Povisa, crise no maior hospital privado de Galicia que vive de facer negocio coa sanidade pública

A Coruña.- O maior hospital privado de Galicia, unha policlínica de Vigo que vive da sanidade pública e que cambiou de propiedade tres veces no últimos dez anos, enfróntase a unha nova crise por unha fuga de médicos e pacientes que alertou á Xunta polo risco de que poida poñer patas para arriba a atención sanitaria na zona máis poboada da comunidade.

Trátase do hospital Ribera Povisa, propiedade do grupo Vivalto-Santé, o terceiro holding privado máis grande da sanidade francesa. Povisa mantén desde hai décadas un concerto coa Administración autonómica para atender máis de 110.000 pacientes da sanidade pública que residen en Vigo e nunha trintena de municipios da súa área de influencia. O último acordo, asinado en xaneiro deste ano, contempla un prezo de máis de 195 millóns ao ano por 24 meses de servizo.

No últimos seis meses, segundo datos do Servizo Galego de Saúde (Sergas), Povisa perdeu 3.000 pacientes –tiña 115.600 en 2024, que se reduciron a 112.543 o pasado mes de agosto–, pouco despois de que as diferenzas entre o staff médico e a nova xerencia da clínica derivasen na saída de persoal a hospitais público por parte de enfermeiros, médicos veteranos ou mesmo xefes de servizo. Segundo a prensa local serían arredor de oitenta facultativos, o que deixaría algúns servizos baixo mínimos. Hai catro semanas, os anestesistas do centro mesmo chegaron a reclamar ao Sergas que interviñese o seu servizo alegando deficiencias e falta de persoal.

Povisa deféndese asegurando que conta «cos recursos humanos necesarios para atender a todos os seus pacientes coas máximas garantías de seguridade e calidade», e lembra que dispón dun persoal de 480 médicos e máis de 800 persoas no equipo de persoal de enfemería. «Non hai ningún hospital privado en Galicia con tantos profesionais», sosteñen fontes da empresa, que explican que «os movementos de profesionais entre hospitais son algo habitual, como en calquera outra contorna laboral».

Referencia

Povisa é o acrónimo de Políclínico de Vigo Sociedade Anónima, unha empresa fundada a finais dos 60 por un grupo de médicos da cidade que abriu o sanatorio en 1973. O centro foi atraendo profesionais de toda Galicia e converteuse en referencia de calidade asistencial en pleno auxe da medicina hospitalaria. Durante os gobernos de Manuel Fraga nos anos noventa, a empresa, que foi adquirida polo navieiro vigués José Silveira, consolidou os convenios coa Xunta, que converteron a atención a pacientes da sanidade pública na súa gran fonte de ingresos. O concerto bianual coa Xunta representa máis de 95 millóns ao ano. En 2023, Povisa, incluíndo a súa actividade privada, tivo unha unha facturación de 117,8 millóns. Ademais do hospital de Vigo, Ribera ten outra ducia de centros en Galicia: outros dous sanatorios en Lugo e Ferrol, e unha ducia de centros médicos nas provincias da Coruña, Lugo e Pontevedra.

A finais de 2019, e despois de estar a piques de entrar en concurso de acredores, Silveira vendeu o hospital por 22 millóns de euros a Ribera Salud, a marca valenciana en realidade propiedade dunha multinacional estadounidense –Centene Corporation– á que Eduardo Zaplana encomendara a prestación de servizos sanitarios integrais en plena onda de privatizacións de José María Aznar. Apenas dous anos despois, Centene vendeu Ribera a Vivalto-Santé.

O hospital Ribera Polusa de Lugo / Foto: Ribera Polusa

Os traballadores aseguran que ven a crise de Povisa «con preocupación, pero sen alarma», en palabras de Rafael Agrás, delegado da Confederación Intersindical Galega (CIG) e presidente do comité de empresa, quen asegura que a saída de médicos e enfermeiras de Povisa «é un problema cíclico». «É certo que nun período curto de tempo fóronse moitos profesionais, pero débese ao proxecto vital de cada un e tamén porque o Sergas ofertou concursos de méritos, é dicir, que se pode conseguir unha praza [na sanidade pública] sen pasar pola última oposición».

Agrás tamén explica que a venda de 2019 a Ribera Salud supuxo «pasar a un modelo empresarial distinto, con cambios na alta dirección, na xestión, nas relacións laborais… As discrepancias que poida haber agora entre o colectivo médico e a dirección non deberían afectar á prestación do concerto. As reclamacións de salarios, xornada, permisos, etcétera, débense facer coa negociación colectiva dentro do marco legal do noso convenio», lembra o presidente do comité.

«Opacidade e falta de transparencia»

Manuel Marín, portavoz de SOS Sanidade –a plataforma que agrupa a sociedade civil organizada en defensa da sanidade pública– lembra que a súa asociación xa criticou en maio, cando o Sergas renovou o concerto de Povisa, a «opacidade e falta de transparencia» dunha operación que cambiou os criterios do acordo –antes a empresa recibía unha cantidade por usuario cuberto e agora faino por servizo efectivo prestado–. Marín tamén rememora que o hospital atende a preto do 20% da poboación total da área sanitaria de Vigo porque non existen «recursos públicos alternativos», o que lle dá á empresa un enorme poder de negociación.

A Xunta, pola súa banda, sostén que o acordo con Povisa inclúe o deber «vinculante» por parte da dirección de «dispoñer do persoal necesario e adecuado para a execución do contrato, nos termos contractuais e legalmente establecidos e coa máxima calidade esixible». «Particularmente esíxese a cobertura dos medios persoais de forma que a execución do contrato e a adecuada resposta desde o punto de vista asistencial quede sempre garantida», engaden fontes do Sergas, que explican que as recentes reunións mantidas por responsables da Consellería de Sanidade da Xunta coa dirección de Povisa son normais e enmárcanse nas tarefas habituais de «seguimento do contrato».

Fontes do Concello de Vigo, que goberna o socialista Abel Caballero, preguntadas por Luzes-Público respecto da situación de Povisa, sosteñen que, na súa opinión, «a dedicación da Xunta á calidade sanitaria en Vigo está baixo mínimos», e manifestan «todo o apoio ao persoal sanitario de todos os hospitais de Vigo». «Queremos que a asistencia sexa excelente e é a Xunta quen a ten que garantir», conclúen.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail