para o doante, o que exime de calquera responsabilidade fiscal aos asesores do alcalde de Ourense, que afirman que se trataba de doazóns voluntarias. Pero si é obrigatorio para o receptor declarar eses ingresos.
Jácome despachou este mesmo venres o ofrecemento deste medio para que explique a súa versión dos feitos, cun lapidario insulto ao xornalista que tentou preguntarlle se ingresaba as doazóns dos seus asesores na conta corrente do partido, se as rexistraba na contabilidade da formación ou se, en caso de quedarllas, as incluía na súa declaración da renda. «Pobre mediocre», limitouse a contestar Jácome nunha mensaxe de Whatsapp.